O Parlamento de Galicia foi en 2018 o menos lexislador de todas as cámaras autonómicas, empatado co Parlament, ao aprobar só unha modificación da lei de saúde, a lei de orzamentos para 2019 e a súa lei de acompañamento
“O obxectivo do Goberno é gobernar con previsión”. Así presentou o pasado marzo o presidente Feijóo o plan anual normativo da Xunta para 2018, o documento no que o executivo avanza á cidadanía que leis e decretos quere aprobar cada ano. Malia esa e outras reiteradas presentacións do propio Feijóo do seu executivo como “previsible” grazas á súa maioría absoluta, dos 12 textos legais que prevía aquel documento, a Xunta só foi quen de remitir ao Parlamento durante todo 2018 para a súa aprobación posterior unha lei, a de orzamentos para 2019. Pola súa banda a Cámara autonómica, na que o PP de Feijóo non precisa negociar con ningún outro grupo, só foi quen de aprobar outras dúas leis (unha modificación da lei de saúde que xa se viña tramitando desde o ano anterior e a lei de acompañamento dos orzamentos). Esas tres leis aprobadas sitúan o Parlamento galego á cola de todas as cámaras autonómicas, ao nivel da catalá, da que os populares adoitan criticar a súa “parálise” e que tamén rexistra só tres leis aprobadas en todo o ano.
En 2017 o Goberno galego, que adoita gabarse de "previsible", só fora quen de aprobar a metade das normas prometidas, pero en 2018 empeorou aínda máis os seus incumprimentos
Xa o pasado ano 2017 o Goberno galego quedara lonxe de cumprir as súas promesas sobre as leis que pensaba remitir durante ese exercicio á Cámara para que esta as aprobase a continuación grazas á maioría absoluta dos populares. Feijóo anunciara a aprobación por parte da Xunta de 11 leis e o ano rematara con só 5 delas remitidas ao Parlamento. Pero desta volta o incumprimento é moito maior xa que en 2018 a Xunta só remitiu á Cámara unha das 12 leis que prometera e cinco desas que están aínda pendentes xa foran anunciadas no Plan Normativo de 2017.
Así, a función lexislativa, unha das dúas principais de todo parlamento, xunto coa función de control ao Goberno, quedou reducida no caso galego en 2018 a aprobar tres leis: tras iniciar a súa tramitación en 2017, a comezos de ano a Cámara aprobou a Lei 1/2018 do 2 de abril pola que modificou a xa preexistente lei de saúde de Galicia (modificación que provocou unha importante mobilización social en contra da redución de áreas sanitarias que implicou), e a pasada semana aprobou a Lei de Orzamentos autonómicos para 2019 e a súa lei de acompañamento. Esta última norma non foi incluída pola Xunta entre as súas previsións normativas para este ano, pero ese tipo de leis de acompañamento vén sendo empregado de xeito habitual polo Goberno galego nos últimos exercicios para modificar moitas outras normas (máis de 20 leis previas coa deste ano) limitando o seu debate parlamentario e social ao vinculalos ao da lei de orzamentos.
O Goberno galego ten pendentes de enviar á Cámara leis de impulso demográfico, xogo, contra a seca, augas termais, administración dixital, patrimonio, emprego, farmacias ou patrimonio natural
Fronte a esas tres leis aprobadas, das que só a de Orzamentos foi prevista pola Xunta no seu plan normativo para 2018, o Goberno galego aínda non foi quen de enviar á Cámara as súas prometidas para este ano leis de impulso demográfico, do xogo, contra a seca, de rehabilitación e de augas termais, como tampouco sacou adiante un decreto lexislativo para obter un texto refundido da lei de cooperativas. Igualmente, tampouco foi quen de remitir ao Parlamento cinco leis que xa incluíra no plan normativo de 2017 e que, ao non aprobalas nese exercicio, volveu incluír no de 2018: sobre administración dixital, patrimonio, emprego, ordenación farmacéutica e patrimonio natural.
Así pois, o ano remata no Parlamento de Galicia con só tres leis aprobadas e sen ningunha máis en tramitación á espera das próximas que lle poida remitir a Xunta. Con eses datos, o Parlamento galego empata co catalán como os dous con menor produción lexislativa das 17 cámaras autonómicas, seguidos por Euskadi e Madrid con cinco leis aprobadas en cada caso e a moita distancia da Comunidade Valenciana e Navarra, con máis dunha vintena. Coa diferenza de que en Catalunya durante toda a primeira metade do ano o seu Parlament non funcionou á espera de que se concretasen as negociacións para formar goberno tras as eleccións autonómicas de hai un ano, mentres que en Galicia o PP adoita presumir de que a súa maioría absoluta permítelle traballar de xeito supostamente máis áxil sen ter que depender de negociacións con outras formacións.
Situación das previsións de novas leis por parte da Xunta
Leis prometidas para 2017 xa aprobadas
- Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía
- Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais
Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia
Lei 8/2017, do 26 de decembro, de Orzamentos para 2018 - Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas
- Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Leis prometidas para 2018 xa aprobadas
- Lei 2/2018 de Orzamentos para 2019
Leis prometidas para 2017 e novamente para 2018 pero aínda non aprobadas
- Lei de administración dixital
- Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei do patrimonio natural
- Lei de ordenación da prestación farmacéutica
- Lei de emprego
Leis prometidas por primeira vez para 2018 aínda non aprobadas
- Lei de impulso demográfico
- Lei reguladora dos xogos e apostas
- Lei de medidas de garantía do abastecemento e calidade da auga en episodios de seca e outras situacións excepcionais
- Lei de rehabilitación e de rexeneración urbana
- Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais
- Decreto lexislativo para un texto refundido da lei de cooperativas
Leis aprobadas sen que fosen previstas pola Xunta
- Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2017)
- Lei 3/2017, do 13 de xullo, de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social (impulsada polo grupo do PP, non pola Xunta)
- Lei 7/2017, do 14 de decembro, de medidas da eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica (impulsada por unha iniciativa lexislativa popular, non pola Xunta)
- Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2018)
- Lei 3/2018 de medidas fiscais e administrativa (lei de acompañamento dos Orzamentos para 2019)
Lei aínda en tramitación pola Xunta sen que fose prevista
- Anteproxecto da Lei de ordenación do territorio de Galicia