"Os Estados membros xa poden levar a cabo a observación de radionucleidos", di a Comisión Europea nunha nova resposta a eurodeputados do PP tras a primeira misión en décadas aos bidóns radioactivos realizada o pasado verán por Francia
A finais de xuño unha misión científica francesa analizou o estado dalgúns dos milleiros de bidóns con residuos nucleares vertidos por varios países entre 1949 e 1982 no Atlántico, en augas internacionais, que non están a ser supervisados de xeito periódico por España nin por ningún organismo internacional, como investigou Praza.gal. Ante esa misión francesa eurodeputados de PP, PSdeG e BNG interesáronse pola postura da Comisión Europea sobre a supervisión deses residuos, ao que o executivo comunitario respondeu a finais de outubro que non vixía a radioactividade dos vertidos porque os Estados non o incluíron entre as súas competencias.
Tras esa resposta, os eurodeputados galegos do PP Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez Lázara insistiron con novas preguntas para saber se a Comisión ten previsto incluír as áreas de vertedura dos bidóns radioactivos nunha nova iniciativa de observación do océano e se valora poñer en marcha algunha actuación concreta de estudo dos bidóns en colaboración con algún Estado. A resposta que vén de emitir a Comisión Europea á primeira cuestión insiste en deixar as decisións en mans dos Estados mentres que a segunda pregunta é directamente obviada.
A nova resposta da Comisión, asinada polo comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, sinala que a nova iniciativa comunitaria de observación dos océanos non ten unha dimensión xeográfica "e os Estados membros poderán determinar que ámbitos observan".
Os vertidos radioactivos están en augas internacionais, por iso os Estados e a Comisión veñen desentendéndose deles. Na nova resposta a Comisión lembra que a obriga dos Estados é analizar a radioactividade que chega ás súas costas, o que ata o momento non deu sinais de alarma. Pero ante a falta de datos sobre a radioactividade dos bidóns en augas internacionais a UE di que "aínda que esta cuestión mencionada polas súas señorías non se abordará especificamente no marco da Iniciativa de Observación do Océano, os Estados membros xa poden levar a cabo a observación de radionucleidos".
Nada responde a Comisión Europea á pregunta expresa do PP sobre se valora "lanzar unha iniciativa en colaboración con algúns Estados membros responsables ou afectados polos vertidos dos bidóns, para o seu monitoreo e tamén para o estudo de posibles medidas coa fin de neutralizar os riscos de vertido".
A misión francesa fotografou bidóns "case intactos" e outros "extremadamente degradados", pero sen detectar "radioactividade moi significativa"
Antes destas respostas da Comisión Europea en setembro foi o Goberno de España quen se desentendeu dos residuos nucleares e mesmo obviou a misión francesa nunha resposta oficial ao Senado sobre a cuestión. Unha misión francesa que nas súas primeiras apreciacións a respecto dos residuos revisados -3.355 barrís a uns 650 quilómetros de Galicia, unha moi pequena parte de todos os guindados no Atlántico durante décadas- sinalou que non hai "radioactividade moi significativa" na contorna dos bidóns, algúns deles "case intactos" e outros "extremadamente degradados". As análises francesas continuarán en laboratorio e cunha segunda campaña á zona das verteduras dentro "de un ou dous anos".