Primeira vicepresidencia dupla na Xunta dende que Feijóo foi inserido no derradeiro Goberno de Fraga

Feijóo, cos vicepresidentes Rueda e Conde e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; ao fondo, o titular de Cultura e Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA Ana Varela - David Cabezón / Xunta

A Xunta ten, dende este luns, dous vicepresidentes. Non sucedía dende hai década e media, cando durante algo menos de doce meses, entre o 10 de setembro de 2004 e o 3 de agosto de 2005, Manuel Fraga presidiu a Xunta flanqueado por dúas vicepresidencias: a primeira ostentada por Alberto Núñez Feijóo e a segunda, por José Manuel Barreiro.

Na Xunta non eran nomeados dous vicepresidentes dende 2004, cando Fraga situou nestes postos a Feijóo e Barreiro nunha operación con clave sucesoria

Aquel movemento de Fraga, desgastado pola súa avanzada idade e polo forte impacto político da crise do Prestige, fora lido en clave sucesoria. O veterano político accedía a nomear vicepresidentes e a situar como número dous do Goberno a Feijóo, quen ano e medio antes fora enviado pola dirección central do PP, aínda comandado por José María Aznar, para ser inserido no Goberno galego como remuda do defenestrado Xosé Cuíña. Os tres -Feijóo, Barreiro e Cuíña- acabarían competindo xunto a Enrique López Veiga por suceder a Fraga tras perder a Xunta fronte a PSdeG e BNG.

O fundador do PP encarou así, cunha vicepresidencia para o birrete  e outra para a boina, o que sería o seu derradeiro ano á fronte da Xunta, física e politicamente enfraquecido. Era un panorama político que pouco ten que ver co que acompaña ao Goberno galego que Feijóo vén de nomear tras ser elixido por cuarta vez como presidente, agás na circunstancia de que, como daquela, o PP agora tampouco ocupa o Goberno de España.

Fraga, flanqueado por Feijóo e Barreiro no seu primeiro Consello como vicepresidentes, en imaxes captadas pola TVG en setembro de 2004 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Rueda vai ser tamén 'conselleiro do Xacobeo' e Conde, membro do círculo de confianza máis próximo a Feijóo, pasa a ter o seu cargo a vicepresidencia económica dende un departamento que perde o nome de 'Industria' 

Quen foi formalmente vicepresidente único nos últimos oito anos -e, a efectos prácticos, dende que Feijóo ascendeu ao poder en 2009-, Alfonso Rueda, vira de agora en diante en vicepresidente primeiro cunha lixeira recomposición das súas competencias. Estas pasan a incluír o Turismo, ademais da organización interna do Goberno, as Emerxencias ou a Xustiza. Rueda será, daquela, o conselleiro do Xacobeo en substitución de Román Rodríguez, que volve ter que afrontar as competencias educativas.

Ao seu carón estará agora quen foi asesor de confianza de Feijóo dende antes de ser presidente, Francisco Conde. É responsable dende 2012 dunha consellería da que agora cae o nome de "Industria" para incorporar o termo "Empresa" e recuperar "Innovación", denominación que o departamento industrial do Executivo galego xa tivera na etapa da coalición de PSdeG e BNG. 

Conde, publicamente cun perfil político máis baixo que Rueda, forma parte do círculo de confianza do presidente e foi protagonista xunto a Feijóo das malogradas operacións para o desembarco da petroleira mexicana Pemex en Galicia. Agora terá ao seu cargo unha vicepresidencia económica que aspira a capitalizar os fondos europeos e estatais que poidan chegar para a reconstrución fronte aos efectos da pandemia do coronavirus.

Acto de toma de posesión dos membros do Goberno galego, este 7 de setembro no complexo de San Caetano CC-BY-SA Ana Varela - David Cabezón / Xunta

Feijóo atribúe a creación da segunda vicepresidencia á vontade de "reforzar a área económica"; ao contrario que naquel 2004, agora sería arriscado -e posiblemente, erróneo- ler estes nomeamentos en clave sucesoria

Ao contrario do que acontecía naquel afastado 2004, é arriscado -e posiblemente, erróneo- ler o nomeamento destes dous vicepresidentes en clave sucesoria. Non só porque o PP veña de reeditar maioría absoluta en Galicia nin polo feito de que os equilibrios de poder interno do partido teñan pouco que ver co dos últimos compases do fraguismo. Tampouco só polo feito de que continúe a habitual incógnita sobre o futuro político de Feijóo.

A xestión da pandemia e os desgastes ou éxitos que deriven dela marcarán o compás dun período político no que influirán máis elementos. Entre outros, a marcha do Goberno estatal de PSOE e Unidas Podemos ou o ciclo electoral que previsiblemente abrirán as vindeiras eleccións xerais e municipais -ambas poden cadrar en 2023-.

No acto de toma de posesión dos novos membros do Goberno, celebrado no exterior do complexo administrativo de San Caetano -e non no escenario habitual, o Pazo de Raxoi, por mor das restricións da pandemia-, sede central da Xunta, Feijóo atribuíu a creación da segunda vicepresidencia á vontade de "reforzar a área económica" nun "momento de extraordinaria dificultade" a través de Conde. A el, mantén, vaille tamén corresponder o "cambio de paradigma" da economía galega cara á dixitalización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.