Varios ministerios discrepan entre si sobre quen debe vixiar os residuos nucleares vertidos fronte a Galicia

Activistas de Greenpeace entorpecendo o vertido dos bidóns en 1982 (Foto: Greenpeace / Pierre Gleizes) © Greenpeace / Pierre Gleizes

Organismos estatais e internacionais seguen a evidenciar que descoñecen se alguén supervisa os bidóns radioactivos da Foxa Atlántica

Varios ministerios e departamentos inferiores do Goberno de España veñen de evidenciar, a través de varias respostas oficiais sobre os residuos radioactivos vertidos durante anos fronte a Galicia por varios países europeos, que estes non son obxecto das súas propias preocupacións e que nin sequera teñen claro se alguén está a vixiar o estado deses bidóns. En varias respostas a preguntas sobre eses residuos realizadas pola Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, varios departamentos desvían responsabilidades de xeito cruzado cara outros tanto estatais como internacionais.

Praza.gal publicou o pasado novembro, coincidindo co 35 aniversario da fin dos vertidos na denominada Foxa Atlántica, que unha ducia de organismos estatais e internacionais eran incapaces de aclarar se alguén vixía con algún tipo de programa permanente de supervisión, ou cando se fixo por última vez, uns bidóns que nalgún caso se están a aproximar xa ás sete décadas de antigüidade. Tras publicarse esa investigación, a Asociación Petón do Lobo formulou ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente unha solicitude de información sobre os residuos preguntando quen ten competencia para vixiar eses bidóns, cando se realizaron as últimas investigacións e cando serán as próximas. Medio Ambiente, que no seu momento non quixo contestar a preguntas similares formuladas por este diario durante varias semanas, si respondeu á asociación, pero sen aclarar as cuestións formuladas.

Medio Ambiente remitiu a Enerxía e cando este lle devolve a responsabilidade, o primeiro ministerio volve desviala cara a Fomento

Nunha primeira contestación por escrito do 25 de xaneiro, a Oficina de Información Ambiental do Ministerio de Medio Ambiente di que, tras consultar ás súas direccións xerais de Calidade e Avaliación Ambiental e de Sostibilidade da Costa, as dúas indican que non teñen competencia nin información ao respecto. Medio Ambiente dille á asociación que traslada as súas preguntas ao Ministerio de Enerxía porque considera que pode ser esa a autoridade competente.

O 9 de febreiro o mesmo Ministerio de Medio Ambiente contesta novamente á asociación facilitándolle a resposta que ofrece Enerxía. Nela, ese departamento indica, como xa contou este diario, que “a realización do inventario dos residuos sólidos vertidos ao mar foi solicitada ao OIEA [Organismo Internacional da Enerxía Atómica] polas partes contratantes da 'Convención para a prevención da contaminación mariña polo vertido de residuos e outras substancias'”, a denominada Convención ou Convenio de Londres, pero engadindo Enerxía que sobre esa convención “corresponde o seu seguimento ao ámbito de actuación do Ministerio de Medio Ambiente”.

Ante esa resposta que o alude directamente, Medio Ambiente contesta á asociación, tras consultar “novamente” á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa, cun novo desvío da responsabilidade cara a un terceiro ministerio, o de Fomento. Argumenta Medio Ambiente nesa súa segunda resposta que “o Convenio de Londres, se ben ten unha incidencia clara no medio ambiente, non é en sentido estrito un convenio de protección do medio mariño”, polo que entraría dentro do ámbito competencial da Mariña Mercante, dependente de Fomento.

Respostas sucesivas dos ministerios de Medio Ambiente, Enerxía e novamente Medio Ambiente desviando a vixiancia dos residuos nucleares a outros departamentos CC-BY-SA Praza Pública

O Ministerio de Medio Ambiente atribúe a responsabilidade a nivel internacional á Axencia Europea da Enerxía Atómica, mentres que o Ministerio de Enerxía fíxaa no Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA)

Pero esa segunda resposta de Medio Ambiente non queda aí. Tras lembrar que na actualidade están prohibidos novos vertidos nucleares, Medio Ambiente engade que “o seguimento de vertidos históricos en augas internacionais, como é o caso consultado compete á Axencia Europea da Enerxía Atómica, e en España o organismo que pode ter máis información é o Consello de Seguridade Nuclear”. Porén, na explicación previa do Ministerio de Enerxía que motivara esa segunda resposta de Medio Ambiente, o primeiro sinalaba que o organismo co que está en contacto o seu dependente Consello de Seguridade Nuclear no referente a analizar a radioactividade mariña non é a axencia europea senón o OIEA. Pero o Consello de Seguridade Nuclear, contactado no seu momento por este diario, negou saber nada da cuestión.

O intercambio de responsabilidades entre os ministerios de Medio Ambiente, Enerxía e Fomento é similar ao existente a nivel internacional entre os diversos organismos contactados por este diario e todos coinciden en ser incapaces de dicir cando se vixiaron eses residuos por última vez e cando está previsto que se volva facer, limitándose a asegurar que non hai probas de que a súa radioactividade estea chegando á costa, que é o que de xeito periódico revisa o Goberno central.

Hai un mes a Comisión Europea respondeu ao PSOE que o Goberno español non ve necesario vixiar eses residuos

Tras a publicación da investigación realizada por este diario, varios partidos políticos formularon preguntas sobre a vixilancia deses residuos nos parlamentos de Santiago, Madrid e Bruxelas. A primeira resposta ao respecto chegou novamente de fóra de España, cando a Comisión Europea respondeu a mediados de xaneiro ao eurodeputado socialista e ex-ministro de Fomento José Blanco que non tiña “coñecemento de novos estudos científicos sobre o estado dos residuos radioactivos vertidos na foxa atlántica”. A Comisión Europea, engadía, “tampouco foi informada polas autoridades españolas de ningún plan para levalos a cabo. As autoridades españolas non plantexaron á Comisión a necesidade de tales estudos”.

Ao igual que agora a asociación ecoloxista galega, tamén Greenpeace, que no seu momento loitou da man de mariñeiros galegos para que rematasen os vertidos, reclamou que se vixíe o estado deses residuos e que se fagan responsables deles os estados que os verteron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.