O presidente do Goberno central di que eles serían a autoridade máxima nos lugares nos que soliciten aplicalo, como no final do desconfinamento, e dilles que teñen 2.000 militares á súa disposición para rastrexar contactos de persoas contaxiadas
Calquera presidente ou presidenta de comunidade autónoma pode solicitar a declaración do estado de alarma en todo ou en parte do seu territorio se o considera necesario para loitar contra o coronavirus e será el ou ela a máxima autoridade nesa situación, como xa o foi durante a Fase 3 do final do desconfinamento, a comezos de xuño. Así o salientou este martes o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, nunha comparecencia televisada tras o Consello de Ministros, na que tamén ofreceu ás comunidades 2.000 militares formados en rastrexo de contactos de persoas contaxiadas.
Sánchez comezou a súa intervención lembrando que as competencias sanitarias volveron quedar en mans das comunidades tras a fin do estado de alarma a mediados de xuño. Segundo dixo “estano facendo ben” e malia o aumento constante de casos durante as últimas semanas en todo o Estado “imos volver dobregar a curva”.
Sánchez di que a lexislación actual é suficiente para combatir o coronavirus e que "o poder xudicial está validando a maioría das decisións" das comunidades
O presidente expresou o seu “respecto máis absoluto a un Estado composto, cuasi-federal, autonómico, que temos” e, ante as reclamacións desde as comunidades de que en ausencia de estado de alarma a lexislación non lles ofrece os mecanismos necesarios para loitar contra a propagación do virus, ofreceulles a posibilidade de declaralo cando o precisen. Sánchez asegurou que a lexislación actual é suficiente para loitar contra o virus, e salientou que “o poder xudicial está validando a maioría das decisións” das comunidades, pero engadiu que “se un presidente autonómico considera que debe usar o estado de alarma”, poderá pedilo.
Quen solicite o estado de alarma deberá defendelo ante o Congreso dos Deputados e PSOE e Unidas Podemos ofrécenlle os seus votos
Segundo Sánchez, quen así o solicite, para todo ou parte do seu territorio, deberá defender a medida ante o Congreso dos Deputados, que é quen ratifica a medida ou autoriza posibles prórrogas, como xa fixo durante a pasada primavera, e segundo dixo PSOE e Unidas Podemos apoiarano. Durante ese estado de alarma territorial, engadiu Sánchez, “a autoridade recaerá no presidente da comunidade”, como lembrou que xa sucedeu durante a Fase 3 do desconfinamento, cando os propios presidentes ou presidentas foron os que decidiron o día de remate do estado de alarma en cadansúa comunidade. Tamén lembrou que o estado de alarma pode ser graduado, como ocorreu na antedita Fase 3 na que xa non había medidas de confinamento.
"Todos os cidadáns deberían baixarse a aplicación Radar Covid", di Sánchez
Sánchez tamén ofreceu ás comunidades 2.000 militares formados en rastrexo de contactos de persoas con coronavirus, cifra que dixo que poderá ser ampliada. E pediulles que completen o proceso de incorporación á aplicación Radar Covid que está a desenvolver o Goberno central, algo que dixo que xa fixeron seis comunidades entre as que non citou a Galicia, que solicitou a súa incorporación a ese sistema o 18 de agosto. “Todos os cidadáns deberían baixarse a aplicación”, dixo Sánchez, que espera que en setembro estea dispoñible para toda a cidadanía.
Sánchez tamén restou importancia ao atraso ata setembro na celebración dunha reunión cos presidentes autonómicos sobre a volta aos colexios. O presidente lembrou os recursos económicos facilitados polo Goberno central ás comunidades, competentes en materia de educación.
Por último, o presidente do Goberno central pediu apartar do debate político a loita contra o coronavirus, e pediu acordos para renovar órganos como o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Defensor del Pueblo, o Tribunal Constitucional, RTVE ou mesmo aprobar uns novos orzamentos.