O PP rexeitou a petición de todos os grupos da oposición no Parlamento para que Feijoo comparecese na Deputación permanente e dese conta da "situación na que se atopa a CRTVG". A Cámara galega, grazas aos votos do grupo popular, rexeitou a solicitude conxunta de PSdeG, BNG, Común da Esquerda e En Marea para que o presidente da Xunta abordase o incumprimento da lei dos medios públicos ou da "manipulación informativa" que denuncia Defende A Galega.
A maioría do PP rexeitou a petición de toda a oposición para que Feijóo comparecese e dese conta da situación dos medios públicos
Precisamente, neste 109º venres negro, o persoal dos medios públicos mobilizado contra a "manipulación" reclamou tamén unha comparecencia de Feijóo que non se producirá logo de que o PP tirase dos datos de audiencia para defender o labor dos medios públicos e virase as críticas cara ao goberno bipartito e a TVE. "Onde está o compromiso co público?", preguntouse Defende A Galega.
Fíxoo na mesma xornada na que se cumpren dous anos da dimisión dos presentadores do Telexornal Serán, Alfonso Hermida e Tati Moyano, en protesta polo control informativo. Daquela, daban os seus primeiros pasos os venres negros na CRTVG, que suman máis de 24 meses e nos que ambos profesionais se situaron á vangarda.
Pero a ningunha das múltiples protestas e demandas do persoal fixo alusión o PP. O seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, argumentou que a precampaña non era momento para a comparecencia de Feijóo, aludiu ao funcionamento da CRTVG durante o bipartito para rebater as críticas de "uso partidista" dos medios públicos, criticou a TVE e destacou que "o importante" era a audiencia da TVG. "Foi o medio de referencia dos galegos durante a pandemia", dixo, animando a "felicitar a traballadores e directivos".
Pedro Puy (PP) retruca as críticas da oposición atacando a TVE, aludindo ao bipartito e gabando a audiencia da TVG
"Non convirtan o Parlamento nun plató para mitins", pediulle Puy á oposición. "Confunden información institucional con información política", retrucou tamén ante as duras e coincidentes críticas da oposición. Todos os partidos recriminaron que Feijóo "utilizase a televisión pública para dar mitins en horario de máxima audiencia" e lembraron que desde o inicio da pandemia, o presidente da Xunta compareceu "máis de 40 veces e 40 horas" na TVG.
Para Luís Álvarez, do PSdeG, a "estratexia" dos medios públicos galegos é "a da manipulación" e "baséase en desprestixiar a actuación do Goberno central e enaltecer a Xunta". Tamén, dixo, en "silenciar a oposición", unha critica na que coincidiu Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, que denunciou que o PP "faga campaña cos cartos de todos os galegos" nunha TVG que "se converteu nun esperpento de censura, propaganda e difusión de off the record". "Ata cando temos que aturar que funcione como unha especie de NO-DO do PP?", preguntouse.
"Nin Franco saía tanto no NO-DO como Feijóo na TVG", dixo Montse Prado, deputada do BNG, que asegurou que "a instrumentalización e conversión en propaganda" da TVG e da Radio Galega "produce náusea". "É inaceptable o uso que fan dos medios públicos; vén de lonxe pero durante a pandemia e nos últimos tempos chega ao esperpento", engadiu a parlamentaria do Bloque, partido que denunciou ante a Xunta Electoral a televisión pública por utilizar só “imaxes cunha voz en off” as informacións da candidata nacionalista á presidencia, Ana Pontón.
A oposición censurou que Feijóo "fixese campaña cos cartos de todos os galegos" na TVG durante a pandemia: "Máis de 40 veces e 40 horas en máxima audiencia"
Polo Grupo Mixto de En Marea, Davide Rodríguez acusou o PP de ter dado "un golpe de estado" nuns medios publicos "secuestrados" e dos que o Goberno galego, dixo, "fai un uso fraudulento".
Desde a bancada popular, nin unha alusión á reitarada petición do persoal da CRTVG para o cumprimento da Lei de Medios. Aprobada no Parlamento en novembro de 2011, hai máis de oito anos, a lei mantén artigos claves sen cumprir. Si se aprobou unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da norma. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu que o director xeral continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei. A CRTVG xustifica agora o seu atraso na necesidade de adoptar o texto ao uso das redes sociais.
Ao igual que este venres o PP, o director xeral da CRTVG insiste cada vez que ten ocasión en destacar os niveis de audiencia dos medios públicos. Hai pouco, Feijóo asegurou que confiaba na profesionalidade de todo o persoal porque "o máis importante que se pode medir nun medio de comunicación é a súa audiencia". Xa que "a maioría dos galegos" se informan a través da televisión e da radio públicas, dixo, será que "consideran que a súa información é veraz".
Hai menos dun mes, o persoal estoupou outra vez para "esixir" ao PP "que libere dunha vez por todas os medios públicos do secuestro ao que os ten sometidos dende hai anos". Ao igual que as protestas que tinguen de negro as sedes da Radio Galega e da TVG desde a primavera de 2018, o comité intercentros da Corporación denunciou a "manipulación informativa" que consideran "descarada e grotesca" a favor do PPdeG e de Feijóo, acentuada, segundo aclaran, na cobertura informativa da pandemia do coronavirus.
As críticas da oposición pola "manipulación" nos medios públicos únese ás do persoal: "É descarada e grotesca"
Non era a primeira vez que a representación legal do persoal da CRTVG advertía da manipulación e do nesgo partidista e dirixido dos servizos informativos dos medios públicos. Desta vez, nun duro comunicado, acusaron o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e os responsables dos servizos informativos de "antepoñer unha vez máis os intereses do PP ao dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural". E sinalaron a cobertura da pandemia pola Covid-19 como "un irresponsable e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato Alberto Núñez Feijóo".
O presidente da Xunta respondeu ás graves acusacións atacando a TVE. Cando o percorrido do off the record da ministra de Igualdade, Irene Montero, sinalou a TVG, Feijóo dixo que era unha "manobra de distracción" e negou calquera relación. A Corporación, malia a petición dos profesionais, negouse a investigar os feitos e acusou o persoal de "desprestixiar" os medios públicos. Malia que a CRTVG rexeitou o uso de conversas privadas a nivel informativo nun comunicado, foi en dous telexornais onde os servizos informativos optaron por dedicar amplo espazo ás palabras que fóra de cámara dixo a membro do Executivo central sobre as manifestacións do 8M e ás que fixera referencia o diario ABC, xornal a quen fontes da televisión e da radio públicas atribúen "liña directa" cos responsables.