Ás cero horas do vindeiro 26 de xuño comezará oficialmente a campaña electoral das eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo, que seguen sendo anticipadas malia estaren inicialmente previstas para o 5 de abril, toda vez que a lexislatura non remata ata finais de setembro. Durará dúas semanas, como fixa a lei, ata as 23:59 do 10 de xullo. Neses quince días, as forzas políticas que opten a estar representadas no vindeiro Parlamento de Galicia poderán pedir o voto por todas as vías contempladas na lexislación electoral, constrinxidas nesta ocasión polas limitacións para evitar contaxios do coronavirus.
O PP asegura que en realidade as eleccións non son a súa "prioridade" e di que promoverá que "a campaña se circunscriba a unha semana", aínda que a todos os efectos durará 15 días nos que os partidos poden celebrar ou non os actos que consideren, desta volta condicionados polo coronavirus
Xa nos días previos a ratificar o 12X como data electoral, o propio Alberto Núñez Feijóo dixo concordar co PNV non só no día elixido, senón tamén na conveniencia de acurtar a campaña electoral. Así o reiterou tamén tras convocar formalmente os comicios, aínda que admitindo que o Goberno galego carece de marxe legal para diminuíla, polo que a todos os efectos dura dúas semanas. Afirmouno en rolda de prensa retransmitida ao vivo pola Televisión de Galicia, canle pública que as principais forzas da esquerda instan o PP a non utilizar na campaña no seu propio beneficio.
Esa reclamación de ignorar unha parte da campaña foi reiterada este mércores polo número dous de Feijóo no PP, o secretario xeral. Miguel Tellado asegura que, malia vilas de convocar, "as eleccións non son a nosa prioridade" porque "a prioridade segue a ser combater a pandemia" e "preservar a saúde". Esa é a razón pola que, afirmou, quere promover "acurtar" a campaña e que "se circunscriba a unha semana", o cal ao seu xuízo é dabondo para "garantir a explicación das propostas de todos os partidos políticos".
En realidade, a campaña comezará en calquera caso o 26 de xuño, se ben os partidos poden decidir non organizar acto ningún un ou varios días, como en calquera outra ocasión. Nas filas da esquerda interprétase este chamamento a ignorar a metade da campaña como unha aposta do PP por limitar a visibilidade do resto de formacións mentres Feijóo aproveita a Xunta en clave electoral. "Mestura o partidario co Goberno, cre que Galicia é o seu chiringuito e pode campar pola súa televisión, por Tele Feijóo, sen ningún límite nin castigo. Pero hai moita cidadanía farta", cre o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero.
"O PP mestura o partido co Goberno, cre que Galicia é o seu 'chiringuito'", afirma Gonzalo Caballero, quen augura que Feijóo "vai levar unhas sorpresa cando abran as urnas"
Nas filas do PSdeG, que este mércores reuniu a súa Executiva Nacional a través de videoconferencia para abordar as eleccións, preocupa especialmente o que Caballero define como "unha intervención indecente da CRTVG" por parte do PP. "É impropio dun país democrático", cre o candidato socialista á Presidencia, que reclama múltiples debates electorais na CRTVG -ao seu xuízo, debérase celebrar un cara a cara entre el e Feijóo e máis encontros "coa presenza tamén do BNG e Galicia en Común"- e que advirte de que o seu partido fará unha campaña "de argumentos e ideas, sen complexos", defendendo aspectos como a importancia de non repetir "os recortes na sanidade pública", especialmente tras a crise da covid-19. "Feijóo -augura- vai levar unha sorpresa cando abran as urnas".
Sobre a proposta concreta de "reducir" a campaña electoral, o PSdeG retrucaba este mércores cun comunicado: "Se Feijóo quere reducir a campaña, que lle poña un bozal a Tellado". "A lei establece que a
campaña electoral debe durar un mínimo de 15 días e ninguén pode reducir as garantías democráticas en Galicia", agregan.
Pontón: "Feijóo leva 1.634 minutos de campaña na TVG, o BNG non o conseguiría nin saíndo no Telexornal todos os días da lexislatura"
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pon o foco na necesidade de que cese a "campaña en prime time" que, censura, Feijóo "leva facendo dous meses". O actual presidente e candidato do PP, reprocha, interveu ata o pasado martes "1.634 minutos" ao vivo ante as cámaras da Galega. "O BNG -ilustra- non o conseguiría nin saíndo no Telexornal todos os días da lexislatura". Nesta liña, o Bloque propón "debates a dobre volta cos candidatos das principais forzas, ampliar espazos de información" relativa á campaña e recuperar os debates entre cabezas de lista provinciais. Trátase, di, de achegar á cidadanía as diferentes opcións para "reconstruír Galiza" tras a pandemia e facelo en igualdade de condicións.
Gómez-Reino: "Vimos de moitos anos de propaganda e de 60 días de acaparamento dos medios públicos por parte do PP"
Nesta liña, dende Galicia en Común o seu candidato, Antón Gómez-Reino, tamén aposta por "numerosos debates" na CRTVG" e "non só de candidatas e candidatos", senón tamén "sectoriais" sobre os diversos temas da campaña, como sucede "en países da nosa contorna, como Portugal". Galicia en Común, sinala Gómez-Reino, considera imprescindible a igualdade entre as forzas na campaña, máis aínda despois de "virmos de moitos anos de propaganda" do PP dende a Xunta e tras "60 días de acaparamento dos medios públicos" por parte de Feijóo. Dado que a campaña vai ser necesariamente "anómala" pola propia pandemia, sinala, cómpre deixar aínda máis claro do habitual que o partido do actual Goberno non pode beneficiarse dos medios públicos.