O Goberno galego remite as contas autonómicas para 2019 ao Parlamento, que agora as debaterá e aprobará e que ascenden a 9.850 millóns, un 3,8% máis que este ano
O proxecto de lei dos Orzamentos autonómicos para 2019 aprobado este xoves polo Consello da Xunta “irá acompañado do correspondente proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas”. Así confirma o propio Goberno galego que vén de converter en normalidade que xunto coas contas autonómicas se aprobe outra lei paralela, a denominada lei de acompañamento, coa que os executivos modifican moitas outras normas dispares cunha tramitación acelerada, con menos debate parlamentario e sen ter que recabar diversos informes previos.
Os orzamentos de cada ano non teñen por que ter o “correspondente proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas”, como da por feito o Goberno galego. O bipartito non o fixo en ningún dos seus catro orzamentos que aprobou entre 2005 e 2009. Porén, desde que Feijóo chegou á Xunta é un recurso que vén empregando case todos os anos. O pasado ano o PSdeG fixo balance e cuantificou en 396 as modificacións introducidas ata o momento nun total de 70 leis de todo tipo a través das leis de acompañamento que se aprobaron nos últimos anos.
O PSdeG cuantificou en 70 as leis de todo tipo que modificaron ata agora os gobernos de Feijóo a través das leis de acompañamento, que permiten unha tramitación acelerada e con menos debate e que o bipartito nunca empregou
Só coa lei de acompañamento do ano pasado o Goberno galego xa rectificou 12 leis feitas por el mesmo desde 2009, poñendo así en dúbida tanto a “seguridade xurídica” e a “estabilidade” das que adoita gabarse o propio Feijóo como as críticas lanzadas recentemente polos populares ao Goberno central por intentar introducir nunha lei sobre violencia de xénero unha emenda coa que levantar o veto do Senado ao aumento de gasto.
Na última lei de acompañamento galega, a do ano pasado, introducíronse medidas tan dispares como o veto á venta ambulante nos Camiños de Santiago, cambios na lei de montes para regular as faixas de protección contra o lume ou mudanzas nos tempos en que se poden transmitir as farmacias. En anos anteriores, a lei de acompañamento permitiulle á Xunta designar a dedo os letrados do Consello Consultivo, expandir as explotacións forestais, prorrogar o seu control sobre a dirección da CRTVG, adaptar a construción da Autovía da Costa da Morte ás posibilidades da concesionaria, ou prorrogar de 30 a 50 anos as concesións de bateas.
En anos anteriores as leis de acompañamento permitiron á Xunta aumentar o seu control sobre o Consello Consultivo e a CRTVG ou beneficiar a concesionarios
A lei de medidas fiscais e administrativas deste ano, que será desvelada este venres cando entre no Parlamento, acompaña a uns orzamentos que ascenderán para 2019 a 9.850 millóns, un 3,8% máis que este ano e contía que aproveita o máximo do teito de gasto aprobado esta mesma semana na Cámara. Porén, esas contas estarán condicionadas ás achegas por parte do Goberno central, pendente de aprobar os seus propios orzamentos. Segundo salientou este xoves Feijóo, as contas prevén un aumento dos investimentos, cuns gastos de capital que aumentarán “un 5,3% ata chegar aos 1.652 millóns”.
Entre as medidas que se inclúen están rebaixas de impostos autonómicos como a anunciada polo propio presidente no pasado debate de política xeral sobre a compra de vivendas usadas e outras en materia do imposto de patrimonio ou do de herdanzas entre irmáns. Igualmente a Xunta aumentará ás súas traballadoras o permiso de maternidade de 22 a 24 semanas.