Feijóo responde ás duras críticas do persoal da CRTVG pola "manipulación informativa" nos medios públicos atacando a TVE. O presidente da Xunta foi preguntado este venres polo comunicado do comité intercentros da Corporación. Nel, a representación legal dos traballadores esixiu ao PP que "libere" a Radio Galega e a TVG do seu "secuestro" e que acabe co seu uso partidista a favor da Xunta e da propia figura do xefe do Executivo, especialmente durante a cobertura da pandemia de coronavirus, que considera unha "precampaña" a favor do candidato do PPdeG.
Feijóo rexeita as críticas de "manipulación" aludindo aos bos datos de audiencia da TVG: "A maioría dos galegos considera que a súa información é veraz"
Malia as duras acusacións, Feijóo limitouse a manifestar a súa credibilidade "na profesionalidade dos profesionais da CRTVG". "Creo nela porque o máis importante que se pode medir nun medio de comunicación é a súa audiencia", dixo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello, na que destacou que "a maioría dos galegos" se informan a través da televisión e da radio públicas porque, segundo dixo, "consideran que a súa información é veraz".
Ao tempo, Feijóo aproveitou a pregunta para cargar contra TVE, advertindo de que se acababan de ver "roldas de prensa de presentadores de TVE falando sobre o que ocorre na casa da TVE, e o que ocorre no consello de administración é público e notorio". Non aclarou a que manifestacións nin a que profesionais se refería.
Ademais, Feijóo denunciou tamén contra a subvención de 15 millóns de euros para as canles privadas de televisión aprobada a finais de marzo entre as medidas para paliar a drástica caída de anunciantes nos medios. Segundo o presidente da Xunta, "hai moitas empresas con dificultades que se están preguntando por que hai algunhas poucas que teñen unha inxección directa e hai outras que non, por que hai medios como a prensa escrita ou as radios que non teñen esas axudas".
As críticas de Feijóo a TVE coinciden co 105º venres negro, no que persoal da CRTVG piden "reconstruír uns medios públicos galegos ao servizo da cidadanía"
A reacción de Feijóo chega logo de que o comité da CRTVG denunciase que a cobertura que os servizos informativos fan da pandemia se basea en "criticar e desprestixiar a xestión do Goberno central" e "louvar a da Xunta". "Pretenden transmitir a imaxe de que no noso país todo vai ben porque goberna o PP, cando no resto do Estado a situación é de caos", di nun comunicado.
Ademais, as declaracións do presidente da Xunta coinciden co 105º venres negro, mobilización de boa parte do persoal dos medios públicos que está a piques de cumprir dous anos. Con ela, denuncian tamén a "manipulación" na TVG e na Radio Galego e esixen o cumprimento da Lei de Medios.
Precisamente, Defende A Galega, colectivo que impulsa esta mobilización, insistiu hoxe en difundir unha serie de reivindicacións "para reconstruír uns medios públicos galegos ao servizo da cidadanía" dirixidas aos partidos políticos de cara aos comicios do vindeiro 12 de xullo. Ás diferentes formacións pídenlles "que se comprometan xa nos seus programas a cumprir a Lei de Medios e a acabar co desmantelamento da CRTVG".
Defende A Galega pide aos partidos políticos que se comprometan á formación do Consello de Informativos e á destitución do actual director xeral da CRTVG
No decálogo difundido, o persoal mobilizado pide a "destitución inmediata do actual director xeral", Alfonso Sánchez Izquierdo, e a súa sucesión mediante "maioría de dous terzos" do Parlamento. Tamén a posta en marcha, "no prazo máximo dun mes desde a formación do novo goberno, do Consello de Informativos regulado na mesma Lei de Medios, dándolle a este órgano as máximas atribucións posibles para evitar as presións partidistas sobre os e as traballadoras que elaboran os contidos nos medios públicos e garantir que estes se fagan seguindo criterios profesionais".
Aprobada no Parlamento en novembro de 2011, hai máis de oito anos, a lei mantén artigos claves sen cumprir. Si se aprobou unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da norma. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu que o director xeral continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei. A CRTVG xustifica agora o seu atraso na necesidade de adoptar o texto ao uso das redes sociais.
As demandas, polo momento, non teñen boa traza. O director xeral da CRTVG insiste cada vez que ten ocasión en destacar o exemplar comportamento profesional dos medios públicos, dos que gaba os seus niveis de audiencia, ao igual que fixo este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que dixo hai só unhas semanas que descoñecía se seguía en pé unha mobilización do persoal que está a uns días de cumprir dous anos.