Urkullu quere votar en xullo por se o virus rebrota no outono e o escenario electoral galego axítase

Feijóo e Urkullu, nunha xuntanza no Palacio de Ajuria Enea en abril de 2016 CC-BY-SA Goberno Vasco

O 2 de xaneiro de 2009 o daquela lehendakari, Juan José Ibarretxe, sumouse á data electoral que o galego Emilio Pérez Touriño fixara para o 1 de marzo tres semanas antes. No verán de 2012, Alberto Núñez Feijóo secundou a Patxi López unha semana despois de que o socialista chamase ás urnas para o 21 de outubro. En 2016, Íñigo Urkullu sinalou as eleccións vascas para o 25 de setembro aos tres días, Feijóo fixo o mesmo. Neste 2020, Urkullu decidiu que Euskadi votase o 5 de abril e o actual presidente da Xunta seguiuno apenas unhas horas despois.

O lehendakari esgrime que prefire votar en xullo porque "o inicio do outono" pode "cadrar cun rebrote da epidemia"; Feijóo asegura que a data electoral segue sen estar "na axenda do Goberno"

Dados estes precedentes, bastou que este 24 de abril o lehendakari expuxese ante o seu Parlamento a súa preferencia por situar en xullo as eleccións suspendidas por mor da pandemia do coronavirus para que o escenario preelectoral galego se axitase novamente. As palabras do líder jeltzale viñeron facer medrar o que nas últimas semanas viña sendo máis ca un ruxerruxe tamén nas filas da actual oposición galega: se cadra, cómpre non dar por sentado que as eleccións vaian ser no outono por moito que Feijóo reitere que "non están na axenda do Goberno", como repetiu este venres a preguntas da prensa, á que reiterou que "dependerán da evolución da pandemia e da situación do estado de alarma", como reza o propio decreto co que quedaron desconvocadas. Pero sen desbotar xullo.

Urkullu di basear as súa preferencia por convocar para xullo "nas hipóteses que manexan as autoridades sanitarias", como informa eldiarionorte. Eses cálculos, expuxo no lexislativo vasco, indican que en xullo "o risco de contaxio pode estar nas súas taxas máis baixas" mentres que o "inicio do outono", cando remata a lexislatura en Euskadi e tamén en Galicia, "podería cadrar cun rebrote da epidemia" nun momento no que "en ningún caso" haberá aínda vacina". "Esta previsión aconsella estudar a opción dunha convocatoria electoral no mes de xullo", explicitou.

Feijóo, este 24 de abril presidindo o Consello da Xunta, coa conselleira de Política Social en primeiro termo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Feijóo mantén que fala co lehendakari con "certa frecuencia", pero "sobre a pandemia" e asegura que "cando teña razóns", cumprirá co fixado no decreto de desconvocatoria e trasladará ao resto de partidos unha proposta de data electoral

Pero o mandatario do PNV agrega tamén razóns políticas que non distan moito das esgrimidas polo Goberno do PP en Galicia noutras ocasións. "A dimensión e profundidade da crise demandan contar canto antes cun Parlamento plenamente constituído e cun Goberno en plenitude de funcións" e votando en xullo, a constitución da nova Cámara "e a conformación do novo Goberno" desenvolveríanse no verán e así, ás portas do outono, o novo Executivo podería abordar xa a elaboración dos Orzamentos para 2021.

Segundo Feijóo, aínda que "cada día que pasa, é un día que esgota a lexislatura", a cuestión da data segue fóra "da axenda do Goberno" e "cando toque e teña razóns", asegura, cumprirá o sinalado no decreto de desconvocatoria, que indica a necesidade de fixar a data por parte da Presidencia da Xunta unha vez "ouvidos" os partidos políticos. Polo momento, admite a preguntas da prensa, o certo é que fala "con certa frecuencia" co lehendakari pero, afirma, "sobre os temas da pandemia".

Mentres Urkullu anunciaba que abordará o calendario electoral co resto de partidos vascos nun encontro o vindeiro día 30, en Galicia sucedíanse as primeiras reaccións. As forzas da esquerda ven evidente que igual que Urkullu marcou os tempos a Feijóo nas anteriores convocatorias, tamén o pode facer desta volta.

PSdeG, BNG e GeC piden priorizar a saúde pública

Gonzalo Caballero: "Preocúpannos as residencias de maiores, non o calendario electoral"

"Non vou entrar a valorar a política autonómica do País Vasco", respondía o secretario xeral e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, ao ser cuestionado en rolda de prensa -a través de internet- polo movemento en Euskadi. Alén das intencións de Urkullu, admite, o certo é que "vimos recibindo informacións nas que se fala de que Feijóo queira convocar para o mes de xullo" e aínda.

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

Antes de "aclarar" se "baralla" esa posibilidade, di Caballero, Feijóo debera ter en conta que non debe "ter ningunha tentación de vantaxismo", senón a obriga de "responder con altura de miras". A "resposta" da data electoral "ten que ser galega" e non impulsada dende Euskadi, sinala o socialista, quen advirte de que "o que máis nos preocupa son as residencias de maiores" por mor do forte impacto da covid-19 nelas "e non o calendario electoral".

Ana Pontón: "Só deben celebrarse cando existan todas as garantías sanitarias"

Tamén a portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, di esperar que "a data das eleccións se decida en Galiza" e non na lehendakaritza. Alén disto, Pontón subliña que igual que o Bloque "foi o primeiro en pedir adiar as eleccións" porque "no medio dunha pandemia, o único importante é a saúde das persoas", agora a formación soberanista "pensa o mesmo". "As eleccións só deben celebrarse cando existan todas as garantías sanitarias; nin un minuto antes, nin un minuto despois", conclúe Pontón.

Antón Gómez-Reino: "No que temos que centrarnos é en salvar vidas"

Pola banda de Galicia en Común o seu voceiro, Antón Gómez-Reino, ve "unha irresponsabilidade" abrir o debate da data electoral cando "están a morrer persoas todos os días" por mor do coronavirus e "a poboación está confinada". "No que temos que centrarnos os responsables políticos é en salvar vidas, en frear a expansión do virus" e "en garantir medidas de apoio" para afrontar as súas consecuencias económicas, di. "As eleccións -conclúe- só poderán celebrarse cando existan garantías plenas, democráticas e sanitarias".

Sexa como for, se finalmente Feijóo dese en secundar a Urkullu, a convocatoria tería que chegar unha vez levantado o estado de alarma polo coronavirus e despois de que a Xunta desactive a emerxencia sanitaria polo mesmo motivo. Daquela, atendendo ao decreto de desconvocatoria, Feijóo podería activar o calendario de cincuenta e catro días que desembocase nunha nova cita coas urnas. Tendo en conta que a nova prórroga do estado de alarma chegará ata o 10 de maio, a primeira data electoral posible se non houbese novas prórrogas sería o 12 de xullo, para o que os comicios terían quedar convocados o 19 de maio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.