“Greenpeace avisounos dos vertidos radioactivos pero o seu barco avariouse e os galegos fomos sós no Xurelo”

Tripulantes do 'Xurelo' estudando o itinerario a seguir para atopar os barcos holandeses © Xosé Castro

O 35 aniversario da fin dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, fronte ás costas de Galicia, supón tamén o 35 aniversario da chegada de Greenpeace a España, da man de mariñeiros e políticos galegos. A aventura de interporse diante dos cargueiros para evitar que tirasen os bidóns radioactivos ao mar personificouna un pesqueiro, o Xurelo, afundido e logo despezado en decembro de 2002, hai agora 15 anos. Pero os seus tripulantes naquela singradura aínda a lembran. Como Manuel Méndez, de Moaña, quen amosa a súa indignación porque o seu éxito interrompendo daquela os vertidos non se vexa agora continuado no tempo cunha supervisión dos mesmos, algúns dos cales achéganse xa ás sete décadas baixo o mar.

Mariñeiros e membros de Esquerda Galega lideraron a campaña contra os vertidos que supuxo a primeira de Greenpeace en España antes mesmo de contar con delegación

Greenpeace nacera en 1971 en Canadá e levaba unha década ampliando en todo o mundo os seus ámbitos de actuación. A finais dos 70 a organización comezara a cargar contra os últimos buques e factorías baleeiras que quedaban en Galicia, que acabarían pechando nos 80. Pero a principios desa década puxeron o foco nos vertidos de residuos nucleares que se seguían realizando en mares de todo o mundo, tamén fronte a Europa, o que os acabaría unindo nos seus intereses cos mariñeiros galegos aos que antes criticara, paradoxo que salientan desde a propia Greenpeace.

A organización ecoloxista contactou no verán de 1981 con Esquerda Galega, liderada por Camilo Nogueira, e alertou de que no outono, como viña pasando en anos anteriores, cargueiros de varios países ían tirar residuos nucleares no Atlántico e Galicia era a terra firme máis próxima. Greenpeace propuña acompañar co seu barco Sirius a quen estivese disposto a interporse nos vertidos. En Esquerda Galega, lembra Méndez, tentaron conseguir máis apoios para fretar un barco, “pero os concellos miraron para outro lado”. Na súa búsqueda de axuda acabaron atopando en Ribeira a Ánxel Vila, patrón do Xurelo, que “ofrecía o seu barco se lle cubriamos os gastos”.

“Coa tecnoloxía da época e o Xurelo custounos moito atopar os barcos, pero hoxe poderían localizar os bidóns e controlalos”

Así foi como un grupo de membros de Esquerda Galega, mariñeiros e xornalistas embarcaron no Xurelo o 15 de setembro de 1981. “Pero cando saiamos do porto chamaron de Greenpeace dicindo que o Sirius estaba avariado en Plymouth e fomos sós os galegos”, lembra Méndez. “Co Xurelo e a tecnoloxía da época, sen GPS, custounos moito atopar en metade do Atlántico os mercantes que levaban os bidóns, pero hoxe calquera goberno ou organismo que estivese interesado en controlar a contaminación podería localizalos facilmente”, laméntase Méndez.

Tras a repercusión que acadaran na súa primeira incursión no Atlántico, un ano despois os adiantados do Xurelo xa conseguiron compaña. Concellos galegos ofreceron axuda e fretaron outros dous pesqueiros, o Pleamar e o Arosa I, aos que desta volta se uniu o Sirius de Greenpeace. Previamente, militantes de Esquerda Galega xa tentaran bloquear o embarque dos residuos en Holanda. O resultado, o perseguido: 1982 foi o último ano en que se verteron residuos radioactivos fronte ás costas galegas. A presión social internacional fixo que os estados implicados acordasen unha moratoria temporal que deviu en permanente.

30 anos despois da aventura do Xurelo, a finais de 2012 Ribeira acolleu unha homenaxe ao seu patrón, Ánxel Vila, falecido un ano antes. Agora, 35 anos despois dos últimos vertidos do outono de 1982, 140.000 toneladas de residuos depositadas desde 1949 seguen no fondo do Atlántico.

Carta mariña do 'Xurelo' co percorrido que fixo en 1981 para atopar os barcos holandeses e os seus vertidos radioactivos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.