A finais de decembro de 2008 Emilio Pérez Touriño confirmaba que as eleccións galegas se celebrarían o 1 de marzo do ano seguinte e poucos días despois, o lehendakari, Juan José Ibarretxe, ratificaba que os comicios vascos cadrarían na mesma xornada. Tres anos e medio despois o daquela lehendakari, Patxi López, anticipaba as eleccións de Euskadi para o 21 de outubro de 2012 e seis días despois Alberto Núñez Feijóo convocaba as galegas para a mesma data. Este venres o actual presidente vasco, Íñigo Urkullu, decidiu situar as súas novas eleccións no 25 de setembro, polo que a axenda política de Euskadi volve marcar a de Galicia, onde esa a data pasa a ser a principal opción para os comicios xa previstos para o outono.
Outubro víñase perfilando como escenario dos novos comicios ao Parlamento galego dende hai tempo, se ben ata hai escasas semanas os días 16 e 23 dese mes viñéronse apuntando como datas máis probables, o que implicaría que Feijóo formulase a convocatoria formal entre o 22 e o 29 de agosto. No entanto, e alén do excepcional que sería a circunstancia de que se celebrasen dúas eleccións autonómicas no Estado cunha diferenza de apenas unha semana, o feito de que Urkullu e o titular da Xunta acordasen informalmente a pasada primavera abrir as urnas o mesmo día provoca que a decisión adoptada en Ajuria Enea poña a Feijóo na disxuntiva de ter que rectificarse a si mesmo e adiantar de outubro a setembro os comicios galegos. Se finalmente o presidente galego decide facer coincidir as eleccións, a data límite para a convocatoria é o vindeiro martes, 2 de agosto.
Na mañá deste venres, antes de que Urkullu desvelase a data, Feijóo aínda salientaba a “coincidencia” existente na data do 2 de outubro que nos últimos días publicaron o que el denominou como dous importantes xornais galego e vasco, en referencia a La Voz e El Correo. Preguntado polos xornalistas, o presidente galego dixo que non falara aínda co seu homólogo vasco e que o faría durante este venres, pero sen desvelar se sería antes ou despois de que Urkullu anunciase a data. “Aos dous nos gustaría coincidir pero a competencia [de fixar a data] é indelegable”, dixo Feijóo, quen emprazou para coñecer a súa decisión a “as próximas semanas ou os próximos días”.
A preparación dos partidos
Como sucedeu en 2012, a formación política galega que chega á convocatoria coa maquinaria electoral máis engraxada é o PPdeG. Malia non ter aínda aprobadas as súas listas, os conservadores realizan dende hai semanas unha intensa precampaña centrada na figura de Feijóo, que está a realizar encontros con veciñanza e cargos locais do partido en múltiples concellos do país aproveitando as datas do verán. Baixo o formato de "faladoiro", concretado na instalación dun banco en prazas e rúas de diversas vilas, o titular da Xunta recolle suxestións e intercambia impresións co electorado en xuntanzas informais cuxas imaxes son despois con profusión nas redes sociais, ámbito no que os populares galegos xa traballan especificamente dende despois das últimas xerais.
O PPdeG desenvolve unha intensa precampaña dende hai semanas mediante encontros con Feijóo en diversos concellos
A preparación do mecanismo electoral tamén está notablemente avanzada no BNG. Os nacionalistas xa ratificaron a Ana Pontón como candidata á Presidencia o pasado mes de abril e aprobaron definitivamente as súas listas electorais no Consello Nacional do pasado sábado. O mal resultado do 26X veu sendo para o Bloque o principal lastre dunha precampaña que lanzou inmediatamente despois deses comicios. Pontón celebra dende hai semanas diversos actos sectoriais por diferentes puntos de Galicia que tiveron como unha das súas culminacións ata o momento a manifestación do Día da Patria, na que reivindicou a formación soberanista como clave para "botar a Feijóo".
O BNG ten a Pontón como candidata dende abril e o sábado pechou as súas listas
Quen tamén ten candidato á Presidencia dende a primavera é o PSdeG, se ben Xoaquín Fernández Leiceaga tivo que transitar estes meses entre a construción do seu discurso de precampaña e a sufocación de diversos lumes internos, como a reestruturación do grupo parlamentario, a elección do senador por designación autonómica e, sobre todo, o proceso de conformación das listas electorais baixo o mando da xestora do partido, que culmina formalmente este domingo. O equipo máis próximo a Leiceaga aposta dende hai semanas por afastar o foco da situación interna para situalo sobre a formulación de propostas concretas, como o decálogo de iniciativas galegas dirixidas ao vindeiro Goberno central ou, nos últimos días, a promesa de impulso a traspasos de competencias concretas no caso de chegar a ser presidente.
Leiceaga procura marcar axenda de propostas propias mentres tenta sufocar conflitos internos
Neste escenario, o panorama electoral máis confuso ata o momento é o do espazo político das mareas, que neste tramo final de xullo afrontan dúas citas que se presentan como transcendentais e que abocan esta opción electoral a unha concreción apresurada: o encontro autonómico de Podemos Galicia e a asemblea das mareas convocada ao abeiro do manifesto dos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol. As incógnitas a respecto da reedición ou non da confluencia e do xeito en que se artellará -partido instrumental ou coalición- se finalmente se concreta viñeron solapando, ata o momento, a posibilidade de lanzar as listas ao Parlamento e a candidatura á Presidencia da Xunta, na que as diversas sensibilidades das mareas vían o maxistrado Luís Villares como unha das opcións de maiores garantías.
O panorama preelectoral máis confuso é, ata o momento, o das mareas
A das mareas non é, con todo, a única incógnita cara a uns comicios que o PPdeG afronta cun optimismo notablemente maior ao que albergaba a comezos de ano, cando o devalo nas xerais o afastaba amplamente da maioría absoluta no Pazo do Hórreo. O papel que poida xogar entre o electorado nacionalista a opción de Compromiso por Galicia, que volve concorrer con Xoán Bascuas á fronte, os votos e mesmo deputados que Democracia Ourensana poida captar na súa provincia ou a capacidade de Ciudadanos de obter unha representación que, eventualmente, puidese completar a maioría de Feijóo son outros dos interrogantes a despexar nunha carreira electoral que semella definitivamente lanzada.