A oposición galega volve falar cunha soa voz por terceira vez na crise do coronavirus, a segunda en menos de vinte e catro horas. Ao día seguinte de formularen conxuntamente unha proposta para reactivar o Parlamento disolto pola convocatoria das adiadas eleccións do 5 de abril para así exerceren o control ao Goberno que o servizo xurídico da Cámara admitiu como válido, todas as formacións galegas vólvense pronunciar unidas. Desta volta, cunha queixa formal contra o que, consideran, é un evidente atranco aos seus intentos de controlar o Executivo en xeral e en particular ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.
"A presidencia do Parlamento non realizou as convocatorias da oposición malia cumprir cos requisitos", pero "atendeu de inmediato as solicitudes do Goberno", subliñan os grupos da oposición
Nun escrito rexistrado este 28 de abril, os grupos do PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Mixto (En Marea) lembran que, dende o comezo do estado de alarma e da emerxencia sanitaria pola covid-19, levan rexistradas "catro solicitudes de comparecencia" de membros da Xunta. Concretamente, fixérono o 31 de marzo e os días 3, 6 e 13 de abril. Esas peticións, lembran, foron formuladas ao abeiro do artigo do Regulamento que permite convocar a Deputación Permanente -único órgano parlamentario activo cando a Cámara está disolta- por petición de dous grupos parlamentarios ou dunha quinta parte dos deputados -un mínimo de 15-.
"A pesar de cumprir cos requisitos", censuran as formacións da esquerda, a Presidencia do Parlamento non realizou as devanditas convocatorias. Pola contra, si "atendeu de inmediato as solicitudes de comparecencia formuladas polo Goberno", ata agora unha do propio Feijóo, outra do vicepresidente Rueda e cadansúa comparecencia por parte dos titulares de Política Social, Educación e Sanidade. Deste xeito, acude a comparecer quen o Goberno considera oportuno e no momento en que define a maioría da Mesa -o PP-, sen chegar a considerar sequera as peticións da oposición aínda que, en virtude da propia maioría, puidesen decaer.
"Feijóo só compareceu unha vez no Pazo do Hórreo, fronte ás 21 roldas de prensa en directo na televisión"
Nun contexto no que ademais, advirten, tampouco foron tramitadas polo momento ningunha das iniciativas da oposición rexistradas tras o devandito informe do servizo xurídico, todos os grupos agás o PP piden formalmente "que se cumpra o Regulamento da Cámara". Para facelo, resaltan, deben tramitarse "as iniciativas e solicitudes de comparecencia rexistradas polos grupos da oposición".
Nun comunicado conxunto, as forzas políticas ás que representan estes grupos parlamentarios -PSdeG, Galicia en Común, BNG e En Marea- advirten de que pretenden denunciar a "vulneración dos dereitos" de "control do Executivo e de presentación de medidas de impulso, un labor máis necesario ca nunca no contexto da crise" da covid-19. Máis aínda, din, polo feito de que o Parlamento está disolto e mentres, Feijóo "se prodiga en comparecencias en directo dende a televisión pública". "Só compareceu unha vez no Pazo do Hórreo, fronte ás 21 roldas de prensa en directo" na CRTVG, conclúen nun contexto no que, polo momento, non chegou a fraguar un acordo co PP sobre a reactivación da propia Deputación Permanente.