A de Lugo viña sendo, dende o comezo da pandemia do coronavirus e ata finais de xuño, a provincia galega que rexistrara menor número de casos da covid-19, cunha notable diferenza a respecto das outras tres. Así, por exemplo, ata finais de xuño rexistrara apenas 800 fronte aos case 2.000 de Ourense, a máis semellante á lucense en termos demográficos.
Agora a provincia de Lugo, cuxo territorio se corresponde dende a reforma de 2018 coa área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, segue a ser a que menos casos acumulados leva rexistrados, segundo o Ministerio de Sanidade -a Xunta non ofrece este dato-, pero dende os últimos días de xuño a súa evolución é moito peor que a do resto de Galicia. A razón é o brote da Mariña, que segundo o Sergas xa rexistrou 131 positivos por covid-19, dez dos cales son persoas que "xa están curadas e foron dadas de alta" nesta segunda xornada de peche dos concellos deste distrito sanitario para tentar frear o brote.
O Sergas indicou este martes a detección de 3 casos novos do brote da Mariña, que xa sumaría 131 positivos dos que 10 son persoas que "xa están curadas e foron dadas de alta"
Atendendo á información divulgada pola Consellería de Sanidade, este 7 de xullo "a comarca da Mariña conta con 121 casos activos de coronavirus", dous máis que o día anterior e un total de tres casos novos -restando altas-. Nesta mesma xornada, o mesmo departamento indica que en toda a área sanitaria de Lugo o número de "positivos activos" é de 151, dezaoito máis que un día antes.
Daquela, cabe deducir que Sanidade ten rexistrada unha trintena de positivos na área lucense fóra da Mariña e que este dato era de 24 casos un día antes. Non é posible asegurar que se trate de seis casos novos con relación á xornada previa, toda vez que a variación no número de "positivos activos" é a diferenza entre os casos dun día e os do anterior, pero eliminando da conta o número de altas. O que si especifica o Sergas é que os devanditos 121 casos da Mariña "están relacionados co brote" , polo que cabería deducir que os 30 restantes da área de Lugo son alleos a el.
Este é o contexto dunha xornada no que, ademais, aumentou o número de persoas hospitalizadas en Galicia a causa da pandemia. Son seis, todas elas no hospital da Mariña, en Burela. O Sergas di ter acreditado que catro delas están "relacionadas co brote", mentres que está "en fase de estudo e investigación o vencello co brote" das outras dúas.
Unhas 685 persoas gardan corentena na Mariña e, segundo a Xunta, a maior parte dos casos do brote foron localizados en Burela
No resto de Galicia hai só unha persoa máis hospitalizada por mor da covid-19. Os restantes "positivos activos", 105, están en illamento domiciliario. Nesta situación están tamén 145 positivos da área de Lugo. Mentres, non obstante, na contorna da Mariña o número de persoas confinadas por teren contacto con persoas afectadas polo brote que deron positivo segue sendo elevado: 685, segundo afirmou este martes o presidente da Xunta en declaracións á prensa. Outras 279 xa finalizaron a corentena sen síntomas, segundo Alberto Núñez Feijóo.
Asegura tamén Feijóo que "o 90% dos casos" do brote da Mariña "se atopan concentrados en tres concellos", os de Burela, Foz e Xove, mentres que "Ribadeo, Lourenzá ou Barreiros teñen un [positivo]" e cinco "non teñen ningún". Esta información foi transmitida verbalmente, xa que dende o comezo da pandemia, a Xunta segue sen ofrecer unha serie histórica completa e aberta sobre a evolución do coronavirus en Galicia e, do mesmo xeito, continúa sen dar datos por concellos ou comarcas a excepción, neste caso, da afectada polo brote.
A Xunta Electoral di que "non lle corresponde" pronunciarse sobre unha suspensión na Mariña
Os datos do brote e a valoración ao respecto formulada por Feijóo teñen inevitablemente como pano de fondo a inminente celebración das eleccións galegas e as peticións de suspensión dos comicios na comarca, formuladas por varias forzas políticas e tamén por concellos da zona. A este respecto pronunciábase este martes a Xunta Electoral de Galicia, pero facíao para afirmar que non lle corresponde ditar indicación ningunha ao respecto.
A Xunta Electoral inhíbese ante posibles restricións para o 12X polo brote; Feijóo di que non se debe "meter medo á xente para non ir votar" e matiza que a indicación de non ir votar para as persoas illadas por daren positivo é só unha "recomendación"
En resposta a unha denuncia formulada por Marea Galeguista, a autoridade electoral indica que "non corresponde a esta Xunta Electoral pronunciarse sobre a suspensión das eleccións na Mariña". Agrega a resolución que "mentres as actividades administrativas, económicas e sociais se desenvolvan con normalidade, esta Xunta Electoral de Galicia non entende afectadas as condicións do proceso electoral" e que, a ese respecto, as competencias son das "autoridades sanitarias". [Consulta aquí a resolución íntegra da Xunta Electoral]
Mentres, dende o Goberno galego, o propio Feijóo reiteraba a súa oposición a un eventual adiamento. "Debemos ser responsables e non meter medo á xente; meter medo á xente para non ir votar é un tic antidemocrático que me preocupa", sinalou en respostas á prensa, ante a que reiterou que "todos os colexios electorais están máis seguros ca nunca".
Nesas declaracións o actual titular da Xunta admitía ademais que a prohibición de saída da casa das 121 persoas consideradas "positivos activos" na Mariña é só unha "recomendación", xa que o Goberno galego non dispón de capacidade para llelo impedir. Asemade, as persoas que deron negativo pero teñen prescrita a corentena "poden votar con normalidade" e o consello é que realicen "desprazamento ao colexio electoral e volta á casa". Dende o PSdeG, o seu candidato, Gonzalo Caballero, reiterou que tras o pronunciamento da Xunta Electoral é aínda máis urxente que Feijóo xunte as forzas políticas para informalas sobre a evolución do brote directamente.
O Ministerio indica 2 novos diagnósticos en Galicia, 119 na última semana
Mentres, a fonte de datos que si distingue o número de casos novos, a do Ministerio de Sanidade, indica este 7 de xullo que nas últimas vinte e catro horas -ata as dúas da tarde- foron diagnosticados en Galicia dous novos casos de coronavirus. Para a última semana, o departamento estatal indica un total de 119 diagnósticos en Galicia.
Cómpre ter en conta, non obstante, que o Ministerio revisa os seus datos unha vez á semana, polo que estes valores non estarán consolidados ata a semana que vén. A serie xa revisada chega, polo momento, ata o día 5 de xullo e nela distínguese unha repunta en Galicia entre os días 26 e 28 de xuño, cando se sitúa o inicio de síntomas da maior parte de casos detectados no brote da Mariña ata ese momento. [Os casos que dispararon o brote de coronavirus da Mariña iniciaron os seus síntomas entre o 26 e o 28 de xuño]