0 Gardados para despois

Pontón reivindica ante milleiros de persoas a "alternativa nacionalista" para "botar a Feijóo"

Redacción | @prazapublica

As bases do BNG volven ás rúas de Compostela. No primeiro acto central do Día da Patria con Ana Pontón como portavoz nacional e no último antes das transcendentais eleccións de outubro o Bloque volveu conseguir xuntar milleiros de persoas no centro de Santiago para, desta volta baixo o lema 'Galiza viva: soberanía e traballo', reivindicar o dereito de autodeterminación para o país, neste caso co acento posto en presentar a formación como única "alternativa nacionalista" para "botar a Feijóo" nos comicios do outono.

"Que queiran, que non, Galiza é unha nación" ou "Galiza nación, autodeterminación" foron algunhas das consignas máis repetidas nunha marcha na que as inminentes eleccións marcaron o discurso de Pontón. Galicia pode estar ás portas dun cambio de goberno, augura a líder nacionalista, pero para que se produza unha mudanza política, pero tamén para incrementar o autogoberno ou para "modernizar" o país "non vale un corta e pega" de iniciativas procedentes "da Complutense" ou "de Ferraz", en referencia a En Marea e o PSOE, senón unha forza política "coa cabeza e o corazón na Galiza".

"Non nos representa o bipartidismo; nin na súa versión carca nin na súa versión guai", arengou Pontón na Praza da Quintana, na que o discurso político da portavoz e candidata estivo precedido pola intervención da actriz Isabel Risco, polo discurso do secretaerio xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e mais pola música interpretada por, entre outros, o deputado e gaiteiro Cosme Pombo. O mellor xeito, di, de frear a permanencia dos conservadores en San Caetano é que o soberanismo "non baixe os brazos" nin se "renda" e "encha as urnas de votos ao BNG".

Nunha mobilización marcada polo ton festivo e a intensa calor Pontón expresouse tamén en clave de balance da lexislatura galega que remata. Así, a candidata do Bloque pon de exemplo o traballo do grupo parlamentario da formación dende 2012 ou o traballo municipal da formación en diversos concellos e contrapono co sucedido dende decembro nas Cortes Xerais. Alí, censura, o PSOE ou Podemos acabaron "fortalecendo o PP", mostra dabondo de que a "política madrileña" non vai ser quen de ofrecerlle "solucións" a Galicia.

A líder do BNG anima as bases da formación a "non baixar os brazos" ante o reto electoral

O "insulto" do PP á "memoria" das vítimas de Angrois ou as cifras de emigración e débeda pública nos últimos anos servíronlle a Pontón como mostras do que, di, cómpre mudar nas eleccións. Como á propia mobilización, subliñou, o Bloque chama a participar na súa "alternativa" electoral non só á súa militancia, senón a todas as persoas que "defenden a lingua, a cultura e traballan por Galiza", dixo. O BNG, asegura, ofrécelles unha alternativa segura para "devolverlles a esperanza aos galegos e galegas" despois, ademais, de aprender dos "erros" cometidos no pasado. "Sei que non son momentos fáciles", mais "aquí estamos, en pé con capacidade de autocrítica pero con orgullo do que somos, con orgullo BNG", proclamou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.