"Debería preocuparnos asumir con naturalidade que ser crítico en Galicia pode supoñer o ostracismo"

Mobilización na sede da CRTVG en San Marcos durante un venres negro © Defende A Galega

A pasada semana, os traballadores e as traballadoras dos medios públicos galegos foron recoñecidos co Premio José Couso Liberdade de Prensa. A acta do galardón a Defende A Galega destaca a súa mobilización "sen precedentes nos medios públicos galegos" e o feito de que este colectivo de persoal da TVG e da Radio Galega se "convertese no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega". Falamos con eles a pouco de que se cumpra un ano das mobilizacións dos venres negros. 

Como recibiron o premio Couso?

Recibimos a noticia con moita alegría pola relevancia deste premio, porque leva o nome de José Couso e porque foi anteriormente concedido a referentes do xornalismo que defenderon a liberdade de información en circunstancias moi difíciles.

"O silenciamento do premio nos medios públicos é exemplo claro do que denunciamos, o mesmo que o de moitas informacións que non se corresponden coa visión da realidade que a dirección quere trasladar"

Que significa para vostedes?

Alégranos especialmente que sexa un premio votado polos compañeiros e compañeiras xornalistas, unha confirmación do apoio de moitos profesionais doutros medios cada venres negro. Entendemos este premio Couso como un recoñecemento á importancia do servizo público e á mostra de dignidade e responsabilidade profesional do cadro de persoal da CRTVG. E parécenos tamén unha chamada de atención sobre os atrancos que a liberdade de prensa enfronta nos nosos medios, tanto nos públicos como nos privados.

Denunciaron que os medios públicos non se fixeron eco do premio...

O silenciamento do premio nos medios públicos é un exemplo claro de todo o que denunciamos. É o mesmo silenciamento que sofren moitas informacións que non se corresponden coa visión da realidade que a dirección quere trasladar. A Televisión de Galicia e a Radio Galega informan do premio Couso todos os anos. Que decidan ignorar a noticia nesta ocasión, que a censuren precisamente cando se recoñece as súas traballadoras e traballadores, é un sinal moi significativo de algo gravísimo, do uso dos medios públicos para atender intereses particulares. A CRTVG non pode negarlle á cidadanía o dereito a coñecer unha noticia porque considere que é contraria aos intereses da súa dirección. A CRTVG non é patrimonio de ningunha dirección nin de ningún goberno.

Mobilización do colectivo Defende A Galega na CRTVG © Defende A Galega

Entenden que está sendo un problema trasladar as súas demandas pola escasa repercusión nalgúns medios

Nos medios privados o premio foi recollido de maneira desigual e cónstannos as grandes dificultades nestes meses para que se recollese en moitos dos medios do país calquera referencia a Defende A Galega e aos venres negros. 

Hai outros medios públicos cuxas polémicas si están tendo repercusión en Galicia, pero non tanto as protestas de Defende A Galega. Ven neste dato unha estratexia predeterminada?

Vemos un gran cinismo. Pouca lexitimidade hai para criticar ferozmente outros medios públicos cando se ocultan os graves problemas que teñen os nosos. Cal sería a reacción se noutros medios se constatasen casos de censura tan graves como os que estamos denunciando? 

"Na CRTVG hai un gran cinismo; pouca lexitimidade hai para criticar ferozmente outros medios públicos cando se ocultan os graves problemas que teñen os nosos"

Esperan que ter recibido o premio mude a actitude da dirección da CRTVG cara a vostedes e as súas demandas?

Se a dirección da CRTVG leva anos ignorando a Lei de Medios Públicos, as reivindicacións do cadro de persoal, as denuncias da oposición parlamentaria e as queixas da cidadanía, sería inxenuo pensar que este recoñecemento vai mudar a súa actitude. Si esperamos que o premio Couso sexa un paso máis, un chanzo máis, para que a situación mude por fin.

Séntense apoiados dabondo pola sociedade galega?

Chégannos moitos apoios individuais e de colectivos de distintos ámbitos. Outros non chegan ou ben polo descoñecemento da situación ou porque ese apoio pode ter consecuencias negativas para quen o emite. A naturalidade coa que se asume que expresar opinións críticas supón condenarse ao ostracismo debería preocuparnos a todos. Todos os medios, non só os públicos, sofren unha grave crise de credibilidade. Cremos que a única maneira de recuperar a confianza da cidadanía é facendo autocrítica e reclamando que se poida traballar seguindo criterios profesionais e con independencia de calquera goberno. 

En plena campaña electoral, senten o apoio dos partidos ás súas demandas? Confían en que os problemas da CRTVG sexan abordados?

En campaña e fóra dela, gustaríanos ver debates de fondo sobre unha cuestión tan importante como a desgobernamentalización dos medios públicos. Os partidos da oposición están recollendo as reclamacións do persoal da CRTVG pero levamos demasiados anos escoitando promesas que leva o vento e argumentacións diferentes cando se está no goberno e na oposición. Non queremos seguir sendo unha escusa para os tirapuxas entre partidos senón precisamente deixar de selo. 

"A naturalidade coa que se asume que expresar opinións críticas supón condenarse ao ostracismo debería preocuparnos a todos"

A piques de cumprir un ano de venres negros, que balance fan da protesta? 

Facemos un balance moi positivo destes once meses de reivindicacións que xa están producindo cambios. Por exemplo, a mellora na estima propia, moi danada, dos profesionais dos medios públicos, e a mellora na percepción que moitos cidadáns teñen de nós. Cada vez menos persoas aceptan que haxa que resignarse a que os medios públicos estean baixo control gobernamental.

Teñen pensado novas formas de reivindicación? Perden a paciencia pola falta de resposta ás súas demandas?

Once meses despois do primeiro venres negro é evidente que non imos perder a paciencia nin os folgos. Sabemos que os cambios non serán fáciles nin rápidos, pero tamén que son imprescindibles e que é a nosa responsabilidade reclamalos e trasladar este debate á sociedade. Por suposto, seguiremos buscando maneiras de facelo.

Temen máis represalias como as que denunciaron no pasado en forma de expedientes?

Lamentablemente non falamos de pasado, a recente sanción ao noso compañeiro Carlos Jiménez indica que a dirección segue apostando polos castigos e a confrontación. Resulta alarmante que esa sexa a única resposta ante demandas tan inapelables como as que estamos facendo os profesionais da CRTVG reclamando o cumprimento dunha lei aprobada en 2011... En todo caso, a resposta dos traballadores e traballadoras segue sendo a mesma, a unidade e a determinación na defensa da Galega. 

Mobilización dos venres negros na sede central da CRTVG Dominio Público Defende a Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.