O Consejo de Seguridad Nuclear di que a conclusión preliminar é que España cumpre os requisitos previstos de medicións no litoral, a centos de quilómetros das augas internacionais nas que están os bidóns cos vertidos nucleares
En novembro de 2017, coincidindo co 35 aniversario dos últimos vertidos de residuos nucleares fronte a Galicia, na Foxa Atlántica, Praza.gal publicou unha ampla investigación na que unha ducia de organismos españois e internacionais foron incapaces de responder se alguén controla de xeito periódico aqueles bidóns e as zonas nas que se depositaron. A información provocou iniciativas de varios eurodeputados galegos, fundamentalmente o socialista José Blanco e a nacionalista Ana Miranda, que obtiveron como resposta da Comisión Europea que supervisaría o xeito en que España mide a radioactividade que chega ás costas galegas.
Tras varios adiamentos, esa supervisión vén de realizarse, segundo comunica agora o Consejo de Seguridad Nuclear (CSN), coa “conclusión preliminar” de que o Estado está a cumprir cos requisitos previstos pola UE.
O feito de que os residuos nucleares vertidos no atlántico entre 1949 e 1982 estean en augas internacionais fai que ningún estado teña a obriga directa de supervisalos. O que establece a UE é que os seus estados membros, entre outras cuestións, teñen que vixiar de xeito planificado a radioactividade do seu litoral, sen que ata o momento se detectasen nesas medicións alteracións que puidesen apuntar aos vertidos situados a centos de quilómetros, que non se vixían directamente. O que vén de facer a UE, tras interesarse pola cuestións os eurodeputados galegos, é supervisar como España fai esa vixilancia da radioactividade costeira.
Os estados vixían a radioactividade nas súas costas, segundo a UE sen que ata o momento se detectasen alteracións que puidesen apuntar aos vertidos situados a centos de quilómetros, que non se vixían directamente
Segundo o Consejo de Seguridad Nuclear, “durante a verificación na costa de Galicia, os expertos comunitarios foron atendidos por responsables da Subdirección de Vixilancia Radiolóxica Ambiental do CSN” así como por representantes do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX). “Efectuouse a visita ao laboratorio do CEDEX que realiza as determinacións radiolóxicas en augas costeiras e de interior e, adicionalmente, o CSN presentou a información periódica que a Convención OSPAR realiza co obxectivo último de preservar o medio mariño mediante o control de emisións de substancias radioactivas”, engade o comunicado. Esa Convención OSPAR que vixía a saúde do Atlántico europeo céntrase en controlar os novos vertidos, e no seu momento non foi quen de dicir cando se fixo a última análise sobre a situación dos vellos bidóns da Foxa Atlántica.
Segundo o CSN, tras a “conclusión preliminar” positiva sobre como España supervisa a radioactividade no seu litoral, “o informe final da verificación e o documento coas principais conclusións serán publicados tanto pola Comisión Europea como polo CSN”.