A propia Xunta admitía que a "plena efectividade" do peche estaba condicionada á súa "ratificación xudicial", e agora a Xustiza considera as medidas "proporcionais" pero elude ordenar o seu cumprimento ás forzas de seguridade e pide coordinación entre administracións
Un xulgado de Lugo vén de ratificar a Orde de peche da Mariña polo coronavirus ditada o domingo pola Xunta pero evita pedir ás forzas e corpos de seguridade que a fagan cumprir de xeito coercitivo. O xulgado considera "proporcionais" as medidas adoptadas pero sinala que non é competencia súa "entrometerse na labor de coordinación de efectivos" policíais e limítase a pedir "colaboración" entre administracións.
A propia Orde de Sanidade, publicada no Diario Oficial de Galicia o domingo pola tarde, admitía que a súa “plena efectividade” estaba condicionada á súa “ratificación xudicial”, que a Xunta aseguraba que solicitaría despois da súa entrada en vigor esa medianoite, algo que non fixo ata o luns ás 14.00 horas. Aquel texto sinalaba que “malia que estas medidas non se individualizan en persoas determinadas dada a súa adopción con carácter xeral, tendo en conta que nos casos de ausencia de colaboración voluntaria a súa execución pode requirir a adopción de actos de imposición coactiva que poden supoñer restricións de dereitos fundamentais, e para coadxuvar na súa plena efectividade, solicitarase a súa ratificación xudicial” na vía contencioso-administrativa.
O auto "denega ordenar ás forzas e corpos de seguridade a que presten auxilio preventivo e no seu caso coercitivo, proporcionalmente, para facer efectiva a execución das medidas adoptadas"
Agora chega a resposta da Xustiza, que nun auto con data deste mércores "denega ordenar ás forzas e corpos de seguridade a que presten auxilio preventivo e no seu caso coercitivo, proporcionalmente, para facer efectiva a execución das medidas adoptadas".
O auto agora emitido pola maxistrada Ángeles Braña López, titular do xulgado do Contencioso-Administrativo 2 de Lugo, que a Fiscalía considerou que non era competente para analizar o caso, ratifica as medidas adoptadas pola Xunta porque considera que "persigue un fin constitucionalmente lexítimo”, que “a súa adopción atópase amparada por unha norma con rango legal” e que “existe proporcionalidade da medida [...] sen implicar un sacrificio desmedido, bastando a estes efectos lembrar que vai ser obxecto de avaliación continuada cada cinco días”.
Porén, o auto sinala que “a este Xulgado non lle corresponde entrometerse na labor de coordinación de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade que se encargarán de acometer a Orde, e, por iso, denégase a petición” da Xunta nese sentido. O xulgado limítase a apelar á colaboración entre as diferentes administracións.
Este martes o propio Feijóo recoñecía que a prohibición de saída das casas é só "unha recomendación" xa que a Xunta non ten capacidade para impedilo
Este martes o propio presidente Feijóo recoñecía que a prohibición de saída da casa das persoas consideradas “positivos activos” pola Xunta é só unha “recomendación” xa que o Goberno galego non dispón de capacidade para llelo impedir. Tamén dicía que as persoas que deron negativo pero teñen prescrita a corentena "poden votar con normalidade" e o consello é que realicen "desprazamento ao colexio electoral e volta á casa". Unhas declaracións que se producen ao tempo que o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, vén evidenciando que está a poñer os recursos policíais do Estado ao servizo da medida adoptada pola Xunta e mentres alcaldes e alcaldesas lembran que non teñen recursos para facer cumprir a Orde da Xunta malia que esta os considere autoridade sanitaria, ata o punto de que varios concellos carecen incluso de policía local.