O Parlamento leva aprobadas 22 leis no que vai de lexislatura; hai que remontarse ao período 1997-2001 para atopar un número tan baixo ás portas do derradeiro ano do mandato
O Parlamento de Galicia finalizou 2019 con nove leis aprobadas, incluíndo os Orzamentos de 2020 e a súa controvertida lei de acompañamento. Son seis máis que en 2018, cando o lexislativo galego deu o seu visto e prace unicamente a tres textos lexislativos -lonxe das doce que o propio Goberno galego se comprometera a impulsar- e unha menos que en 2017. Confórmase así unha suma de 22 dúas leis aprobadas no que vai de lexislatura, unha media anual nas tres cuartas partes de mandato que dá lugar ao menor ritmo de aprobación de leis no Parlamento dende hai dúas décadas.
Hai que remontarse á quinta lexislatura autonómica (1997-2001) para atopar un número tan baixo de leis aprobadas ás portas do derradeiro ano do mandato. Daquela o Goberno de Manuel Fraga, tamén cunha cómoda maioría absoluta, chegara ao remate do ano 2000 con 21 leis aprobadas, incluíndo orzamentos e leis de acompañamento. No ano final, o 2001, aprobara 11 máis.
O rexistro total daquel período fora de 32 leis. Convertíase así na lexislatura de menor produción lexislativa da historia da autonomía, título que disputará a actual agás no caso de que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo pise con intensidade o acelerador durante 2020, ata a convocatoria electoral. Polo momento, nos últimos meses a Xunta remitiu catro leis para a súa tramitación parlamentaria: as de ordenación do territorio, residuos, museos e pesca continental.
Lixeira recuperación anual tras o mínimo histórico de 2018
Unha ollada polo miúdo ao ritmo anual de aprobación de leis no Parlamento galego sitúa o 2019 e as súas nove leis nun nivel medio, comparado coa historia recente da autonomía. Faino despois de que o devandito 2018 marcase todo un mínimo histórico: só no primeiro ano de existencia activa do Parlamento (1982) e no primeiro ano con Fraga na Xunta (1990) o Parlamento aprobara menos leis.
Só en 1982 e 1990 o Parlamento aprobara menos leis que en 2018, cando finalizou o ano con 3
O ano con máis leis aprobadas no lexislativo galego segue a ser o 2008, o derradeiro exercicio completo do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, cando chegaron a saír aprobadas do Pazo do Hórreo un total de 18 leis. Aquela lexislatura, a sétima, convertérase cun total de 53 leis na máis produtiva en termos lexislativos da historia da autonomía. Foino ata o pasado 2016, cando a novena lexislatura finalizou con 55 novas leis, sempre contando as leis de orzamentos.
O pasado xaneiro Feijóo víase obrigado a admitir que o seu goberno "non foi capaz" de aprobar as leis previstas e dixo esperar "que se poida recuperar o atraso en 2019", o cal non sucedeu
Así e todo estas nove leis de 2019 implican non cumprir os obxectivos trazados polo propio presidente da Xunta a comezos de ano. O pasado xaneiro, Alberto Núñez Feijóo víase obrigado a admitir que o seu Goberno non fora "capaz de cumprir" e aprobar 10 das 12 leis que prometera para 2018, cinco delas xa anunciadas para 2017. "O Goberno non foi capaz de cumprir, o certo e verdade é que non fomos quen de cumprir o calendario normativo e espero que eses atrasos se poidan recuperar ao longo deste 2019", afirmara daquela.
O control das previsións lexislativas do Goberno galego é, non obstante, máis difícil dende este 2019. Dende 2016 foi obrigatorio, en virtude da lei estatal de transparencia, que as comunidades autónomas publicasen cada ano un "plan normativo", con todas as normas que prevían aprobar en cada exercicio. Pero en 2018 o Tribunal Constitucional anulou esa obriga por invadir competencias autonómicas e a Xunta decidiu deixar de divulgar tal plan. Só o fará, aclarou Feijóo, se o "pide" a oposición no Parlamento.
'Empate' con Catalunya e por tras de 8 autonomías que tiveron eleccións
A produción lexislativa do Parlamento galego en 2019 é escasa tamén en comparación con outras autonomías, máis aínda tendo en conta que a maioría das comunidades -todas agás Catalunya, Euskadi e Andalucía- celebraron eleccións durante 2019, o que supón varios meses de inactividade parlamentaria.
Por segundo ano consecutivo, o Parlamento galego empata en número de leis aprobadas co catalán, sinalado frecuentemente polo PP galego como paradigma de parálise
Ata oito desas autonomías que renovaron as súas Cámaras lexislativas durante 2019 aprobaron máis leis que o Parlamento galego. Mesmo excluíndo Navarra, que por mor do seu réxime foral aproba dá rango lexislativo a un maior volume de medidas, o Parlamento galego está por tras das autonomías lexislativamente máis activas.
Dáse a casualidade de que, por segundo ano consecutivo, o Parlamento de Galicia aprobou o mesmo número de leis que o Parlament de Catalunya -3 en 2018 e 9, en 2019-, frecuentemente sinalado dende o PP galego como paradigma da "parálise" por mor do proceso independentista.