O percorrido do vídeo da ministra de Igualdade pola TVG indigna a persoal da canle, que esixe investigalo

O Telexornal da TVG emitiu as imaxes da ministra de Igualdade en varias das súas edicións CC-BY-NC-SA Praza Pública

A filtración dun vídeo de Irene Montero previo a unha entrevista emitida por ETB acaba sinalando a TVG. A CRTVG volve ao miolo da polémica da maneira máis rocambolesca pero tamén escura. O diario ABC difundiu o pasado luns un vídeo dunha charla previa a unha entrevista que a ministra de Igualdade ofreceu o 9 de marzo na que falaba da baixa asistencia á manifestación do 8M e o avance do coronavirus como posible causa. As imaxes off the record e a conversa distendida fóra de antena non chegaron a ser emitidas pola televisión pública vasca, pero si saíron á luz case tres meses despois para logo ser utilizadas pola dereita política, principalmente o PP, para atacar o Goberno central e a propia membro do Executivo. 

O 'ABC' difundiu un vídeo dunha charla previa a unha entrevista e en 'off' de Irene Montero; as imaxes, propiedade da ETB, foron solicitadas tamén pola TVG

ETB, propietaria do vídeo, saíu axiña a desmarcarse de calquera posible filtración, tanto desde o programa que fixo a entrevista, En jake, como desde o propio ente público nun comunicado. Nel, aseguran que a entrevista foi emitida en directo, pero non a "conversa distendida que se produciu previamente". Ademais, aclaran que tanto esa conversa previa como a propia entrevista foron recibidas "en directo en ETB e noutra televisión autonómica, pasando polo circuíto de enlace da FORTA (Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos". 

Esa outra canle que solicitou a gravación foi, segundo confirmou Praza.gal, a TVG, que mantén no seu arquivo as imaxes, gardadas o pasado 23 de marzo, quince días despois da entrevista. 

A web de informativos da CRTVG recolle a crónica sobre a "polémica" polo vídeo en 'off' de Irene Montero © CRTVG

Profesionais de ambos medios públicos sinalan a canle galega como o lugar desde onde foi filtrado o vídeo, que logo difundiron o ABC e varios partidos políticos, rachando con calquera código deontolóxico do xornalismo e co principio básico de respectar a confidencialidade dos off the record. "A medida que se tira do fío, confírmanse as sospeitas", indican. 

Ás poucas horas de coñecerse que só a TVG, ademais da televisión pública vasca, tiña acceso a esas imaxes, e despois de que a EiTB ameazase con "exercer cantas accións xudiciais sexan oportunas", as reaccións non tardaron en chegar. O colectivo Defende A Galega reclamou á CRTVG "que abra unha investigación independente para saber se a TVG filtrou o off the record ". 

A ETB negou a filtración e advertiu de "accións xudiciais"; a TVG negouno tamén e rexeitou o uso das declaracións en 'off' malia telas emitido no Telexornal

"O silencio reforza as denuncias de inxerencias políticas e pon baixo sospeita as traballadoras dos medios públicos", advertían. Só minutos despois, a CRTVG emitía un comunicado no que se declaraba "allea á citada filtración" e no que dicía "rexeitar o uso de imaxes gravadas na previa dunha entrevista sen respectar a praxe de confidencialidade comunmente establecida". 

Sorprende, no entanto, que a Corporación rexeitase esas prácticas tan só un día despois de emitir precisamente esa conversa informal e privada no Telexornal Mediodía e no Telexornal Serán, nunha peza na que se facían eco da información do ABC, que non foi asinada por ningún xornalista. A crónica da televisión pública, tamén na web, mesmo relata e transcribe a conversa privada, á que os medios públicos fan referencia a través das súas redes sociais

Neste mércores, e logo dunha reunión de urxencia, o comité intercentros da CRTVG demandou tamén explicacións e "esixe unha investigación seria e independente para clarexar a posible filtración desde os arquivos da televisión pública". A representacion do persoal considera que "os feitos deterioran gravemente a credibilidade dos medios públicos de Galicia no caso de que non se aclare" se ese material foi "extraído" dos arquivos da Corporación para "cederllo ao ABC en contra da praxe xornalística establecida". 

O comité da CRTVG esixe "unha investigación seria e independente" e lamenta a "inacción" da dirección: "Permite que se cuestione a integridade dos profesionais"

O comité, que critica a "falta de honestidade" dos responsables da TVG por emitir unhas imaxes que agora din rexeitar usar, solicita que se abra unha "investigación" e que se "listen os accesos que houbo a ese material, cando, por parte de quen e con que  propósito". Ao tempo, lamentan a "inacción" da dirección para pescudar os feitos, "permitindo así que se cuestione a integridade dos xornalistas e profesionais" sobre unha posible filtración usada "para defender intereses particulares e partidistas" a prol do PP. 

A representación dos traballadores asegura que "agardará á resposta da dirección da CRTVG" antes de "valorar a adopción doutras medidas, sen descartar a convocatoria de mobilizacións para esixir a posta en marcha da investigación sobre a suposta filtración", unha medida que piden tamén a través dunha recollida de sinaturas en Internet

Captura de imaxe do comunicado emitido pola CRTVG CC-BY-SA Praza Pública

Antes, no seu comunicado, a CRTVG advertía de que "exercerá accións legais contra quen acuse a Corporación de ser a fonte da filtración". "Teñen medo", asegura persoal dos medios públicos. A dirección asegura tamén que "a calidade das imaxes filtradas, que circularon á súa vez a través do circuíto interno da FORTA, non se corresponde co estándar técnico das imaxes de arquivo da CRTVG".

Fontes do persoal de ambos medios públicos, vasco e galego, advirten de que todo fai indicar que as imaxes non foron descargadas, senón gravadas ou capturadas dalgún outro xeito e compartidas con peor calidade, posiblemente a través dun móbil. Así foron difundidas polo ABC

O vídeo completo foi arquivado na TVG o 26 de marzo; nalgún momento, incluíuse a descrición aludindo ao contido en 'off' que logo foi utilizado polo 'ABC'

Desde a ETB, as mesmas fontes advirten de que xa no momento no que se comezou a difundir o vídeo, as sospeitas recaeron na CRTVG. "Quen o filtrou estaba buscando algo para coller nalgún renuncio á ministra ou sabía daquela conversa e foina buscar expresamente", insisten. 

O caso é que as imaxes da conversa en off, segundo puido saber Praza.gal, xa foran visionadas e valoradas hai semanas por profesionais da TVG, que descartaron finalmente emitilas. O vídeo completo --a entrevista e a conversa previa fóra de antena-- foi arquivado. Nalgún momento --non necesariamente ao ser gardado-- incluíuse na descrición do contido a alusión ao devandito off the record, malia que a CRTVG asegura que rexeita o uso deses previos, que logo utilizou nos informativos pero facendo alusión á nova do ABC

Xa que logo, a gravación da conversa en off era coñecida na TVG. Na ETB, segundo aseguran fontes do persoal, ese off da gravación nunca foi tido en conta e, de feito, advirten de que non era coñecido entre a redacción. A filtración provocou ademais a indignación dos profesionais implicados naquela entrevista, que aseguran non ter nada que ver coa difusión dunha conversa privada. 

Persoal dos medios públicos dá por feito que a filtración partiu da CRTVG e alude á "estreitísima" relación da canle co 'ABC' e ao "uso partidista" que o PP fai dela

Nos medios públicos galegos son moitos os que o dan por feita a filtración e aluden á "estreitísima" relación entre responsables directivos e de informativos da Radio Galega e da TVG e o diario ABC, que achega varios colaboradores a diferentes programas. "Hai liña directa", din. 

O feito de que o PP, ao que o comité acusa "secuestrar" os medios públicos e utilizalos "de maneira partidista", fose o partido que máis e máis axiña difundise as imaxes, engade indicios á tese maioritaria. "Non hai dúbidas que a filtración saíu de aquí", engaden varias fontes. A cuestión, insisten, é saber quen decidiu difundir o vídeo e se a CRTVG está disposta a descubrilo. Non teñen moita esperanza. 

Profesionais da CRTVG consultados aclaran que coñecer o rastro dese vídeo e descubrir se foi filtrado e desde onde é doado se o método utilizado foi a descarga do arquivo. Non é fácil --"é practicamente imposible", din-- se o que se fixo foi unha captura de pantalla ou unha gravación cun teléfono móbil. 

Feijóo nega que a TVG ou a Xunta teñan algo que ver

Preguntado polas sospeitas sobre a televisión pública, Núñez Feijóo alude ao "desmentido claro, contundente e diáfano" da CRTVG e di "crer" nos responsables da "Te-ve-gá" porque "non van dicir unha cousa e a súa contraria". Para o presidente da Xunta, todo é "unha manobra de distracción" porque "parece ser que o que importa é quen filtrou e que a conversa non ten ningunha relevancia". 

Feijóo non censura o uso dunha conversa privada: "Parece ser que o que importa é quen filtrou e que a conversa non ten ningunha relevancia"

"É de primeiro de periodismo que cando tes unha nova que non che interesa, sacas o foco e buscas algunha néboa para que se perda entre ela", asegurou Feijóo nunha entrevista televisiva, para insistir en que nin o Executivo galego nin a canle pública "teñen nada que ver" coa difusión da conversa privada da ministra de Igualdade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.