Defende A Galega: o movemento contra a manipulación na CRTVG fai dous anos malia ao desdén da Xunta

Persoal mobilizado da CRTVG, no primeiro venres negro, en maio de 2018 © Defende A Galega

"Por unhas televisións públicas independentes, en solidariedade cos compañeiros de TVE (as súas demandas son as nosas demandas) e por un Consello de Informativos para a CRTVG. Venres negro tamén na TVG". Con esta mensaxe, profesionais dos medios públicos galegos empezaban hai dous anos a vestirse de loito para denunciar a "manipulación" e esixir o cumprimento da lei de Medios. Desde aquel 25 de maio de 2018, boa parte do persoal uniuse ás demandas de melora na calidade e nos recursos da radio e da televisión públicas e a fin do "control político" que din sufrir. Hai tan só uns días, foi o comité intercentros da Corporación quen denunciou outra vez o "uso partidista" dos servizos informativos a prol do PP, acentuado na cobertura da pandemia e na carreira preelectoral. 

Boa parte do persoal dos medios públicos leva dous anos mobilizándose contra a manipulación ante o desleixo dunha dirección que minimiza ou oculta as protestas

A mobilización, na que ás poucas semanas xermolou o colectivo Defende a Galega, é inédita nos medios públicos galegos tanto pola súa duración como polo seu impacto interno e, sobre todo, externo -con fitos como a manifestación en Compostela, a dimisión de dous destacados presentadores do Telexornal ou o amplo seguimento da folga, convocada polos sindicatos e que secundou o colectivo, que recibiu o Premio José Couso á Liberdade de Prensa-. A transcendencia pública da protesta incomodou e incomoda especialmente na cúpula da compañía pública, que reacciona minimizando a súa relevancia ou recoñecendo que intenta ocultala

Protesta de profesionais da CRTVG no 105º venres negro © Defende A Galega

Molesta tamén na Xunta, que no entanto amosa o seu desleixo máis absoluto, co presidente Feijóo negando responder a preguntas sobre as protestas, advertindo que non sabe se o persoal continúa mobilizándose, respondendo ás denuncias de manipulación criticando a TVE ou obviando as protestas, que reciben unha ínfima cobertura mediática en Galicia comparada coas das que se erguen un milleiro de quilómetros cara ao leste. 

Defende A Galega di que o persoal segue mobilizado "porque a CRTVG continúa a ser utilizada para defender intereses partidistas e non os da cidadanía"

"Defendemos uns medios públicos libres, sen nesgo político. Non somos servos de ningún partido político", dicía hai case dous anos o primeiro chío de Defende A Galega, colectivo que impulsa a mobilización. Dous anos despois, advirten de que seguen mobilizados "porque a CRTVG continúa a ser utilizada para defender intereses partidistas e non os da cidadanía". "Empezamos uns centos pero xa somos milleiros", din. 

O colectivo advertiu do previsible aumento da "presión" sobre os traballadores e do manexo informativo de cara ás eleccións, logo suspendidas, do 5 de abril. Adiados os comicios, o control parlamentario á CRTVG quedou tamén paralizado pola suspensión da actividade parlamentaria derivada da convocatoria electoral. Hai só uns días, a representación legal dos traballadores emitía un duro comunicado alertando da "manipulación grotesta" dos informativos na TVG e na Radio Galega a prol da Xunta e pedía ao PP que "liberase" os medios públicos do seu "secuestro". 

Unha reveladora e impactante demanda que non tivo apenas resposta do Goberno galego nin eco ningún, agás o dunha oposición que insiste no "uso partidista" e que mesmo pediu amparo á Xunta Electoral de cara ao 12X logo de, nun feito histórico, unirse para asinar un comunicado conxunto no que denuncia a "manipulación" dunha TVG "ao servizo de Feijóo" durante a crise sanitaria polo coronavirus

A protesta, advirte Defende A Galega, continúa e continuará. O colectivo insiste cara ao 12X no decálogo que difundiu de cara ás eleccións suspendidas de abril e no que piden a "destitución inmediata do actual director xeral", Alfonso Sánchez Izquierdo, e a súa sucesión mediante "maioría de dous terzos" do Parlamento. Tamén a posta en marcha, "no prazo máximo dun mes desde a formación do novo goberno, do Consello de Informativos regulado na mesma Lei de Medios, dándolle a este órgano as máximas atribucións posibles para evitar as presións partidistas sobre os e as traballadoras que elaboran os contidos nos medios públicos e garantir que estes se fagan seguindo criterios profesionais". 

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, e Alberto Núñez Feijóo CC-BY-NC-SA Ana Varela

Aprobada no Parlamento en novembro de 2011, hai máis de oito anos, a lei mantén artigos claves sen cumprir. Si se aprobou unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da norma. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu que o director xeral continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei. A CRTVG xustifica agora o seu atraso na necesidade de adoptar o texto ao uso das redes sociais

Feijóo, a CRTVG e o PP xustifican o bo facer dos medios públicos na audiencia: xa que "a maioría dos galegos" se informan neles, "a súa información é veraz"

As demandas, polo momento, continúan sen resposta. O director xeral da CRTVG insiste cada vez que ten ocasión en destacar o exemplar comportamento profesional dos medios públicos, dos que gaba os seus niveis de audiencia, ao igual que o PP e a propia Xunta. O seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, asegurou o pasado venres que confiaba na profesionalidade de todo o persoal da CRTVG porque "o máis importante que se pode medir nun medio de comunicación é a súa audiencia". Xa que "a maioría dos galegos" se informan a través da televisión e da radio públicas, dixo, será que "consideran que a súa información é veraz". E pasou a outro tema. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.