Tres meses despois o Estado obvia a misión francesa aos bidóns nucleares e desenténdese deles

Comprobacións no submarino Ulyx da misión francesa que analizou os vertidos nucleares © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM / Javier Escartín

O Goberno de España non responde ao Senado, a preguntas do BNG, sobre as súas actuacións a respecto dos residuos nucleares fronte a Galicia nin se fixo algunha xestión ante Francia ou organismos internacionais

A finais de xuño unha misión científica francesa analizou o estado dalgúns dos milleiros de bidóns con residuos nucleares vertidos por varios países entre 1949 e 1982 no Atlántico, en augas internacionais, que non están a ser supervisados de xeito periódico por España nin por ningún organismo internacional. Tres meses despois o Goberno de España vén de contestar oficialmente ao Senado, a preguntas do BNG, que as competencias do Consello de Seguridade Nuclear (CSN) limítanse ao control da radioactividade en territorio español ou nas súas augas territoriais. Unha resposta que obvia as varias preguntas expresas formuladas ao Goberno sobre se fixo algunha xestión ante Francia ou outros organismos internacionais para coñecer o estado dos residuos ou que actuacións vai realizar respecto deles.

A resposta que dá agora o Goberno de España ao Senado a preguntas do BNG é similar á que, daquela co PP no Executivo, varios ministerios e organismos estatais deron en 2017 no marco dunha ampla investigación de Praza.gal que desvelou que ninguén está a vixiar de xeito periódico os bidóns nucleares. Niso coincidiron, entre outros, o Consello de Seguridade Nuclear (CSN), a Empresa Nacional de Residuos Radioactivos (Enresa), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou o Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC), dependentes dos daquela ministerios de Agricultura e Medio Ambiente ou de Economía, Industria e Competitividade.

Agora, como daquela, o Goberno salienta que España analiza a radioactividade que chega ao litoral, sen detectar ata agora ningún signo de alerta. Unhas análises que son á súa vez supervisadas pola Unión Europea, a última ocasión en 2021, como contou daquela este diario, cunhas conclusións favorables para España aínda que con recomendacións de mellora no que respecta á periodicidade das análises de alimentos mariños.

Resposta do Goberno de España ao Senado, a preguntas do BNG, na que di que comunicará "calquera información" a respecto dos residuos nucleares pero sen achegar ningunha información nova CC-BY-SA Praza Pública

O Parlamento de Galicia pediu en 2018 de forma unánime ao Goberno de España máis interese polos residuos nucleares en augas internacionais, pero agora o Executivo non é quen de detallar, malia varias preguntas, nin unha medida adoptada ao respecto

Pero máis alá de eximir o CSN da responsabilidade de analizar os residuos vertidos en augas internacionais, nada responde o Goberno de España ás varias preguntas concretas que se lle formulaban. Entre outras cuestións, a senadora do BNG Came da Silva preguntaba que información ten o Goberno sobre o estado dos bidóns nucleares, se realizou algunha actuación para coñecer a situación actual, se pediu algún seguimento á Unión Europea ou ao Organismo Internacional da Enerxía Atómica, se estableceu "canles de comunicación co Goberno francés" para coñecer datos da súa misión e en xeral "que actuacións preveu realizar o Goberno ante este asunto".

A ningunha desas cuestións responde o Goberno ao Senado, desentendéndose no seu escrito oficial á Cámara Alta dos bidóns en augas internacionais e da recente misión francesa. Incluso chega a dicir que "calquera información da cal puidera dispoñer [o CSN], sería informada e comunicada ao Congreso e ao Senado", algo que non fai na súa resposta oficial. Unha postura que adopta non só ante a pregunta da senadora do BNG senón despois de que o Parlamento de Galicia lle reclamase por unanimidade en 2018, tras a investigación de Praza.gal, maior interese polos residuso nucleares.

Un dos barrís fotografados pola misión Nodssum na Foxa Atlántica, cunha "probable" fuga de alcatrán © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM

As primeiras apreciacións da misión francesa sinalaron que non hai "radioactividade moi significativa" pero que algúns bidóns están "extremadamente degradados"

No que respecta á misión francesa, da que nada di agora o Goberno de España, as súas primeiras apreciacións a respecto dos residuos revisados -3.355 barrís a uns 650 quilómetros de Galicia, unha moi pequena parte de todos os guindados no Atlántico durante décadas- sinalan que non hai "radioactividade moi significativa" na contorna dos bidóns, algúns deles "case intactos" e outros "extremadamente degradados". Unhas análises que continuarán en laboratorio e cunha segunda campaña á zona das verteduras dentro "de un ou dous anos".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.