Diego Calvo e Ángeles Vázquez. Son os dous nomes gañadores da crise de goberno precipitada na Xunta polo ex-presidente Alberto Núñez Feijóo ao confeccionar as súas primeiras listas para as eleccións xerais como líder estatal do PP.
Rosa Quintana, ata agora a integrante máis veterana do Goberno xunto con Rueda, tamén deixa a Xunta para ir ás xerais con Feijóo como número dous do PP por Ourense
Vinte e catro horas despois de que a dirección popular ratificase que o seu número un por Lugo ao Congreso será o ata agora vicepresidente primeiro do Goberno galego, Francisco Conde, o presidente Alfonso Rueda vén de consumar unha reestruturación do gabinete que encabeza hai un ano alén da mera substitución do tamén titular de Economía. As remudas implican tamén a saída do Goberno da conselleira que, Xunto co propio Rueda, era a única supervivente do primeiro Goberno de Feijóo, a titular de Mar. Rosa Quintana tamén marcha para concorrer nas listas do PP ao 23X, aínda que no seu caso non como cabeza de lista, senón como número 2 por Ourense, por tras de Ana Belén Vázquez.
Vázquez, que vén despregando unha axenda política do gusto do sector máis á dereita do PP, convértese na primeira vicepresidenta da historia da Xunta
Na nova estrutura da Xunta, que Rueda fará oficial nun decreto este mércores, o ascenso de Calvo de vicepresidente segundo a primeiro é fundamentalmente político. Non en van, as súas competencias seguirán sendo as mesmas que ostentaba dende hai un ano na Vicepresidencia Segunda: Presidencia, Xustiza e Deportes, pero aumenta o rango no Executivo do último barón provincial que en 2022 deu o eu visto e prace a Rueda como substituto de Feijóo.
Por tras de Calvo pasa a figurar no organigrama Ángeles Vázquez, que leva para a Vicepresidencia Segunda as áreas do Executivo que xa dirixía, as de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, departamento no que nos últimos anos unha axenda política do gusto do sector máis á dereita do PP, centrada en cuestións como axitar o medo á ocupacións ilegais. Vázquez logra tamén para si un relevante fito ao converterse na primeira muller que ocupa unha vicepresidencia da Xunta.
María Jesús Lorenzana deixa Emprego para asumir as competencias de Economía abandonadas por Conde, que perden o rango de Vicepresidencia. A profesora Elena Rivo asume o departamento laboral e o ata agora alcalde de Cervo remuda en Mar a Quintana
O departamento económico e industrial da Xunta perde, deste xeito, o rango de vicepresidencia que lle outorgara Feijóo tras as eleccións de 2020 na persoa de Conde. As competencias de Economía, Industria e Innovación asúmeas quen ata agora era conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen chegara ao Consello da Xunta tamén no derradeiro gabinete de Feijóo, hai tres anos, despois de ocupar postos de inferior rango en varios departamentos.
A vacante que deixa Lorenzana en Emprego e Igualdade para ocuparse de Economía é cuberta por unha das dúas novidades que introduce Rueda nesta crise de goberno. Trátase de Elena Rivo, profesora da Facultade de Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo en Ourense, da que foi decana entre 2013 e 2019, e antiga concelleira do PP en Ourense.
O outro debutante na Xunta é o substituto de Rosa Quintana na consellería do Mar, Alfonso Villares, alcalde de Cervo dende 2007 e dirixente moi próximo a Rueda cuxo destino político ata este martes era ser volver ser reelixido como rexedor da vila mariñá o vindeiro sábado, día 17, en virtude da maioría absoluta que volveu obter para o PP nas municipais do pasado 28M. Este movemento provoca, daquela, que os populares teñan que elixir outra persoa para asumir esa alcaldía con apenas catro días de marxe.
Alén dos ascensos de Calvo e Vázquez, da recolocación de Lorenzana e da entrada no Consello da Xunta dos novos titulares de Emprego e Mar, o resto da estrutura do Executivo galego continuará como no último ano e, polo tanto, como a deixara Feijóo antes de dimitir na Presidencia. Así, Miguel Corgos continúa como titular de Facenda; Ethel Vázquez segue sen cambios en Infraestruturas; Román Rodríguez mantense en Cultura e Educación; Julio García Comesaña fai o propio en Sanidade; Fabiola Martínez segue tamén en Política Social e José González, en Medio Rural.
Rueda fixo pública a nova estrutura do Goberno galego escasas horas despois de, a preguntas dos medios de comunicación, asegurara que aínda non decidira o nome da persoa para substituír a Francisco Conde. A premura das crise de goberno provocada pola chamada de Feijóo a varios dos integrantes do seu antigo Goberno para ir nas listas do PP para as xerais do 23X provoca que aínda este mércores Francisco Conde vaia ter axenda pública como vicepresidente económico nun acto empresarial en Vigo ou que María Jesús Lorenzana aínda vaia acudir a un acto oficial en Santiago como conselleira de Fomento do Emprego. Do mesmo xeito, Diego Calvo acudirá á sesión de preguntas do Parlamento como vicepresidente segundo.