Feijóo tamén secunda o PNV en reducir a campaña das eleccións e evidencia unha convocatoria inminente

Feijóo, ao remate do Consello da Xunta deste 15 de maio CC-BY-SA Xunta

Na mañá do pasado 10 de febreiro o lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, fixo oficial o adianto das eleccións ao Parlamento de Euskadi para o 5 de abril. Escasas horas despois, Alberto Núñez Feijóo reunía de urxencia o Consello da Xunta e ratificaba que, por terceira vez, secundaba a data fixada polo xefe do Executivo vasco para chamar ás urnas en Galicia. Aquela cita tivo que ser cancelada polo coronavirus e agora, despois de que unha emenda introducida polo PNV ao estado de alarma abriu a porta a activar xa outros comicios, todo apunta a que Feijóo se dispón a facer o propio unha vez máis.

O actual presidente da Xunta e líder do PPdeG "comparte ao cen por cen" a posibilidade de reducir á metade a campaña electoral, suxerida polo PNV para Euskadi

O actual presidente da Xunta e líder do PPdeG xa evidenciou o pasado xoves ante o resto de líderes políticos de Galicia -nesta ocasión, excepcionalmente, tiña que "ouvir" o resto de formacións antes de chamar ás urnas- a súa intención de que os comicios se celebren en xullo e canto antes, mellor, o que outorga máis posibilidades ao domingo día 12, primeiro domingo que entra no prazo legal de oficializar a convocatoria con 54 días de marxe. Este venres, tras o Consello da Xunta, Feijóo volveu evidenciar que a convocatoria é inminente e mostrouse proclive a secundar o PNV en algo máis: recortar a campaña á metade.

Tras a reunión semanal do Goberno galego, Feijóo foi cuestionado pola opinión expresada pola presidenta do PNV en Biskaia, Itxaso Atutxa, que dixo ver como boa idea reducir a campaña electoral á metade, ao xeito do que acontece no Estado cando cómpre repetir as eleccións xerais. O líder do PPdeG ve "absolutamente acertadas" esas "reflexións" e "compárteas ao cen por cen" cara a unha campaña na que, dende a súa condición de presidente do Goberno e non do partido, asegura que non vai poder incluír "actos masivos". 

Puy, Caballero, Feijóo, Pontón e Gómez-Reino, nas instalacións da Vicepresidencia antes da Xuntanza sobre a convocatoria electoral CC-BY-SA Xunta

"Os tempos das campañas electorais clásicas xa pasaron, polo menos, durante os próximos dous anos", agrega, ademais de avanzar que a declaración de emerxencia sanitaria será "adaptada" para a celebración das eleccións, incluíndo medidas como a distancia entre persoas nas votacións. Así e todo, reflexiona, "do mesmo xeito que estamos acudindo ás terrazas, aos supermercados, ao traballo... Ir votar está dentro desa normalidade" á que a poboación está retornando "semana a semana".

Tras o Consello da Xunta, Feijóo cargou contra PSdeG, Galicia en Común e BNG por opoñerse á convocatoria en xullo e censurou especialmente a postura de Gonzalo Caballero, cuxas declaracións cualifica de "insulto" que di esperar que os socialistas vascos tomen "a broma"

Alén da cuestión da intendencia e de admitir que faltan poucos días para que revele a data exacta -para votar o 12X o límite para convocar os comicios é o vindeiro martes, día 19-, Feijóo reitera que a súa preferencia por ir xa ás urnas non é partidaria, senón sanitaria. "Non teño ningún interese en participar nunhas eleccións nesta situación", asegura, pero "non podo elixir" porque a alternativa do outono implicaría o risco de que, en caso de rebrote, "estaría nun suposto de ilegalidade e de presidente ilexítimo" se fose imposible celebrar as eleccións e houbese que ir alén de finais de setembro, cando finaliza a lexislatura.

Con este pano de fondo, Feijóo non aforrou críticas ás formacións da esquerda galega, que este venres reiteraban o seu rexeitamento á convocatoria "en plena pandemia". O líder do PPdeG carga con especial dureza contra Gonzalo Caballero, secretario xeral e candidato do PSdeG, cuxas declaracións ao respecto considera un "insulto" que espera que tomen "a broma" os socialistas vascos que, subliña, si apoian votar xa. 

Dende o punto de vista de Feijóo, tanto o PSdeG como Galicia en Común e BNG non discordan con el, senón co "criterio dos expertos" consultados pola Xunta sobre a posibilidade de rebrotes e que indicaron "cal é o mes menos malo". "Estes tres partidos políticos van contra os seus propios actos" no Congreso dos Deputados, interpreta, toda vez que o PSOE e Unidas Podemos votaron a prol da prórroga do Estado de Alarma que incluíu a demanda do PNV e o BNG se abstivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.