Os case 2.000 bidóns radioactivos xa localizados devolven á política os históricos vertidos

Equipo da misión NODSSUM traballando co submarino ULYX, que monitoriza o estado dos barrís con residuos radioactivos, nunha imaxe divulgada por Javier Escartín o pasado 28 de xuño © Javier Escartín

Non é, nin de lonxe, a primeira vez que os bidóns con refugallos radioactivos lanzados durante catro décadas por ata oito Estados á Foxa Atlántica, fronte ás costas de Galicia, están presentes no debate político do país. Non en van, no comezo da década de 1980 a implicación política e social galega foi determinante para, da man de Greenpeace, frear primeiro e lograr cancelar pouco despois esta agresión medioambiental.

En 2017 unha prolongada investigación de Praza.gal acreditou a inexistencia dun programa estable de supervisión desas arredor de 140.000 toneladas de refugallos nucleares guindadas nuns 220.000 bidóns de aceiro e formigón. Daquela, esa pescuda deste xornal chegou ao Parlamento de Galicia, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento Europeo con iniciativas que atoparon respostas como, en 2018, que o Goberno de España da época non vía necesario controlar eses residuos e que algo semellante consideraba a Comisión Europea malia, admitía, ignorar o seu estado.

Carta mariña do 'Xurelo' co percorrido que fixo en 1981 para atopar os barcos holandeses e os seus vertidos radioactivos Dominio Público Praza Pública

Reiterados cuestionamentos coma os de Ana Miranda (BNG) e tamén os de daquela eurodeputado do PSOE José Blanco acabaron dando lugar, en 2021, a que a UE supervisase como o Goberno de España mide a radioactividade que chega ás costas galegas. A conclusión foi, naquel caso, que as autoridades españolas controlaban como deben posibles chegadas de radioactividade ao litoral, pero tamén admitiu a inexistencia de vixilancia regular sobre os vertidos.

Nas súas dúas primeiras semanas de expedición o proxecto francés Nodssum xa localizou máis de 1.800 bidóns a uns 500 quilómetros de Fisterra, nun punto onde entre 1977 e 1982 guindaron refugallos nucleares catro Estados europeos

Todo este contexto é imprescindible para entender a importancia do proxecto NODSSUM. É a misión do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) que, dende mediados deste xuño e ata o vindeiro 11 de xullo, controla o estado de parte destes vertidos dende un dos puntos -foron ata unha ducia- do que foron guindados. Concretamente, dende a contorna, a uns 500 quilómetros de Fisterra, onde Bélxica, Reino Unido, Holanda e Suíza deixaron arredor de 50.000 toneladas de residuos nucleares entre 1977 e 1982. 

Nas dúas primeiras semanas da que é a primeira das dúas expedicións do proxecto, os traballos permitiron xa localizar máis 1.800 bidóns. Así o revelaba o pasado sábado dende o buque da misión, o Atalante, o español Javier Escartín, xeólogo mariño da Ecole Normale Supérieure de Paris e un dos responsables dun proxecto que reavivou a cuestión tamén no eido político. Máis aínda despois de que, a pasada semana, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, dese en afirmar a pasada semana que soubo agora "pola prensa" da existencia deses vertidos, aínda que despois recuou ante o balbordo xerado.

Documento oficial da Comisión Europea no que admitiu en 2023, como avanzara Praza.gal en 2017, que "non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño" onde se verteron os residuos nucleares CC-BY-SA Praza Pública

A reacción política da Xunta ante os achados do proxecto NODSSUM consistiu, alén das controvertidas consideracións de Vázquez e a súa posterior rectificación, en reclamar información ao Goberno de España. O Executivo central, á súa vez, afirmou a través do seu delegado en Galicia, Pedro Blanco, que está "en contacto" coa expedición francesa e disposto a compartir con "transparencia" os seus resultados cando os transmita. Tamén para "tentar dar unha solución" se fose preciso.

O BNG reitera á Comisión Europea e ao Goberno de España a necesidade de elaboraren investigacións de seu. O PSdeG reclama ás autoridades comunitarias que lideren o control dos refugallos. O PP reacciona entre alusións á "sorpresa" e a petición de explicacións ao Executivo central

Ao tempo, no Parlamento Europeo, a nacionalista Ana Miranda reiterou á Comisión Europea a reclamación dun estudo propio "sobre o estado dos restos radioactivos depositados fronte á costa de Galiza", máis aínda tendo en conta que "a UE non cumpriu co seu traballo despois de que a Comisión incluíse" esta vixilancia "no programa de misións de verificación de 2020". No Congreso, o Bloque reclamou a través de Néstor Rego que o Goberno de España emprenda unha investigación de seu. "Resulta incomprensíbel e irresponsábe" que non o fixese cando xa pasaron "máis de corenta anos desde a finalización dos depósitos", advirte.

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, reiterou nunha carta á Comisión que lidere o control da "barbarie dos bidóns radioactivos". Por, entre outros motivos, ser unha cuestión que vai moi alén dun único Estado membro.

Traballos durante a misión Nodssum, nunha imaxe do xeólogo mariño Javier Escartín © Javier Escartín

O PP, alén das consideracións da titular de Medio Ambiente na Xunta e da "sorpresa" manifestada dende o Congreso por quen durante 14 anos foi conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén anunciou unha nova pregunta no Parlamento Europeo. Os populares Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez sinalan que preguntan ao executivo comunitario se "coñecía a existencia" da expedición francesa e cuestiónano polo seu "grao de coñecemento en torno á existencia de eventuais vertidos que puidesen ocasionar un aumento significativo nos niveis de radioactividade".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.