O presidente espera “que eses atrasos se poidan recuperar ao longo deste 2019” despois de que malia á súa maioría absoluta o Parlamento de Galicia fose o pasado ano o menos lexislador do Estado, empatado con Catalunya
O Goberno galego só foi quen de aprobar o ano pasado unha das 12 leis que se comprometera a enviar ao Parlamento. Este xoves, na primeira reunión deste 2019 do Consello da Xunta, aprobou outra, o proxecto de lei de rehabilitación urbana, pero aínda ten pendentes outras dez, cinco das cales xa foran prometidas tamén para 2017, o que fixo que en 2018 o Parlamento de Galicia, malia á maioría absoluta do PP, fose o menos lexislador do Estado. “É evidente que hai un incumprimento, e poden ter moitas explicacións, pero incumprimentos son”, admitiu o presidente Feijóo preguntado pola cuestión na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno.
Na súa resposta, na que admitiu en varias ocasións abertamente o incumprimento do comprometido, o presidente atribuíuno en todo momento a “o Goberno galego” ou “a Xunta”, evitando mencionarse a si mesmo, malia que el foi quen, en marzo do ano pasado, publicitou persoalmente os compromisos lexislativos para 2018.
“O Goberno non foi capaz de cumprir, o certo e verdade é que non fomos quen de cumprir o calendario normativo e espero que eses atrasos se poidan recuperar ao longo deste 2019”
“O Goberno non foi capaz de cumprir o calendario”, dixo Feijóo, para explicar que nalgúns casos as leis aínda non foron aprobadas pola aparición de nova normativa a ter en conta neses textos ou por estar pendentes da opinión doutros entes consultivos como o Consello Económico e Social (CES). O presidente tamén presentou como un mal menor fronte a eses incumprimentos o recurso que vén sendo habitual nos seus gobernos ás leis de acompañamento dos orzamentos, normas coas que vén aproveitando para modificar moitas outras leis previas cunha tramitación máis acelerada e con menos debate que o que requiren as novas leis. Feijóo referiuse a ese feito de modificar outras normas a través das leis de acompañamento en vez de tramitar as novas leis prometidas como unha “técnica lexislativa” alternativa.
En todo caso, o presidente admitiu en última instancia o incumprimento das súas propias promesas: “O certo e verdade é que non fomos quen de cumprir o calendario normativo e espero que eses atrasos se poidan recuperar ao longo deste 2019”, concluíu.
Situación das previsións de novas leis por parte da Xunta
Leis prometidas para 2017 xa aprobadas
- Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía
- Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
Lei 8/2017, do 26 de decembro, de Orzamentos para 2018 - Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas
- Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Leis prometidas para 2018 xa aprobadas
- Lei 2/2018 de Orzamentos para 2019
- Lei de rehabilitación e de rexeneración urbana (aprobada este xoves 10 de xaneiro de 2019)
Leis prometidas para 2017 e novamente para 2018 pero aínda non aprobadas
- Lei de administración dixital
- Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei do patrimonio natural
- Lei de ordenación da prestación farmacéutica
- Lei de emprego
Leis prometidas por primeira vez para 2018 aínda non aprobadas
- Lei de impulso demográfico
- Lei reguladora dos xogos e apostas
- Lei de medidas de garantía do abastecemento e calidade da auga en episodios de seca e outras situacións excepcionais
- Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais
- Decreto lexislativo para un texto refundido da lei de cooperativas
Leis aprobadas sen que fosen previstas pola Xunta
- Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2017)
- Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social (impulsada polo grupo do PP, non pola Xunta)
- Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica (impulsada por unha iniciativa lexislativa popular, non pola Xunta)
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2018)
- Lei 3/2018 de medidas fiscais e administrativa (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2019)
Lei aínda en tramitación pola Xunta sen que fose prevista
- Anteproxecto da Lei de ordenación do territorio de Galicia