O presidente galego admite que non tiña "ningunha razón" para unha crise de goberno pero asúmea polas "oportunidades" que ao seu ver abriría un Goberno estatal de Feijóo
Tras anunciar o PP estatal a marcha do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, a Madrid como candidato de Feijóo pola provincia de Lugo, a primeira reacción do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante a crise de goberno á que se enfronta chegou nun acto de entrega de bandeiras azuis nunha praia de Arteixo. Alí, preguntado polos medios de comunicación, Rueda dixo que Conde era "unha peza fundamental" do seu Goberno, pero asume a súa marcha polas "oportunidades" que ao seu ver abriría un Goberno estatal con Feijóo á fronte. Rueda tamén deixou aberta a porta a máis mudanzas na Xunta derivadas da configuración das listas estatais do PP, aínda non pechadas por completo.
Preguntado sobre se a marcha de Conde suporá só unha remuda do seu cargo ou unha remodelación máis ampla, Rueda iniciou a súa longa resposta dándolle os seus parabéns e admitindo que "evidentemente" a súa marcha "obriga a unha remodelación cando menos da súa persoa". "Iso xa é, polo menos vai haber un cambio, e tamén, ben, pois veremos, porque hai xente moi boa no goberno e tamén polo tanto hai moitas oportunidades para que se alguén o desexa poida ter outras vías", dixo o presidente de xeito críptico.
Pero Rueda foi máis alá e seguiu ligando a estabilidade da Xunta ás decisións do PP de cara as próximas eleccións xerais: "Agora falarei con todos os membros do Goberno e veremos, non están pechadas todas as listas aínda, pero desde logo se eu fixera algún cambio sería porque algunha das persoas que vaia fose necesaria para outros destinos, senón non teño nestes momentos ningunha razón para facer un cambio no Goberno", argumentou.
Rueda xustifica a marcha de Conde porque Feijóo lle dixo "que cría que podía facer un gran papel" en Madrid, onde espera que teña "un percorrido moito maior" que o de ser só deputado
Nese punto o presidente foi cuestionado polo que suporá a saída cando menos dunha "peza clave" do seu Goberno, un "imprescindible" como el mesmo cualificou hai un ano a Conde. "Sen dúbida", admitiu Rueda respecto da importancia de Conde na Xunta, pero xustificouna co argumento de que "o presidente do partido e anterior presidente da Xunta" lle dixo "que cría que podía facer un gran papel".
Nesa liña, o agora presidente da Xunta amosou o seu desexo de que o de Conde "fora un percorrido moito maior" que o de ser só deputado, apuntando así a posibles cargos nun hipotético goberno de Feijóo. "Primeiro hai que gañar as eleccións e despois será cuestión de Alberto Núñez Feijóo", dixo. "Eu perdo unha peza fundamental, como presidente da Xunta, pero creo que tamén se poden abrir moitas oportunidades", concluíu.
Para Ana Pontón "a irrelevancia política de Rueda é tal que até lle cambian o Goberno desde Madrid"
Desde a oposición, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou a nova crise de goberno na Xunta aos poucos momentos de coñecerse. A nacionalista considera que "a irrelevancia política de Rueda é tal que até lle cambian o Goberno desde Madrid". Pontón di do presidente que "se non é capaz de dirixir o seu partido nin é capaz de marcar os tempos no seu Executivo, menos é capaz de dirixir Galiza".