Os catro grupos do Parlamento de Galicia aprobaron este xoves de xeito unánime, a iniciativa de En Marea, reclamar ao Goberno central que se interese polo estado dos residuos nucleares vertidos entre 1949 e 1982 fronte ás costas galegas por oito países europeos. Unha proposta que se produce despois de que varios ministerios veñan de evidenciar que non están a facer ningún seguimento deses residuos radioactivos e de que a Unión Europea comunicase ao PSOE que España non lle amosou ningún interese ao respecto.
Os catro grupos aproban de xeito unánime, a iniciativa de En Marea e co apoio tamén do PP, que Xunta, Goberno central e os países responsables dos vertidos fagan todo o posible para obter información sobre o seu estado
A finais do pasado ano, coincidindo co 35 aniversario da fin dos vertidos radioactivos na denominada Foxa Atlántica, Praza.gal publicou unha investigación que revelou como unha ducia de organismos estatais e internacionais eran incapaces de aclarar se alguén vixía eses bidóns, que nalgún caso se están a aproximar xa ás sete décadas de antigüidade, con algún tipo de programa permanente de supervisión, cando se fixo por última vez ou cando se volverá facer. Tras esa serie de informacións, En Marea, PSdeG e BNG anunciaron unha serie de iniciativas ao respecto nos parlamentos galego, estatal e europeo.
O acordo textual aprobado este xoves pola Cámara galega a través dunha proposición non de lei é o seguinte: "O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que faga as xestións pertinentes ante as institucións europeas e os países responsables dos vertidos, que permitan asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica así como obter información que garanta que non están tendo impacto no medio ambiente, e a realizar todas as xestións políticas ao seu alcance para conquerir estes obxectivos". A este texto chegouse despois dunha negociación dos grupos sobre a proposta inicial formulada por En Marea matizada por populares e socialistas.
“O Estado español limítase a botar balóns fora dicindo que non é a súa competencia, ao parecer protexer a saúde dos españois e o medio ambiente non forma parte das súas atribucións”, critica En Marea
Na defensa da súa iniciativa, o viceportavoz de En Marea na Cámara, Antón Sánchez, criticou que “a inacción política de Núñez Feijóo e Mariano Rajoy neste tema podería ter consecuencias funestas para todos e todas nós”. Segundo En Marea, “non tería que ser preciso subliñar que os vertidos de residuos nucleares precisan dun control constante, xa que os riscos que entrañan non desaparecen co paso do tempo”. Por iso, a formación critica que “o Estado español limítase a botar balóns fora dicindo que non é a súa competencia. Ao parecer, protexer a saúde dos españois e o medio ambiente non forma parte das súas atribucións”.
Unha crítica que se produce despois de que varios ministerios discrepasen entre si, en sucesivas respostas a unha petición oficial de información, sobre quen ten a competencia de vixiar o posible efecto deses residuos vertidos en augas internacionais. A proposta aprobada polo Parlamento de Galicia tamén inclúe unha referencia á responsabilidade dos “países responsables dos vertidos”, que serían os responsables de supervisalos ao ver de Greenpeace, organización ecoloxista que en 1981 e 1982 traballou da man de mariñeiros galegos, con campañas como a do Xurelo, para poñer fin a esa práctica.