Rueda, vicepresidente dun Goberno de 'máis do mesmo'

Feijóo, con Rueda no Consello © Ana Varela

Dous movementos que, a efectos prácticos, son só un. Alberto Núñez Feijóo fixo pública no mediodía deste domingo a configuración do seu terceiro gabinete, un Goberno galego que ten de novo oito consellerías e no que Alfonso Rueda ascende nominalmente a un cargo que xa exercía de facto, a Vicepresidencia. Só hai unha remuda, a de Javier Guerra, ata agora titular dunha Consellería de Economía e Industria que será dirixida por Francisco Conde, ata agora un dos asesores máis próximos a Feijóo. 

Como nos actos da toma de posesión, o titular do Goberno galego optou por un acto de baixísimo perfil para dar a coñecer esta decisión de continuidade. Unha convocatoria no Pazo de Raxoi só para a prensa gráfica e un correo electrónico remitido aos medios de comunicación foron as únicas pezas para oficializar o leve movemento de pezas que lle permite a Rueda gozar das competencias de coordinación do Goberno e a Feijóo, prescindir no seu organigrama dun conselleiro que, sobre todo ao inicio da pasada lexislatura, amosou escasas mañas á hora de desenvolverse na area política galega.

Feijóo opta para Industria por un perfil máis discreto e académico que o de Guerra e, ademais, salda a débeda de ter un conselleiro de Lugo

Co cambio de Guerra por Conde o presidente sabe que, con toda probabilidade, non se volverán producir os duros enfrontamentos parlamentarios protagonizados polo seu titular de Economía e Industria, a quen a oposición lle reprochou en máis dunha ocasión a súa "chulería" e quen tampouco mantivo unha relación especialmente fluída cos medios de comunicación. No seu lugar chega un dos homes de confianza do líder popular. De perfil sensiblemente máis discreto que o do seu antecesor, Francisco Conde suporá unha achega académica -foi profesor da Universidad San Pablo CEU de Madrid- á primeira liña dun gabinete no que, por exemplo, xa tivo un papel relevante nos últimos anos en operacións como as negociacións con Pemex. Ademais, coa súa incorporación Feijóo salda unha débeda interna de partido: agora xa hai un conselleiro da provincia de Lugo -Conde é de Monforte-.

Agás estes dous cambios, a vida segue igual en San Caetano. Así, ademais de dirixir a Vicepresidencia Rueda continúa como titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Facenda seguirá baixo a responsabilidade de Elena Muñoz, Agustín Hernández volve encabezar Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Rocío Mosquera continúa en Sanidade e Beatriz Mato fai o propio en Traballo e Benestar. Do mesmo xeito, Feijóo tamén deixa intactas as fusións de consellerías decididas a finais de 2011, isto é, Medio Rural e Mar continúan unidas e con Rosa Quintana á fronte e Cultura segue sen departamento propio, xa que segue ligada a Educación con Jesús Vázquez como máximo responsable.

Feijóo, con Francisco Conde nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.