O presidente promete por cuarta vez o cargo ante Casado e Rajoy apelando novamente á “estabilidade” e a “moderación”
O galeguismo histórico, di Feijóo, estivo “obsesionado con evitar as discordias e empeñado en atopar fíos consistentes que nos mantiveran unidos. Atopamos finalmente ese fío na democracia constitucional española e no autogoberno galego”. Con esas palabras, e con novas apelacións á "estabilidade" e a "moderación", como nas tres ocasións anteriores, tomou posesión Feijóo por cuarta vez como presidente da Xunta ante, entre outras persoas, o actual e o anterior presidentes do PP, Pablo Casado e Mariano Rajoy, e a ministra de Política Territorial, Carolina Darias, como principal representante do Goberno central. A previsión é que este domingo comunique a composición do seu novo Goberno e que o luns sexan os conselleiros e conselleiras quen tomen posesión do cargo.
Feijóo prometeu o cargo ante unha mesa sen crucifixo, ao contrario que en 2009 e 2012, e desta volta as restricións polo coronavirus impediron a festa posterior no Obradoiro como as que celebrou en 2009 e 2016
Tras a votación o pasado xoves do Parlamento e a lectura no mediodía deste sábado por parte do presidente da Cámara, Miguel Santalices, do decreto asinado polo Rei que o nomea presidente da Xunta, Feijóo prometeu o cargo ante unha mesa sen crucifixo, ao contrario que en 2009 e 2012. O acto formal no Parlamento diferenciouse dos de ocasións anteriores en que as persoas invitadas estiveron distribuídas por diversos espazos do edificio para permitir maior distancia entre elas como prevención ante o coronavirus.
As restricións pola pandemia impediron desta volta o acto festivo posterior na praza do Obradoiro como os organizados tras as tomas de posesión de Fraga, Touriño ou do propio Feijóo en 2009 e 2016, tras suprimir o de 2012 pola crise. Así que este sábado as súas verbas limitáronse a un breve discurso tras a promesa do cargo no que asegurou que o pobo galego “pide aos seus dirixentes unha gobernanza afectiva e efectiva na que teñan prioridade os problemas prioritarios e se afasten da discordia. Eu chámolle a iso galeguismo”.
“Porque fomos e seremos quen, porque Galicia é quen”, rematou Feijóo o seu discurso
Na súa intervención, que pronuncio constantemente emocionado, asegurou que a “moderación” e a “estabilidade” que propugna non son “debilidade” nin “inmobilismo”. Feijóo pasou do galego ao castelán nun momento do seu discurso para apelar á “cogobernanza” co Goberno central de xeito habitual e non “excepcional” pola pandemia do coronavirus, e rematou amosando a súa esperanza en que esta será superada: “Porque fomos e seremos quen, porque Galicia é quen”.
Entre os asistentes á toma de posesión no Parlamento estiveron o ex-presidente Fernando González Laxe, varios ex-presidentes do Parlamento e máximos representantes das principais institucións de Galicia (Consello da Cultura Galega, Tribunal Superior, Valedora do Pobo ou universidades, entre outros), e no que respecta ao PP, ademais de Casado e Rajoy tamén asistiron outros cargos como os presidentes de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco; Madrid, Isabel Díaz Ayuso ou Andalucía, Juan Manuel Moreno.