O lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, ratificou este xoves aos principais partidos de Euskadi a súa intención de convocar en xullo as eleccións que foi preciso adiar para o coronavirus e sinalou as súas preferencias polos días 12 ou 19 dese mes. Foi nun encontro que estaba fixado dende o pasado día 30 e tras o cal a posición oficial do actual Goberno vasco foi, así e todo, que "a decisión non está tomada" aínda, pero que a primeira opción é xullo porque "se, a evolución da pandemia sufrise un retroceso", aínda habería a "alternativa de setembro ou outubro", dixo o seu voceiro, Josu Erkoreka.
Unhas horas máis tarde, Alberto Núñez Feijóo cumprimentaba coas forzas políticas galegas, en termos moi semellantes aos de Urkullu, o trámite excepcional de "ouvir os partidos" antes de poñer en marcha un novo proceso electoral que substitúa o adiado do 5A. Como o líder vasco, aínda sen data e aludindo aos informes xurídicos que, no caso galego, sinalan a procedencia de deixar clara unha vía para volver frealas en caso de rebrote. Foi nun encontro presencial, o primeiro da pandemia, nas instalacións da Vicepresidencia, no complexo de San Caetano.
O encontro do lehendakari cos partidos vascos rematou sen data concreta, pero apuntando ás eleccións en xullo co outono como 'plan b' en caso de rebrote; o escenario debuxado por Feijóo é practicamente idéntico e o PP resalta a intención de votar "canto antes" porque ve "máis garantías" sanitarias
Acudiron o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, e tamén o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. Por videoconferencia interviñeron o deputado Pancho Casal, de En Marea -que en abril decidiu non concorrer, pero que agora di valorar unha "plataforma galeguista" para facelo-, e a candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino.
Ao remate da xuntanza, a Xunta emitiu un comunicado segundo o cal Feijóo está a valorar a decisión e foi Puy quen reiterou a postura do PP a prol de celebrar os comicios "canto antes" e "en base á situación epidemiolóxica". Tamén ve "interesante" que a convocatoria evidencie unha salvagarda para poder ser freada se a pandemia rebrota, na liña do expresado por Erkoreka.
Aludindo aos informes manexados pola Xunta, o voceiro popular sinala que as previsión do Sergas apuntan a que "sobre todo, na primeira quincena" de xullo hai "máis garantías" para "celebralas con certa tranquilidade" dende o punto de vista do impacto do coronavirus. Mantén o popular que C's e En Marea tamén consideraron "razoable" esta posibilidade e, en calquera caso, mantén que aínda non existe data fixada, como en Euskadi, aínda que nega que a decisión galega estea vinculada á vasca.
Rexeitamento de PSdeG, Galicia en Común e BNG
Caballero: "É unha alta irresponsabilidade política e sanitaria"
Tras o encontro, PSdeG, Galicia en Común e BNG viron ratificadas as intencións do actual presidente e candidato do PP, a quen expuxeron o seu rexeitamento á convocatoria. As tres formacións din discordar de ir xa ás urnas por razóns de saúde pública e ven "intereses electorais" por tras da vontade de Feijóo.
"É unha alta irresponsabilidade política e sanitaria que Feijóo decida rachar calquera acordo e poñer en risco a saúde e a desescalada polos seus intereses, por unha axenda oculta que non é a que interesa aos galegos", sinala o secretario xeral do PSdeG. Segundo Gonzalo Caballero, nas arredor de dúas horas de xuntanza o esencial foi que Feijóo "nos trasladou a decisión unilateral de convocar as eleccións no momento en que estamos priorizando a loita contra o virus, defender a saúde e evitar os contaxios".
Gómez-Reino: "O único que lle importa é a súa estratexia electoral"
Para o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, "saímos como entramos" no que atinxe á data concreta un encontro no que dixo ver claro que "o único que lle importa" a Feijóo é "a súa estratexia electoral". "Non pode garantir, e así o dixo, que teñamos unhas eleccións con total normalidade" nin coas "garantías sanitarias necesarias", lamenta.
Pontón: "É unha temeridade, espero que non o teñamos que lamentar"
Dende o BNG, a súa portavoz nacional ve "corroborado" que "Feijóo xa ten decidido convocar eleccións en pleno estado de alarma e emerxencia sanitaria" e agora, "o que nos resta saber é cando Urkullu va decidir a data". O Bloque, mantén Ana Pontón, segue no convencemento de que "é unha temeridade convocar eleccións en plena pandemia", se ben Feijóo "está poñendo o proceso electoral por diante da saúde". "Espero que non o teñamos que lamentar", di.
Referencia explícita na convocatoria a un segundo adiamento
A eventual salvagarda para un segundo adiamento electoral é unha referencia realizada polo director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta, Manuel Pillado. Incluíuna no informe xurídico no que evidenciou que a emenda do PNV aprobada polo Congreso dos Deputados xunto coa cuarta prórroga do estado de alarma permite a Feijóo obviar o decreto co que quedaron desconvocados os comicios do 5A e chamar ás urnas sen esperar ao levantamento do propio estado de alarma.
Nel, sinala que "un elemento que se debe ter en conta" é a "cambiante evolución da situación" da pandemia, "dificilmente previsible con exactitude" e na que existe a posibilidade de "rebrotes". Os mesmos rebrotes que prognostica un dos asesores médicos do Goberno galego. [Un doutor que asesora á Xunta prevé "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo]
O responsable da Asesoría Xurídica da Xunta recomenda que o novo decreto de convocatoria das eleccións evidencie a posibilidade de ter que volver adialas "por razóns de forza maior derivadas do dereito á saúde"
"Non pode descartarse que no desenvolvemento do proceso electoral aparezan circunstancias que o imposibiliten" por seren aplicadas outra volta "medidas restritivas ou limitativas da liberdade de circulación ou do dereito de reunión". Isto é, outro confinamento. Por iso, o informe recomenda "aprender do camiño que xa temos percorrido na pandemia" e introducir na exposición de motivos do decreto de convocatoria a posibilidade de que "por razóns de forza maior derivadas do dereito á saúde", existe a posibilidade de regresar a "un marco normativo incompatible co desenvolvemento do proceso electoral coas debidas garantías".
Con esa cautela, sinala o informe, "podería procederse de forma motivada a deixar de novo sen efecto a convocatoria". En calquera caso, conclúe, as eleccións só poden celebrarse "nas pertinentes condicións de seguridade" e para iso é preciso "compatibilizar" as votacións coas "instrucións e protocolos que aproben as autoridades sanitarias" para "minimizar os riscos de transmisión da enfermidade". "A exposición de motivos da convocatoria debe recordar esta circunstancia", conclúe o documento.