35 anos dos últimos vertidos nucleares fronte ás costas galegas: quen vixía?

Activistas de Greenpeace entorpecendo o vertido dos bidóns en 1982 © Greenpeace / Pierre Gleizes

 

Entre 1949 e 1982 oito países desfixéronse dunhas 140.000 toneladas de residuos nucleares meténdoos en bidóns de aceiro e formigón que tiraron ao Atlántico fronte ás costas europeas, na denominada Foxa Atlántica. Os últimos vertidos antes da súa prohibición, de Holanda a finais de 1982, hai agora 35 anos, están a 650 quilómetros de Galicia, pero hainos anteriores e máis preto das costas da Península Ibérica, como os británicos de 1964 a só 200 quilómetros de Asturias. 35 anos despois do remate dos vertidos, e cos primeiros achegándose ás sete décadas de antigüidade, unha ducia de organismos internacionais e españois son incapaces de responder ás consultas formuladas por este diario sobre se alguén vixía eses bidóns con algún tipo de programa permanente de supervisión.

Entre 1949 e 1982 somerxéronse fronte a Galicia 140.000 toneladas de residuos radioactivos en bidóns e unha ducia de organismos españois e internacionais son incapaces de responder se alguén os controla de xeito periódico

Preguntadas por este diario ao longo dos últimos meses, algunha en reiteradas ocasións, a maioría das entidades din que non é a súa competencia vixiar aqueles bidóns e que tampouco saben de ninguén que o faga, mentres que unhas poucas coinciden en responder que houbo campañas de análise no pasado que non ofreceron datos preocupantes, pero non son quen de precisar quen e en que momento realizou as últimas investigacións nin cando será a próxima.

Os vertidos na denominada Foxa Atlántica entre 1949 e 1982, ao tempo que outros océanos sufrían feitos similares por parte de Estados Unidos ou a URSS, foron realizados por un total de oito países: Gran Bretaña, Bélxica, Holanda, Francia e, en menor medida, Suíza, Suecia, Alemaña e Italia. A súa fin chegou tras unha intensa campaña social contra eles da que mariñeiros galegos e Greenpeace foron protagonistas principais ao tentar dificultar os vertidos interpóndose cos seus barcos. O pesqueiro Xurelo, con membros de Esquerda Galega e xornalistas a bordo, foi o emblema daquela loita cuxos restos repousan aínda no fondo do Atlántico, nalgúns casos a distancias similares á que se atopa o Prestige, a maioría en zonas sen tráfico marítimo nin caladoiros pesqueiros.

Organismos internacionais

O OIEA catalogou os vertidos pero non vixía o seu estado

Os vertidos pararon a finais de 1982 grazas a unha moratoria temporal acordada polos estados implicados que logo se converteu en indefinida. O Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) catalogou, cos datos que lle facilitaron os estados membros, os lugares de vertido, cantidades e tipos de residuos. O gráfico interactivo desta información achega varios deses datos, que se poden consultar de xeito íntegro neste enlace ao documento do OIEA.

O OIEA considera eses residuos de baixa intensidade, pero di que non é competencia súa vixiar o seu estado. Preguntado por este diario, o organismo responde que o seu “mandato non inclúe monitorizar os residuos radioactivos que foron vertidos nos océanos”. Cando se lle pregunta quen pode ter información ao respecto, o OIEA remite á Organización Marítima Internacional (IMO, nas súas siglas en inglés). Porén, esta non aclara se alguén vixía aqueles bidóns. A IMO explica a preguntas deste diario que o vertido de novos residuos ao mar está regulamentado pola Convención de Londres de 1972, que prohibiu o vertido de residuos radioactivos de alto nivel desde 1975 e de todo tipo desde 1993. Pero para a supervisión dos vertidos previos xa existentes no Atlántico, a IMO, tras consultar cos responsables da Convención de Londres, remite á OIEA preguntada previamente e á OSPAR, a organización creada por varios gobernos europeos e a Unión Europea para protexer o medio ambiente mariño no Atlántico nororiental, cuxo nome deriva das convencións de Oslo e París das que naceu.

A IMO remite á OIEA e a OSPAR, e estas dúas remiten á IMO

No campo da radioactividade, a OSPAR centra as súas actividades en supervisar os posibles vertidos actuais das industrias con elementos nucleares a través dos ríos ou das costas. Segundo a OSPAR, “desde 1995, un número limitado de expedicións internacionais de investigación levan a cabo o monitoreo dos puntos de vertido do Atlántico nororiental” nos que “se detectaron liberacións dalgúns radionucleidos en áreas nas que se produciron vertidos, pero os niveis detectados non son significativos desde o punto de vista radiolóxico”. Porén, preguntada por este diario en varias ocasións e a través de cinco vías distintas ao longo dos últimos meses, a OSPAR non é quen de dicir cando se realizou o último estudo sobre os bidóns radioactivos nin cando será o próximo.

Nun documento divulgativo da súa web, a OSPAR indica que en 2019 se realizará un estudo científico da radioactividade dos residuos e unha revisión da prohibición de novos vertidos. Pero preguntada expresamente por ese feito, a OSPAR di que esa é unha competencia da London Convention, dependente da IMO que previamente dixera que esa non é a súa competencia. Isto é, a IMO remite á OIEA e á OSPAR, e estas dúas remiten á IMO. De feito, a resposta da IMO á pregunta deste diario foi demorada porque supostamente consultou cos responsables directos da Convención de Londres e estes remitírono á OSPAR.

A Comisión Europa di que a radioactividade descendeu pero non aclara cando se controlou por última vez nin cando se volverá facer

No ámbito da Unión Europea, a Comisión Europea responde que “OSPAR leva o control da radioactividade mariña no Atlántico Norte” e que a propia Comisión “participa no traballo do Comité OSPAR para as Substancias Radioactivas e segue o traballo relacionado con outras convencións rexionais e a OIEA”. Pero como no caso desas outras institucións, a Comisión Europea tampouco é quen de dicir cando se realizou a última supervisión dos vertidos na Foxa Atlántica ou cando será a próxima.

En todo caso, a Comisión Europea si achega algo máis de información ao respecto do control en xeral da radioactividade. Este diario preguntoulle pola posible supervisión dos residuos tanto por parte da Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom) como da Axencia Europea de Seguridade Marítima. A resposta da Comisón Europea, tras lembrar como o resto de institucións consultadas que os vertidos están prohibidos desde hai décadas, é que “segundo a Directiva 2011/70/Euratom, cada Estado membro será o responsable último da xestión do combustible nuclear gastado e dos residuos radioactivos que se xerasen no seu territorio” e “esixe que os residuos radioactivos sexan almacenados definitivamente no Estado membro en que se xerasen”, pero refírese aos residuos actuais.

Sobre o posible efecto dos residuos antigos, a Comisión Europea remítese a un estudo publicado en 2003, hai 14 anos, sobre a exposición da poboación comunitaria á radioactividade procedente das augas mariñas do norte de Europa. A Comisión salienta que o estudo concluía que as “achegas de radioactividade” diminuíran “en varias ordes de magnitude desde que os niveis máis altos foran acadados nos anos 60 e primeiros 70”, o que supón que se detectaron fugas nos bidóns, pero polo menos naquel momento non se considerou que estas tivesen efectos significativos. Tamén contesta que “segundo os artigos 35 e 36 do Tratado Euratom, os estados membros son responsables do control permanente do índice de radioactividade da atmosfera, das augas e do chan (incluíndo as súas augas territoriais)” e que “os programas de control a longo prazo conducidos polos estados membros ata a data non revelaron aumentos significativos da radioactividade mariña ao longo dos pasados 30 anos”.

Puntos de vertidos radioactivos catalogados pola OIEA en todo o mundo Dominio Público OIEA

Sen información a nivel estatal

Os organismos españois facilitan moita menos información que os internacionais

Pola súa situación, España debería ser o estado máis preocupado polos vertidos radioactivos da Foxa Atlántica. De feito, nalgún punto non ben determinado do Golfo de Biscaia está tamén afundido o K-8, un submarino nuclear soviético accidentado en 1970. Pero o feito de que os vertidos se realizasen fóra das augas territoriais e polo tanto non estean afectados pola antedita obriga do Tratado Euratom podería explicar a falta de información ao respecto por parte de institucións españolas. En todo caso, a nivel estatal as respostas son moito máis limitadas que as obtidas dos organismos internacionais. As entidades españolas consultadas que responderon ás preguntas deste diario din que non é competencia súa, pero non son quen de dicir de quen sería.

Mentres os organismos internacionais consultados contestaron de xeito inmediato ás preguntas deste diario, nalgún caso mesmo a través de altos responsables dos mesmos e non só dos seus departamentos de comunicación, o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, preguntado de xeito telefónico e por escrito en varias ocasións, non ofrece ningunha resposta.

O Goberno asegurou hai uns anos que non hai indicios de problemas pero non aclara cando controlou a zona

Sobre a postura do Goberno, o que se sabe é que en marzo de 2012 o BNG pediulle no Congreso que encargase unha inspección dos residuos radioactivos, pero o PP rexeitouna argumentando que “non hai nin un só elemento que nos leve a desconfiar da seguridade dos residuos radioactivos na Foxa Atlántica”. Os nacionalistas galegos criticaran que o Goberno non podía saber se hai elementos que fagan desconfiar se non se buscan. Do mesmo xeito, nunha resposta a un particular que preguntaba pola vixilancia que o Goberno fai da posible radioactividade do submarino soviético K-8, o executivo dicía en setembro de 2014 que os controis periódicos de radioactividade que realiza en todo o litoral español nunca detectaron niveis anormais, pero eses controis fanse a unha distancia de só dez millas da costa.

Este diario tamén preguntou ao Consejo de Seguridad Nuclear (CSN) e á Empresa Nacional de Residuos Radioactivos (Enresa). Pero a primeira argumenta que a súa competencia é controlar as instalacións radioactivas en funcionamento en territorio español mentres que a segunda di que o seu é supervisar os residuos radioactivos producidos en España. Os da Foxa Atlántica non cumpren ningunha das dúas condicións.

"Nin os vixiamos nin sabemos de alguén que o faga", coinciden en dicir os científicos consultados

Tamén se preguntou ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), dependente como os anteriores organismos citados do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad. A resposta é similar: “O IEO non vixía eses vertidos. Tampouco sabemos de alguén que o faga”.

Ademais desta ducia de institucións estatais e internacionais consultadas, este diario púxose en contacto ao longo dos últimos meses con varios científicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e das universidades galegas con áreas de especialización relacionadas coa oceanografía ou a enerxía nuclear. Todos eles coincidiron en descoñecer se alguén está a supervisar eses residuos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.