Constatada a degradación de bidóns nucleares fronte a Galicia na súa primeira observación directa

Un dos bidóns con refugallos nucleares máis deteriorados, fotografado polo Nautile a 4.700 metros de profundidade na misión Nodssum 2026 © CNRS | NODSSUM Cruise, CNRS, Flotte Océanographique Française, IFREMER, MISO Facility/WHOI

A segunda misión do proxecto científico francés NODSSUM descende no submarino Nautile case 5.000 metros ata os barrís con refugallos radioactivos guindados á Foxa Atlántica, de cuxo control as autoridades internacionais seguen a desentenderse

Hai case unha década Praza.gal puido constatar, tras unha ampla investigación que incluíu consultas a unha ducia de organismos internacionais, que ninguén estaba a vixiar con regularidade o estado dos residuos nucleares guindados á Foxa Atlántica, fronte ás costas galegas, cando se facían 35 anos das derradeiras verteduras, iniciadas nos anos 50 do século XX. A pescuda xornalística deste xornal chegou aos parlamentos galego, español e europeo e, en resposta a iniciativas de varios partidos, ficou certificado que as autoridades do Estado e da UE se desentenderan dese control.

O pasado 2025, cando xa transcorreran máis de catro décadas da fin duns vertidos de bidóns nucleares que acabaron prohibidos en boa medida grazas á implicación política e social galega da man de Greenpeace, o proxecto científico francés NODSSUM lanzou a primeira campaña de control ao respecto. Nunha primeira fase, culminada hai agora un ano, mapearon 3.355 destes barrís (o total supera os 200.000) e obtiveron pistas que veñen de constatar na súa segunda misión: cando menos unha parte dos refugallos están moi degradados, mentres que outros están aparentemente nun estado de conservación moito máis favorable.

Bidóns con refugallos radioactivos na Foxa Atlántica, captados dende o Nautile a entre 3.500 e 4.700 metros de profundidade durante a misión Noddsum 2026 © CNRS

O pasado 28 de xuño rematou a segunda misión NODSSUM. Outra volta liderada polo Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) de Francia e con varios colaboradores internacionais (entre eles, o Centro de Aceleradores da Universidade de Sevilla e mais a Universidade de Girona), permitiu a primeira "observación directa de varios bidóns e a súa contorna inmediata". Grazas a unha vintena de inmersións "a profundidades superiores a 4.700 metros" a bordo dun submarino da Frota Oceanográfica Francesa que é un vello coñecido da sociedade galega, o Nautile, que descendeu aos restos do Prestige para, entre outros labores, selar as súas fugas.

A expedición liderada polo Centro Nacional da Investigación Científica de Francia puido "documentar o avanzado estado de degradación de varios bidóns" e "vertidos do seu contido nalgúns casos". Os niveis de radioactividade, confirman, son "limitados"

Tanto esas primeiras observacións directas como as mostras recollidas, especificou o CNRS tras o regreso a terra do equipo científico, "proporcionan novos datos sobre eses residuos mergullados". Entre as primeiras evidencias, resalta, "puideron documentar o avanzado estado de degradación de varios bidóns" e "vertidos do seu contido nalgúns casos". Tamén identificar os materiais que no seu momento foron empregados para pechalos, como betume ou cemento.

Na liña das descubertas de hai un ano, acrecentan, "as medicións in situ confirman a presenza de radionucleidos característicos destes residuos, a niveis de actividade superiores aos esperados nesta zona". O posterior traballo no laboratorio "permitirá a cuantificación" máis precisa, se ben "as medicións realizadas durante a misión indican niveis de actividade que seguen sendo limitados, o que permite a manipulación de mostras sen grandes restricións de protección radiolóxica".

Peixes, corais e esponxas mariñas, nun dos barrís con refugallos radioactivos captados polo Nautile na misión NODSSUM 2026 a uns 3.500 metros de profundidade © CNRS | NODSSUM Cruise, Flotte Océanographique Française, IFREMER, MISO Facility/WHOI

Alén de comprobar o estado dos bidóns, este control tras máis de corenta anos -salienta o CNRS- ten como obxectivo "comprender mellor as interaccións" entre "os 200.000 bidóns de residuos radioactivos e os ecosistemas das profundidades oceánicas" a uns 650 quilómetros ao noroeste da Coruña. Por iso recolleron "mostras de auga, sedimentos e organismos vivos para estudar os mecanismos de dispersión e transferencia de radioactividade no medio ambiente".

Tras a primeira misión a UE insistiu en deitar nos Estados a responsabilidade de vixiar estes refugallos

Asemade, van traballar estudando "a biodiversidade presente" nos propios bidóns. E o detalle das imaxes captadas mesmo poden "contribuír a identificar a orixe dalgúns dos barrís". Fican agora meses por diante para tentar "comprender mellor os mecanismos de transferencia e transporte de radionucleidos nas profundidades do océano, así como as súas interaccións cos ecosistemas abisais", explican medio ano despois de que a Unión Europea insistise en deitar nos Estados a responsabilidade de vixiar estes refugallos nucleares.

O BNG insta o Goberno de España a unha investigación de seu

Sobre esa responsabilidade estatal, precisamente, cuestionou ao Goberno de España o deputado do BNG no Congreso. Para Néstor Rego "resulta incomprensíbel" que o Estado "permaneza completamente á marxe dunha investigación desta relevancia" malia ao seu posible impacto "no ecosistema mariño galego".

Barrís con refugallos radioactivos na Foxa Atlántica, captados a 4.700 metros de profundidade polo Nautile na misión Noddsum 2026 © CNRS | NODSSUM Cruise, CNRS, Flotte Océanographique Française, IFREMER, MISO Facility/WHOI

Neste sentido, a través dun comunicado, Rego "lembra" que "na última resposta remitida a iniciativas parlamentarias" do propio Bloque, o Executivo español "recoñece que non contempla a retirada dos bidóns e limita a súa actuación á realización de análises radiolóxicas nas augas costeiras, sen efectuar controis na propia zona dos vertidos nin prever expedicións científicas específicas para inspeccionar o estado dos residuos". "Non chega con medir a radioactividade e detectar cando as correntes poidan trasladar calquera posíbel contaminación até a costa", advirte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.