A UE di que o Goberno central non ve necesario controlar os residuos nucleares fronte a Galicia

Cargueiros cos bidóns de residuos fotografados desde o 'Xurelo' (Foto: Xosé Castro) © Xosé Castro

A Comisión Europea responde a unha pregunta do eurodeputado socialista José Blanco sobre os vertidos na foxa atlántica dicindo que non coñece novos estudos sobre o seu estado, que España non pediu controlalos e que tampouco transmitiu que o vaia facer ela

“A Comisión non ten coñecemento de novos estudos científicos sobre o estado dos residuos radioactivos vertidos na foxa atlántica. Tampouco foi informada polas autoridades españolas de ningún plan para levalos a cabo. As autoridades españolas non plantexaron á Comisión a necesidade de tales estudos”. Esa é a resposta que a Comisión Europea vén de dar ao eurodeputado socialista José Blanco sobre os residuos nucleares que desde 1949 e ata hai 35 anos varios países europeos guindaron ao Atlántico fronte a Galicia, que segundo puido comprobar este diario ninguén está a vixiar con ningún programa permanente de supervisión.

 

Entre 1949 e 1982 somerxéronse fronte a Galicia 140.000 toneladas de residuos radioactivos en bidóns e unha ducia de organismos españois e internacionais foron incapaces de responder se alguén os controla de xeito periódico

Durante varios meses este diario preguntou a unha ducia de institucións estatais e internacionais sobre uns residuos que nalgúns casos levan preto de 70 anos no fondo do Atlántico, pero a maioría das entidades contestaron que non é a súa competencia vixiar aqueles bidóns e que tampouco saben de ninguén que o faga, mentres que unhas poucas coincidiron en responder que houbo campañas de análise no pasado que non ofreceron datos preocupantes, pero non foron quen de precisar quen e en que momento realizou as últimas investigacións nin cando será a próxima. Entre esas institucións preguntadas figuraba tamén a Comisión Europea, que remitiu a responsabilidade de supervisar eses residuos a outros organismos internacionais e non foi quen de dicir cando se realizaron os últimos estudos nin cando serán os próximos.

Á Comisión Europea tamén lle formulou unha pregunta sobre a cuestión o eurodeputado socialista galego e ex-ministro de Fomento José Blanco. O Executivo comunitario vén de responderlle agora coa antedita contestación de que nin a Comisión sabe de novos estudos sobre eses residuos, nin o Goberno español lle pediu realizalos, nin lle transmitiu que os pense facer el. No seu momento o Goberno central, a diferenza do resto de institucións internacionais que si explicaron en detalle as súas propias competencias, rexeitou responder ás preguntas deste diario.

Tripulantes do 'Xurelo' estudando o itinerario a seguir para atopar os barcos holandeses © Xosé Castro

Cada Estado é responsable de controlar a radioactividade no seu territorio, e os residuos da foxa atlántica están fora das augas territoriais, pero o Goberno tampouco amosa preocupación para que os vixíe outro país ou organismo internacional

Na resposta da Comisión a Blanco tamén se engade que cada Estado membro da UE é responsable de controlar a radioactividade no seu territorio, incluías as súas augas territoriais, e que a UE supervisa cada certo tempo se ese control se está a realizar de xeito correcto. Porén, os residuos da foxa atlántica están fóra das augas territoriais, polo non lles é aplicable esa normativa. De feito, a Comisión remite a Blanco aos informes desas avaliacións que a UE fai de xeito periódico sobre como España supervisa a radioactividade no seu territorio e nelas só aparecen minas de uranio en Salamanca, o accidente de Palomares ou centrais e outras instalacións nucleares. A resposta a Blanco ratifica así que ningunha das principais institucións internacionais e estatais supervisa eses residuos de xeito permanente nin son quen de dicir se alguén o fai.

Greenpeace reclamou que os estados que os verteron vixíen os residuos

Ademais da pregunta de Blanco á Comisión Europea, tamén hai preguntas formuladas pola cuestión pendentes de resposta de En Marea ao Goberno central e do BNG á Xunta. Pola súa banda, Greenpeace, que xunto con mariñeiros galegos a bordo do Xurelo participou nas campañas que lograron a fin dos vertidos, esixe que sexan os países de orixe deses vertidos os que os controlen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.