O popular reclama á oposición ″consenso″ nas medidas sanitarias e presenta as críticas contra a súa xestión da pandemia como xuízos contra os profesionais da sanidade
Alberto Núñez Feijóo converteuse este xoves en presidente da Xunta de Galicia por cuarta vez consecutiva cos 42 votos a favor do grupo parlamentario do Partido Popular e os 33 votos en contra da oposición, 19 do BNG e 14 do PSdeG.
Despois de dedicar gran parte do seu discurso inicial de investidura á sanidade, e a metade deste tempo a cargar contra o Goberno central pola súa xestión da pandemia da COVID-19, Feijóo pediulle este xoves á oposición unha lexislatura na que sanidade quede fóra do debate político ao considerar que tanto BNG como PSdeG están a empregar o cuestión sanitaria como arma contra el.
″Gustaríame excluír a sanidade do debate político nesta lexislatura″, dixo. A frase provocou risas na bancada da oposición, unha reacción que para Feijóo significa que o consideran ″un inxenuo″. ″Dado que van empregar a sanidade como un arma, nós seguiremos incrementando os cadros de persoal″, apostilou, para presumir de que o Servizo Galego de Saúde conta coa ″menor lista de espera da nosa historia″, pese a que os datos das primeiras listas de espera sanitarias afectadas pola pandemia levan máis dun mes de atraso na súa publicación.
"Hai algún goberno que fixera máis hospitais e centros de saúde?", preguntou Feijóo á oposición, que centrou as súas críticas na falta de profesionais e a presión asistencial
″Acúsannos de non apostar pola sanidade pública″, proseguiu Feijóo, ″pero hai algún goberno que fixera máis hospitais e centros de saúde?″. O popular, que posteriormente pediu non facer "política demagóxica" coa sanidade, non entrou a debater os argumentos esgrimidos pola oposición sobre as eivas do Sergas, entre as que destacaron a falta de profesionais e a presión asistencial. Pola contra, reclamou ″consenso″ e ″responsabilidade″ a Ana Pontón e Gonzalo Caballero en materia sanitaria presentando as críticas da oposición contra súa xestión como críticas contra o persoal da sanidade pública.
″O desacordo é fácil, o acordo é o difícil″, insistiu Feijóo, que cualificou as críticas en sanidade como ″un clásico″, para sinalar en concreto a ″crítica destrutiva″ da líder da oposición, Ana Pontón, sobre a xestión da COVID-19 en Galicia. ″O que dixo vostede creo que non o merecemos, non o merecen os profesionais nin o comité clínico que nos está a asesorar, e non o merece un Goberno en funcións″, agregou.
Feijóo acusou a Pontón de mentir e lembrou a Caballero que o socialista é o terceiro grupo da Cámara
O ton de Feijóo este xoves dista moito da postura máis institucional que exerceu no seu discurso inicial do pasado martes. Foi na réplica ás interpretacións económicas do portavoz do PSdeG cando o popular se mostrou máis directo. ″Señor Caballero, os galegos non lle deron a razón porque os galegos non somos parvos, se vostede tivera razón probablemente eu non estaría neste lugar e este discurso tocaríalle facelo á señora Pontón″, afirmou a respecto do crecemento económico e das cifras do paro criticadas polo socialista. Na mesma liña, prometeulle á portavoz nacionalista ″non mentir tanto″ nesta lexislatura como considera que fixo ela na súa enumeración de propostas incumpridas nos seus 11 anos na Xunta.
Da mesma maneira, Feijóo non aceptou a unanimidade da oposición a respecto do exercicio das competencias por parte da Xunta. ″Para min é unha honra poder exercer as miñas competencias″, respondeu ás acusacións de BNG e PSdeG sobre a súa ″inacción″, para salientar que o Estatuto de Autonomía é a súa ″guía diaria de Goberno e de actuación″, a propósito do discurso de Caballero, a quen invitou a ″profundizar tanto na xestión das competencias estatutarias como nas constitucionais″.
Neste sentido, Feijóo volveu cargar contra o Goberno de Pedro Sánchez e a súa proposta dos ″17 estados de alarma″, coa que se deixa en mans de cada presidente autonómico o primeiro paso para a declaración do estado de alarma en cada territorio. ″Pedimos exercer as nosas competencias plenamente, non creo que sexa moito pedir exercelas cunha lei que non sexa un estado de alarma cun mando único. Calquera que teña un mínimo de rigor o pediría″, abundou.
Feijóo rematou a súa última intervención no debate dirixíndose directamente á cidadanía. “Volverán os días bos”, asegurou a respecto da pandemia, para continuación presentarse como “un galego máis que quere a Galicia” e rematar parafraseando o lema electoral do PP: “Galicia, Galicia, Galicia e por cuarta vez Galicia”.