O BNG aproba as súas candidaturas para as autonómicas

Cabezas de lista do BNG © BNG

O Consello Nacional do BNG aprobou as candidaturas ás eleccións galegas. As listas presentada pola dirección sobre as propostas da militancia obtiveron un apoio do 92% por parte das asembleas comarcais, e foron aprobadas sen ningún voto en contra por parte do Consello Nacional.

A formación destaca que as candidaturas -encabezadas por Ana Pontón e Xosé Luís Rivas Mini na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Noa Presas en Ourense e Luís Bará en Pontevedra- "conxugan renovación e experiencia, con persoas de toda as idades e de todos os ámbitos profesionais e produtivos, desempregados ou precarizados, persoas implicadas na transformación dos concellos desde o traballo municipal, en plataformas en defensa da sanidade, do ensino, do feminismo, no ecoloxismo, comprometidas coa cultura e a lingua, na defensa de dereitos básicos e dos servizos públicos".

"Apostamos por reflectir nas listas a Galiza de hoxe, comprometida para loitar polo futuro”, afirmou Ana Pontón “e por dar unha alternativa ao desastre do PP”. “Non son tempos de mirarse o embigo senón de traballar para consolidar a alternativa nacionalista que precisa Galiza fronte ao desastre que nos deixa Feijóo”, sinalou, porque “os galegos e as galegas viven peor hoxe que cando chegou á Presidencia”, dixo

O Bloque destaca que segue avanzando na elaboración do seu programa electoral, baixo a coordinación de Noa Presas e Nestor Rego, "con contactos con colectivos de todos os sectores económicos, sociais e culturais para intercambiar propostas". Un programa que Pontón definiu como “ambicioso, cun proxecto de país alternativo que se elabora baixo unha premisa inequívoca: a capacidade de Galiza para saír adiante e deixar atrás o desastre derivado das políticas da dereita e da UE".


Recoñecemento ao grupo parlamentario

O Consello Nacional fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado polos sete deputados e deputadas do actual Grupo parlamentario, que cualificou de "serio, solvente e moi rigoroso, dando alternativas e facendo un labor de control do Executivo". Pontón fixo unha mención específica do actual portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, “o mellor deputado dos últimos tempos, unha persoa xenerosa, e para min un referente do que aprendín moito ao longo destes anos”, subliñou.

 

Declaración polo anivesario do accidente de Angrois

O Consello Nacional do BNG aprobou tamén unha declaración no terceiro aniversario do accidente de Angrois. No texto sinala que "en tempos de memoria histórica non podemos deixar que haxa quen, con argumentos esperpénticos, queira enterrar a posibilidade de saber que aconteceu,por que aconteceu e quen foron as persoas (en plural) que tiveron responsabilidade polas decisións que se tomaron".

"O BNG pediu desde o primeiro momento que se constituíse unha Comisión de Investigación independente e que houbese responsabilidades políticas para que non sucedese nunca máis un accidente destas características. Non cesaremos neste empeño. Non podemos devolver a vida ás persoas falecidas. Si a dignidade. Hoxe, máis que nunca", conclúe.

Ana Pontón, portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.