Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP á presidencia da Xunta, cargou con dureza este mércores contra o Goberno central, o PSOE e o nacionalismo galego durante a conversa retransmitida en YouTube que mantivo co candidato da coalición entre populares e Ciudadanos nas eleccións vascas, Carlos Iturgaiz.
O presidente da Xunta considera "o nacionalismo e un PSOE descoñecido" os "dous grandes problemas da política española"
O presidente da Xunta cualificou de "cancro" o independentismo e asegurou que "os dous grandes problemas da política española" son "o nacionalismo e un PSOE descoñecido, disposto a todo, ao que lle dá igual a Constitución e só lle interesa o poder". Fíxoo durante unha charla na que respondeu a varias preguntas de Iturgaiz, moi crítico tamén cos "aliados de Sánchez: os comunistas e os que queren destruír España".
Nunha conversa na que se abordaron varios temas, Feijóo criticou tamén, malia recoñecer que "non é fácil" xestionar durante unha pandemia, a actuación do Executivo central na loita contra a covid. "Se tivesen actuado quince días antes, non estaríamos falando de 40.000 falecidos", dixo, tras contrastar a súa actuación e a da Xunta coa do Goberno de España.
Feijóo di que a Xunta centrouse en "resolver os problemas e non saír na televisión" durante a crise sanitaria mentres o Goberno central tivo moita "propaganda"
"O que nos interesaba a nós era resolver os problemas, non saír na televisión. A isto nos dedicamos, mentres houbo moito aparello mediático e propagandístico do Goberno de España, pero a xestión do día a día levámola as comunidades autónomas claramente", dixo Feijóo que, no entanto, foi duramente criticado pola oposicion galega polo "uso partidista" por parte do seu partido da TVG onde, segundo BNG ou PSdeG, compareceu "40 veces e 40 horas" en horario de máxima audiencia durante a crise sanitaria.
Ademais, reprochou ao Goberno central a falta dun "plan serio" ante a reapertura de fronteiras e advertiu da ausencia dunha lei "para impedir a mobilidade en comarcas, provicias ou comunidades" no caso de "rebrotes profundos".
Feijóo di que o Executivo de Sánchez quere "enterrar a Constitución e a Transición" e que é "contrario ás liberdades"
Respecto á economía, Feijóo acusou o Goberno central de ter o "planeamento ideolóxico de facer inviables todas as empresas electrointensivas". Ademais, acusouno de querer "enterrar a Constitución e a Transición" e ser "o contrario ás liberdades", o que explicaría, segundo dixo, o "ataque" dunha parte do Executivo a Felipe González. "Defendelo é defender a democracia", engadiu.
"O problema do nacionalismo galego é que ten un problema coa súa familia, non a acepta, non acepta o que son", di Feijóo
Alén diso, Feijóo reaccionou ante os duros ataques de Iturgaiz ao nacionalismo galego uníndose a eles. Así, e respecto da denominación do país como Galiza e non como Galicia, habitual nalgunhas opcións políticas galeguistas ou soberanistas, o presidente da Xunta foi contundente: "Xa cando non te pos de acordo en como lle chamas á túa nai, tes algún problema coa familia".
"Este é o problema do nacionalismo galego, que ten un problema coa súa familia, que non acepta a súa familia, non acepta o que son. Somos galegos e iso non significa que desde hai 500 anos non sexamos españois, algo que é fantástico", rematou.