A esquerda galega ve ratificado que Feijóo prioriza "o interese electoral" por riba da evolución da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

"Mentres o conselleiro de Sanidade dicía no Parlamento que a evolución da pandemia é altamente imprecidicible, Feijóo dicía no TVG cal era o mellor momento para poñer as eleccións". Quen fala é o secretario xeral do PSdeG e candidato socialista á Presidencia, Gonzalo Caballero, que como o resto das formacións da esquerda galega se viu sorprendido este mediodía en plena sesión da Deputación Permanente do Parlamento pola aposta de Alberto Núñez Feijóo para celebrar as eleccións galegas en xullo.

Gonzalo Caballero: "Feijóo é altamente irresponsable, só está tentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia; a súa preocupación estas semanas foi sempre a cuestión electoral"

Na actual oposición galega estendeuse o malestar tanto polas formas como polo fondo da intervención do actual presidente e líder do PPdeG e todas as formacións din concordar nun aspecto: Feijóo prioriza "o interese electoral" por riba da evolución da covid-19 en Galicia. Pretendendo "convocar as eleccións galegas en pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria", cre Caballero, "deixa ás claras que a súa principal preocupación nestas semanas foi sempre a cuestión electoral".

O líder do PSdeG ve "altamente irresponsable" a actitude do líder popular. "Non está pensando nas persoas inmersas agora nun ERTE, nin nos autónomos que non poden abrir os negocios", senón "só tentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia", a cal "deixa os peores datos nas cuestións que son competencia da Xunta: o eido sanitario e as residencias de maiores", afirma.

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

Caballero considera que ficou claro que "Feijóo non é de fiar" e algo semellante coida o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, que na tarde deste mércores manifestaba "absoluta incredulidade" polo que considera "a decisión de Feijóo de situar as eleccións e o seu interese electoral por riba da vida das galegas". As eleccións, sinala Gómez-Reino, "só poderán celebrarse cando non se poña en risco a saúde dos cidadáns e haxa plenas garantías democráticas de que ninguén deixa de pedir o voto, de decidir o seu voto ou de ir votar por medo a contaxiarse".

Gómez-Reino: "Utilizaremos todos os mecanismos do Estado de Dereito para que non se celebren se poñen en perigo a saúde ou non hai garantías democráticas"

"Que ninguén pense que Galicia en Común-Anova-Mareas non queremos celebrar as eleccións canto antes, por suposto que si", matiza Gómez-Reino, quen ve nos comicios a vía para "acabar cos anos de recortes, mentiras e propaganda de Feijóo". "Pero -matiza- non estamos dispostos a que haxa eleccións se poñen en perigo a saúde" das persoas e por iso, advirte, "utilizaremos todos os mecanismos do Estado de Dereito para garantir que as eleccións non se celebren se non cumpren esas dúas condicións".

Pontón: "É unha temeridade, ninguén pode garantir que non haxa repuntas no desconfinamento ou en xullo"

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as "formas do anuncio de Feijóo" son mostra de "prepotencia e falta de diálogo" e o fondo, evidencia de "temeridade e irresponsabilidade". "Na situación de pandemia que estamos a vivir e co estado de alarma non se dan as condicións sanitarias nin democráticas esixibles" para convocar as eleccións, considera Pontón. Entre outros aspectos, coida, porque "ninguén pode garantir que non se produzan novas repuntas na fase de desconfinamento ou no mes de xullo".

A xuízo da líder do Bloque, "dende hai tempo", Feijóo ten "a intención de facer cadrar as eleccións" coa data que sinale o lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, e o anuncio deste mércores así o certifica. "Vai a rebufo das decisións de Euskadi", coida. Mentres, no Parlamento, dende o Grupo Mixto En Marea -que non vai concorrer aos comicios- sinala que "valoraría a convocatoria electoral en xullo se se dan garantías sanitarias e democráticas" e para iso, reclama que o Goberno lle faga chegar todos os informes entregados ás forzas políticas que si se presentan ás eleccións, así como os "datos desagregados" sobre a covid-19 que a Xunta segue sen publicar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.