O pasado día 30 de abril, o lehendakari vasco reuniuse cos representantes das principais forzas políticas de Euskadi para expresarlles a súa preferencia de convocar para o mes de xullo as eleccións que a crise do coronavirus obrigou a adiar tras estaren inicialmente prevista para o 5 de abril. Íñigo Urkullu emprazou os partidos de Euskadi a unha nova xuntanza para o 14 de maio, da que sairía a decisión definitiva. Dese encontro sairá tamén, en virtude do expresado este mércores por Alberto Núñez Feijóo, a data das eleccións galegas: 12, 19 ou 26 de xullo.
Ata os primeiros días de maio, Xunta e PP aseguraron non ter na "axenda" a data das eleccións e acusaron as formacións da esquerda de estar "obsesionadas" con ela
Naqueles días de finais de abril o discurso oficial do Goberno galego e do partido que o sustenta, o PP, pasaba por reiterar que ninguén nas súas filas pensaba en votar. "Non están na axenda do Goberno", reiteraba Alberto Núñez Feijóo ao ser preguntado ao respecto pola prensa. Facíao sen desbotar o mes de xullo nuns días en que as formacións da esquerda galega comezaban a valorar como algo máis que un ruxerruxe a posibilidade de que os comicios quedasen para o outono, como moitos deran inicialmente por feito.
O actual presidente do Executivo galego e líder do PPdeG abriu máis a porta neste sentido o 3 de maio, cando nunha dura intervención contra a prórroga do estado de alarma polo coronavirus reclamou "fórmulas máis certas" para poder chamar ás urnas. Así e todo, tres días máis tarde o seu número dous no partido, Miguel Tellado, cargaba contra PSdeG, Galicia en Común e BNG por censuraren que Feijóo optase por votar en xullo por "interese electoral". "Non é o momento de falar das eleccións, é o momento da saúde, da economía, da seguridade", afirmou Tellado antes de afirmar que "só" estaba a falar da data das eleccións "a oposición" por estar "obsesionada" ao respecto. [A esquerda galega ve ratificado que Feijóo prioriza "o interese electoral" por riba da evolución da pandemia]
As novas eleccións estiveron supeditadas ao levantamento do estado de alarma polo coronavirus ata que foi aprobada a emenda do PNV no Congreso
Alén das declaracións, o certo é que daquela persistía unha barreira xurídica difícil de salvar para ir votar no verán. Seguía plenamente vixente o decreto polo que quedaron desconvocadas as eleccións do 5 de abril. Aquela desconvocatoria supeditaba a nova data ao levantamento do estado de alarma. Pero todo mudou cando PSOE e Unidas Podemos aceptaron no Congreso unha das emendas que o PNV puxo como condición para apoiar a cuarta prórroga do propio estado de alarma: deixar claro que esa figura excepcional non sería impedimento para celebrar eleccións en calquera comunidade autónoma.
Feijóo afirma que quere convocar "axiña" para seguir as recomendacións dos informes sanitarios e cita os partidos para falalo este 14 de maio, a mesma xornada á que Urkullu emprazou os partidos vascos o pasado 30 de abril para sinalar o día das súas eleccións
Co camiño xurídico expedito -como vén de reafirmar a Asesoría Xurídica da Xunta-, este mércores Feijóo compareceu en rolda de prensa tras reunirse con representantes dos sindicatos e, por primeira vez dende o inicio da crise sanitaria, non agardou á quenda de preguntas para falar das eleccións. Quere que sexan "axiña", "canto antes" e "se é posible", cadrando con Euskadi. A súa preferencia non é electoralista, mantén, senón que responde aos informes sanitarios que manexa o Goberno galego e, "despois de escoitar aos expertos", fica claro que "canto antes" se celebren os comicios, menos posibilidades hai de que cadren cun rebrote.
Mentres, no Parlamento, se desenvolvía a reunión da Deputación Permanente, os grupos da esquerda comezaban a saber a través dos medios que Feijóo prevé convocalos para este 14 de maio. Isto é, o mesmo día no que Urkullu citou aos partidos vascos, resolvendo así o trámite de "ouvir os partidos políticos" que excepcionalmente cómpre cumprir desta volta antes de chamar ás urnas.
Co primeiro domingo de xullo xa desbotado por estar fóra de prazo -os comicios galegos deben ser convocados cunha marxe mínima de 54 días-, habería marxe ata o vindeiro martes, día 19, para ir votar o 12 de xullo. A convocatoria podería chegar o día 26 de maio se as eleccións se celebran o 19 de xullo e o 2 de xuño se o domingo elixido é o 26 de xullo, o que convertería o Día Nacional de Galicia en xornada de reflexión.