"Sorpresa" da conselleira do Mar durante 14 anos polos bidóns radioactivos xa coñecidos

Rosa Quintana, participando como conselleira do Mar nun acto de promoción da mellora da comercialización de produtos pesqueiros CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ata xuño de 2023, cando Alberto Núñez Feijóo provocou a súa marcha do Goberno galego para ocupar o número dous das listas do PP ao Congreso por Ourense, Rosa Quintana era a conselleira máis veterana e, canda Alfonso Rueda, a a única supervivente do primeiro Consello da Xunta nomeado polo PP tras o seu retorno ao poder en 2009. Durante eses 14 anos Quintana ocupouse ininterrompidamente da Consellería do Mar, fusionada coa de Medio Rural de 2012 a 2015.

A agora deputada do PP no Congreso pide explicacións ao Goberno de España pola ausencia de vixilancia dos refugallos nucleares guindados á Foxa Atlántica, constatada en múltiplas ocasións mentres foi a responsable do departamento marítimo da Xunta

A esa dilatada traxectoria como conselleira do Mar engádese no currículo de Rosa Quintana o seu labor como directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro do Goberno de Fraga (2001), delegada territorial e funcionaria da antiga Consellería de Pesca e o seu percorrido académico como bióloga especialista en asuntos mariños. Malia toda esta ampla bagaxe, como deputada do PP no Congreso encadrou este 27 de xuño de 2025 no ámbito da "sorpresa" o milleiro de bidóns con restos radioactivos detectados pola misión francesa Nodssum nun dos puntos da Foxa Atlántica onde, como é sabido, foron deitadas 140.000 toneladas de residuos nucleares entre 1949 e 1982.

O submarino Uly X, na zona de vertido de residuos radioactivos, nunha imaxe do xeólogo mariño Javier Escartín © Javier Escartín

En 2017, cadrando co trixésimo quinto aniversario das últimas verteduras, Praza.gal desenvolveu unha prolongada investigación que incluíu consultas cunha ducia de organismos internacionais e constatou a inexistencia dunha vixilancia continua deses bidóns de aceiro e formigón. Dun ou doutro xeito, todos os grupos que daquela tiñan representación no Parlamento de Galicia fixéranse eco das pescudas deste xornal e mesmo aprobaran por unanimidade unha proposición pedindo máis control. Ademais, formacións coma PSOE, BNG e En Marea, mais tamén o PP, formularan ou debatiran iniciativas ao respecto no Congreso e no Parlamento Europeo.

A ex-conselleira pregunta ao Executivo central se "activou algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención" ante o que denomina como "posible vertido histórico".

Aquelas iniciativas, como vén informando este xornal, constataron que nin as autoridades españolas nin as comunitarias vixiaban o estado dos bidóns con residuos nucleares nin pensaban facelo no futuro. En marzo de 2023, aínda con Quintana como conselleira do Mar, a a UE admitía oficialmente que ninguén vixiaba regularmente os vertidos nucleares fronte a Galicia 75 anos despois de que se producisen os primeiros. Facíao en resposta a unha das múltiplas preguntas ao respecto da eurodeputada do Bloque, Ana Miranda.

Polo camiño existiran outras respostas no mesmo sentido da Comisión Europea. Tamén actos públicos durante a campaña das eleccións comunitarias de 2019 ou lembranzas xornalísticas polo cuadraxésimo aniversario da expedición do Xurelo, o pesqueiro de Ribeira que, con activistas ecoloxistas, membros de Esquerda Galega e mariñeiros a bordo, liderou en solitario as protestas que en 1981 foron determinantes para acabar con estas verteduras.

Documento oficial da Comisión Europea no que admitiu en 2023, como avanzara Praza.gal en 2017, que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” onde se verteron os residuos nucleares CC-BY-SA Praza Pública

Malia todo este contexto, Quintana pon este venres voz aos deputados galegos do PP no Congreso para pedir "explicacións ao Goberno central a respecto do milleiro de bidóns con material radioactivo" localizados pola expedición francesa. A ex-conselleira asegura estar sorprendida por "coñecer estes feitos a través dos medios de comunicación" e pregunta ao gabinete de Pedro Sánchez se "activou algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención ante este posible vertido histórico".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.