Urkullu adianta as eleccións vascas ao 5 de abril e Feijóo ten vinte e catro horas para sumarse

Urkullu e Feijóo, nunha xuntanza no Palacio de Ajuria Enea en 2016 CC-BY-SA Goberno Vasco

Como en 2012 e 2016, Euskadi marca o ritmo. O lehendakari do Goberno vasco, Íñigo Urkullu, vén de tomar a decisión de adiantar as eleccións ao Parlamento de Euskadi para o vindeiro 5 de abril. Se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decide secundar o máximo mandatario vasco, como fixo hai catro anos co propio Urkullu e hai oito con Patxi López, ten apenas vinte e catro horas para decidilo e disolver o Parlamento. Previsiblemente, a decisión sairá da xuntanza do Consello da Xunta convocada de xeito extraordinario para a tarde deste mesmo luns. Xusto despois, arredor das seis e media, Feijóo comparecerá ante os medios. La Voz de Galicia e Faro de Vigo dan por feito que se producirá o adianto.

Como en 2012 e 2016, Euskadi marca o ritmo; nesas dúas ocasións, Feijóo secundou o máximo mandatario vasco sumándose á data elixida para renovar o Parlamento vasco

Este martes, 11 de febreiro, é o quincuaxésimo cuarto día previo a ese 5A. É, polo tanto, o límite para cumprir co límite legal de convocar as eleccións ao Parlamento galego cunha marxe de 54 días. Daquela, Feijóo debe determinar xa se reúne o seu Goberno e asina o decreto que poña fin a unha lexislatura que o PP dixo estar en disposicións de esgotar ata hai apenas unhas poucas semanas, xusto cando comezaron a medrar os ruxerruxes en torno ao posible adianto electoral en Euskadi que agora se confirma, segundo confirmou en rolda de prensa este luns acompañado de todo o seu Goberno.

Vista dos hemiciclos dos parlamentos de Euskadi e Galicia © Parlamento de Galicia | Parlamento Vasco

Segundo Urkullu, o adianto electoral é procedente porque "o clima electoral instalouse en Euskadi" e tal circunstancia "faría moi difícil aprobar as leis en tramitación". Convocar os comicios para o 5A, sinala o mandatario vasco, "aforra unha campaña permanente de oito meses" e "Euskadi gaña tempo para adoptar as decisións". Servirá tamén, agrega, para "aliñar" o Goberno vasco coa "realidade institucional dos concellos e deputacións, ao goberno español e á nova etapa iniciada en Europa.

Urkullu admite tamén a influencia da "situación xeral do Estado" e á vaga expansiva, recoñece, do adianto electoral en Catalunya, aínda sen data. Así e todo, afirma, o factor catalán é só un factor "máis" para a súa decisión.

Caballero e Pontón, únicos candidatos confirmados en Galicia

De optar polo adianto, Feijóo propiciaría unha situación inédita: lanzar a convocatoria de eleccións sen ter aínda ratificado formalmente ante o seu partido que optará á presidencia da Xunta por cuarta vez. Non obstante, o pasado sábado o actual titular do Goberno galego expresouse ante a cúpula do PPdeG en termos propicios a interpretar que recuncará.

Gonzalo Caballero e Ana Pontón xa foron ratificados nos carteis electorais de PSdeG e BNG CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG

Pola banda da esquerda, tanto o PSdeG como o BNG teñen xa elixidas as persoas que encabezarán cadanseus carteis electorais, Gonzalo Caballero e Ana Pontón. A principal incógnita neste espectro político reside no espazo actualmente representado por Unidas Podemos e tamén formacións como Anova ou as mareas municipais, tanto no que ten que ver coa fórmula de concorrencia como no referido á persoa que encabezaría unha eventual canditura conxunta. Tamén no referido á opción que elixirá definitivamente En Marea a respecto do proceso electoral. 

Se Feijóo disolvese o Parlamento para votar o 5 de abril, a presente lexislatura galega pecharía como a de menor produción lexislativa da historia da autonomía. Non en van, ata o inicio de 2020 o presente período rexistraba xa o ritmo de aprobación de leis máis baixo dos últimos vinte anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.