A oposición carga contra o "interese electoral" de Feijóo por acabar co estado de alarma malia "poñer en risco vidas"

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

PSdeG, Galicia en Común e BNG critican que o presidente xa lles dese tres plantóns outros tantos domingos e non comparecese no Parlamento en abril como prometeu

Os principais partidos da oposición cargaron este luns contra a petición do presidente Feijóo de acabar co estado de alarma, que atribúen a que sitúa o seu “interese” en celebrar as eleccións galegas por riba da vida e da saúde da cidadanía. PSdeG, Galicia en Común e BNG lamentan que o titular da Xunta se centre en criticar ao Goberno central pero non estea a contar coa oposición despois de que este domingo non se reunise novamente con eles, ao tempo que atribúen aos “recortes” do PP que Galicia non teña, ao seu xuízo, as camas necesarias para avanzar de fase no desconfinamento.

Despois de que por terceira vez este domingo Feijóo non se reunise cos portavoces da oposición (tampouco o fixo os domingos 22 de marzo e 12 de abril) e só comparecese unha vez no Parlamento desde o comezo da crise (o 26 de marzo) fronte a 23 intervencións televisadas en directo, a oposición lembrou que o presidente non cumpriu tampouco o seu anuncio de realizar unha segunda comparecencia na Camara en abril, que aínda non se produciu.

Gonzalo Caballero na súa rolda de prensa por videoconferencia CC-BY-SA Praza Pública

“Irresponsabilidade”, “cinismo”, “falta de altura” ou “estratexia desnortada” son algunhas das valoracións de Gonzalo Caballero sobre a petición de Feijóo de que remate o estado de alarma

“Irresponsabilidade”, “cinismo”, “falta de altura”, “estratexia desnortada”. Son algunhas das valoracións sobre a postura de Feijóo a respecto da fin do estado de alarma lanzadas polo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero. O socialista considera que Feijóo “pon o estado de alarma por tras do seu interese electoral” e “pon os intereses da confrontación por riba do interese xeral de loitar contra o virus”, para o que, ao seu xuízo, o estado de alarma é un “mecanismo fundamental”.

Nesa estratexia de confrontación co Goberno central, Caballero censura que Feijóo estea a valerse dos medios públicos galegos e renunciando a contar coa oposición, á que di que non trasladou ningunha proposta de desescalada por parte do Goberno galego.

“Non nos imos quedar mirando para outro lado mentres se pon en risco vidas dos galegos e das galegas", di Antón Gómez-Reino

Desde Galicia en Común-Anova Mareas o seu portavoz e candidato á Xunta, Antón Gómez-Reino, afeou que este domingo Feijóo ou o seu equipo non os informase por ningunha vía da non celebración da reunión coa oposición, o que considera unha “falta de respecto ao conxunto dos galegos e das galegas”. Sobre a petición do presidente de que remate o estado de alarma, Gómez-Reino considera que “o único interese de Feijóo é o electoral”. “Non nos imos quedar mirando para outro lado mentres se pon en risco vidas dos galegos e das galegas”, censura, salientando que “non é o momento de falar de eleccións” xa que estas só se deberan celebrar con “garantías sanitarias e garantías democráticas de poder facer unha campaña e poder votar”.

Antón Gómez-Reino na rolda de prensa por videoconferencia CC-BY-SA Praza Pública

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que “cando Feijóo reclama a fin do estado de alarma, non está pensando na defensa das liberdades públicas” senón que, ao seu ver, “está pensando máis nas eleccións que na vida e na saúde dos galegos e das galegas”. “A semana pasada non estaba na súa axenda e esta semana quere pisar o acelerador”, di Pontón, para quen “non é sensato no medio dunha pandemia falar de eleccións”. 

Pontón critica que Feijóo “está pensando máis nas eleccións que na vida e na saúde dos galegos e das galegas”

A líder do BNG di que a súa formación non está en contra de prorrogar o estado de alarma, pero reclama que se corrixan os seus erros, en particular que en Galicia o desconfinamento se regule por comarcas. Nesa liña, a nacionalista considera que “evitar rebrotes debe ser das máximas prioridades” e reclama á Xunta un protocolo que faga “obrigatorio” o uso de máscaras, que deberan ser facilitadas pola administración, e axudas económicas directas aos autónomos, salientando que Galicia é das poucas autonomías que non as habilitou, o que ao seu ver “debilita” aos profesionais galegos fronte ao resto.

Ana Pontón na rolda de prensa por videoconferencia CC-BY-SA Praza Pública

As tres formacións atribúen aos “recortes” do PP que Galicia non teña ao seu xuízo as camas necesarias para avanzar de fase no desconfinamento

Os tres portavoces da oposición coincidiron en criticar que Galicia, ao seu xuízo, non cumpre cos requisitos de camas hospitalarias necesarias para poder avanzar de fase no desconfinamento polos “recortes” do PP durante a última década. O socialista considera que os populares “recortaron camas sen pudor” e que ese debera ser un dos debates de cara ás eleccións, mentres que para Gómez-Reino “os anos de recortes fixeron que agora non teñamos o número de camas necesarias para o seguinte paso da desescalada” e para Pontón “Galicia non vai ter a dotación suficiente para a desescalada polos recortes” da Xunta.

Os tres portavoces coincidiron en pedir á cidadanía que manteña o seu “esforzo” e “responsabilidade” na loita contra o coronavirus.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.