"Os sucesivos gobernos centrais deberían telos monitorizado e tivo que ser a expedición francesa a que achegou a información máis completa e fiable". O presidente da Xunta, Alfonso Rueda expresábase así o pasado luns tras ser cuestionado pola prensa, ao remate do Consello, pola posición do seu Goberno a respecto dos labores do proxecto NODSSUM, a misión do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) de Francia que leva localizados arredor de dous mil bidóns con refugallos radioactivos nun dos puntos da Foxa Atlántica -foron ata unha ducia- onde foron guindados durante décadas ata 140.000 toneladas deste tipo de residuos.
Rueda di, ante os achados da misión francesa, que "os sucesivos gobernos centrais deberían ter monitorizados" os bidóns, pero admite que a Xunta non se interesou ao respecto ata agora
Escasos días despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurase que soubo agora "pola prensa" da existencia deses bidóns lanzados durante catro décadas fronte do século XX fronte ás costas galegas -e ante o balbordo xerado, recuase-, Rueda admite que "houbo noticias sobre eses depósitos hai moitísimo tempo", se ben o que pide agora o seu Executivo, di, é que o actual Goberno de España forneza á Xunta coa "máxima información posible" ao respecto para "decidir que pasos habería que dar".
A reclamación de Rueda chega sete anos despois de que o propio PP galego aceptase no Parlamento de Galicia pedir ao Executivo central cando aínda estaba encabezado por Mariano Rajoy que impulsase a vixilancia sobre o estado deses bidóns mediante unha petición á Unión Europea e varios Estados. Os resultados desa xestión nunca chegaron a coñecerse e o agora presidente -daquela Rueda vicepresidía o Goberno de Feijóo- vén admitir, tamén en resposta á prensa, que en realidade nunca se interesou ao respecto.
Tras unha investigación de Praza.gal
En 2018 o Parlamento aprobou por unanimidade que a Xunta pedise ao Goberno de España, presidido polo PP, xestionar coa UE e outros Estados "asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica"
Nos primeiros meses de 2018, despois de que na fin de 2017 Praza.gal constatase cunha demorada investigación que ningún organismo estatal nin internacional estaba a vixiar periodicamente o estado dos bidóns con refugallos radioactivos, varias formacións políticas trasladaron a cuestións aos parlamentos. No caso da Cámara galega, unha das iniciativas fora do daquela principal grupo da oposición, En Marea, que conseguira aprobar a devandita reclamación por unanimidade (os seus propios votos sumados aos de PP, PSdeG e BNG) tras matizar varios aspectos en negociación con socialistas e populares.
O aprobado en marzo de 2018 fora, concretamente, unha proposición non de lei pola que o Parlamento instaba a Xunta -como corresponde neste tipo de iniciativas- "a dirixirse ao Goberno de España para que faga as xestións pertinentes ante as institucións europeas e os países responsables dos vertidos" co obxectivo de "asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica". Tamén para "obter información que garanta que non están tendo impacto no medio ambiente", e "realizar todas as xestións políticas ao seu alcance" para lograr eses obxectivos.

Nos meses e anos seguintes non houbo noticias ao respecto de eventuais xestións da Xunta que permitisen coñecer a posición do Goberno de España. Si as houbo a través da Unión Europea ante sucesivas preguntas de varios eurodeputados. Así, por exemplo, ao daquela europarlamentario socialista José Blanco a Comisión Europea respondéralle pouco antes que o Goberno de Rajoy non vía necesario controlar os residuos nucleares no Atlántico malia discreparen ao respecto entre si varios ministerios.
Controis só na costa
O propio Goberno de Rajoy en 2012 e tamén a Unión Europea constataron, como agora volve facer Seguridade Nuclear, que as autoridades españolas só controlan a radioactividade na costa e que ninguén vixía o estado dos vertidos no océano
Os cuestionamentos no eido comunitario continuaron nos anos seguintes, sobre todo por iniciativas de Ana Miranda (BNG). A posición oficial da Comisión veu sendo que os vertidos están en augas internacionais e que os Estados só ten obriga de supervisar a radioactividade en cadansúas costas, un procedemento que a UE supervisa periodicamente. En 2021 a Unión Europea realizou unha desas inspeccións e deu por válidos os controis españois, pero tamén admitiu que os bidóns nucleares seguían sen vixilancia regular cando xa pasaran 75 anos dende que comezaran os vertidos
Esa resposta, coñecida en 2023, non era esencialmente diferente da ofrecida polo Goberno de Rajoy en 2012 ao BNG no Congreso. Ante unha pregunta do daquela deputado Francisco Jorquera, o gabinete do PP explicaba que "non detectara concentracións de radionucleidos" que fixesen "sospeitar dispersións dos materiais vertidos" á Foxa Atlántica, polo que o Consello de Seguridade Nuclear se ía limitar a "continuar desenvolvendo o seue programa de vixilancia na costa". Esta semana, atendendo a unha carta da Xunta sobre a misión NODSSUM, os actuais responsables do CSN defende que as autoridades españolas continúen ignorando o control dos bidóns con practicamente os mesmos argumentos.