O candidato do PP e presidente da Xunta asegura que “neste momento a situación é tranquila, non sei o que pode pasar dentro de varios días ou de varias semanas”
24 horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciase no mediodía deste domingo o peche da Mariña polo brote de coronavirus, este luns o presidente da Xunta pronunciouse por primeira vez sobre esa decisión de xeito expreso tras repetir en varios mitins a súa disposición a tomar todas as medidas necesarias para garantir a saúde da cidadanía pero sen citar a situación da costa de Lugo. Feijóo foi preguntao ao respecto ao remate dun acto como candidato do PP na Coruña sobre comercio, e a súa resposta foi relativizar a importancia como un dos “corenta e pico brotes” que hai en todo o Estado e pedir que non se faga “política” co virus.
“Neste momento, non sei o que pode pasar dentro de varios días ou de varias semanas, a situación é unha situación tranquila”, dixo Feijóo, asegurando a continuación que vai “seguir traballando e tomando todas as medidas que sexan necesarias”. E sen indicar a quen a estaba a reclamar, Feijóo pediu “un pouco de proporcionalidade e responsabilidade porque estamos nun momento en que Galicia vai decidir o seu futuro nos próximos catro anos”, en referencia ás eleccións do próximo domingo e as incógnitas abertas sobre a posibilidade de participación nelas da poboación da Mariña.
Segundo Feijóo o Goberno galego vai manter “unha reunión diaria cos alcaldes da Mariña”, aos que Sanidade fixo responsables de garantir as medidas de control sanitario na zona. O presidente asegura que os rexedores están a ser informados polo propio conselleiro con “transparencia e rigor”. “Non creo que se deba facer política cun virus, polo menos aqueles que intentamos preservar a saúde por riba de calquera consideración”, dixo, para a continuación pedir “á xente que nos axude” respectando as medidas de protección. Sobre esa cuestión, Feijóo puxo o foco en “festas de ocio nocturno sen máscaras” e en que a idade media dos casos detectados na Mariña é de 35 anos.
A petición de Feijóo de "non facer política cun virus" chega despois das peticións de explicacións sobre a súa xestión do brote da Mariña por parte do resto de grupos políticos e de que el mesmo cargase en reiteradas ocasións contra a xestión da panedemia por parte do Goberno central.