A Xunta fíalle un traxe á medida á construtora da autovía da Costa da Morte

Mapa da obra e destaque do treito que a Xunta lle perdoa ás empresas adxudicatarias CC-BY-SA Praza Pública

A historia da autovía da Costa da Morte remóntase a comezos da década pasada cando, tras o naufraxio do Prestige, a Xunta de Manuel Fraga puxo en marcha a súa propia versión do Plan Galicia, o paquete de infraestruturas co que o Goberno de José María Aznar tentou paliar a treboada política. Un dos principais encargados de anunciar con profusión aquel plan por todo o país foi o conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, peza inserida no gabinete de Fraga dende a madrileña rúa de Génova no lugar do desaparecido Xosé Cuíña. Entre os proxectos que Feijóo publicitaba estaba unha "vía de alta capacidade" entre Carballo e Fisterra da Costa da Morte, cuxa licitación non viu a luz ata 2008, xa como autovía e co bipartito na Xunta. Esa primeira adxudicación rematou en fracaso porque as empresas construtoras non lograron o financiamento necesario e a vixente adquire tintes de fiasco mentres o gabinete do agora presidente Feijóo lles fai ás construtoras un traxe legal á medida permitindo que non constrúan a metade do comprometido, arranxo que o BNG se dispón a remitir á Fiscalía.

O procedemento que agora se tambalea é a terceira contratación desta autovía. A segunda licitación foi cancelada pola Xunta en 2010 alegando motivos económicos, pero despois de que o PSdeG denunciase un sobrecusto nas obras duns 400 millóns de euros e mentres unha das empresas que optara á obra, Dragados, levaba o procedemento aos tribunais. Finalmente a Consellería de Infraestruturas que dirixía o agora alcalde de Santiago, Agustín Hernández, adxudicoulles a autovía na primavera de 2011 ás empresas Copasa, Taboada y Ramos, CRC e Covsa. Na sinatura do contrato, solemnizada en xuño dese ano, o propio Hernández aseguraba que ficaban solucionados "os problemas herdados do bipartito" e anunciaba, ademais, que a autovía estaría "finalizada no horizonte desta lexislatura", o que puña o límite en 2013. Naquela comparecencia o conselleiro explicaba, ademais, que as empresas gañadoras o eran, esencialemnte, porque presentaran a oferta "máis vantaxosa" dende o punto de vista económico.

A segunda licitación foi paralizada tras a denuncia dun sobrecoste de 400 millóns

Máis de tres anos despois daquela sinatura aquelas promesas están moi lonxe de ser realidade. A autovía está concibida co sistema de peaxe na sombra, segundo o cal as empresas poñen os cartos da construción e, unha vez a vía entra en servizo, a Xunta paga en función do tráfico que absorba. Neste contexto, as empresas cuxa solvencia económica estaba supostamente garantida non son quen de atopar financiamento suficiente para acometer as obras na súa totalidade. O Goberno, no canto de romper o contrato polo incumprimento, disponse a modificalo non pola vía tradicional, senón cunha disposición legal introducida na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2015, que este martes iniciou o seu trámite parlamentario. O plan da Xunta consiste, en esencia, en que as construtoras deixen sen construír unha parte do acordado e se ocupen de só 25 dos 42 quilómetros planificados, deixando fóra o treito entre Baio e Berdoias, en Vimianzo.

A Xunta permite que as empresas constrúan só 25 dos 42 quilómetros da autovía, pero non lles rescinde o contrato

Na disposición adicional quinta desa lei de acompañemento a Xunta alude aos omnipresentes "principios de estabilidade orzaemntaria e sustentabilidade financeira" para, "en atención á concorrencia de razóns de interese xeral", proceder á "resolución parcial do contrato" e "reducir" así o "volume de compromisos de gasto", cifrado en máis de 700 millóns de euros. Así as cousas, di a lei, "o plan económico-financeiro da concesión deberá adaptarse para restablecer o equilibrio económico". A estes efectos, continúa, "a retribución económica prevista" integrará "como compensación ao concesionario por todos os conceptos derivados da presente disposición, o importe dos investimentos xa realizados". Traducido: as empresas non farán parte do que comprometeran e serán compensadas economicamente polo que gastaron en expropiacións ou movementos de terras no treito que non construirán.

O BNG anuncia que trasladará o asunto á Fiscalía

Esta operación gobernamental chegou este martes ao pleno da Cámara. No inicio da tramitación da lei de acompañamento a oposición en pleno expresou as súas dúbidas sobre a modificación do contrato e dende o BNG o seu voceiro, Francisco Jorquera, advertiu a Xunta que, no caso de "non comprometerse a retirar esta disposición, acudiremos á Fiscalía", algo que o PP di non estar disposto a facer. Dado que a conselleira de Facenda cifra en 128 millóns de euros o "aforro" co recorte, iso implica "que as concesionarias desta autovía", empresas "amigas do PP", quedan "eximidas de facer un 40% dos quilómetros" mentres só se reduce un 17% o custo para o erario. Isto, acusa, é "saquear os recursos públicos", mais aínda porque o "custo real" da autovía é de 200 millóns de euros: "a obra redúcese nun 55% e o prezo multiplícase nun 235%", polo que "se non é prevaricación, paréceselle moito".

Jorquera: "Vostedes verán o que fan, non vaia ser que acabe imputado todo o grupo do PP e todo o Consello da Xunta"

"Vostedes verán o que fan, non vaia ser que acabe imputado todo o grupo do PP e todo o Consello da Xunta", advirte Jorquera, nun contexto no que tamén o resto da oposición recea destes cambios. "Están cometendo un delito con carácter presunto", di dende AGE Yolanda Díaz, que ve na modificación "non só unha fraude democrática", senón un xeito de proceder próximo ao ámbito penal. Pola banda do PSdeG o seu voceiro, Juan Carlos González Santín, anuncia que "imos pedir aos servizos xurídicos da Cámara" que ditamine se "esta norma está axustada á legalidade", mentres que dende o PP o deputado Hipólito Fariña cre "inaudito" que se vincule o proceder da Xunta coa "prevaricación". "Non reclamaron delito ningún cando unha decisión do Goberno central rematou co Plan Galicia", resolve, mentres asegura que a modificación do contrato "conta con todos os avais xurídicos".

Sinatura do contrato da autovía, en xuño de 2011 © Ana Varela
Nota de Feijóo como conselleiro de Política Territorial sobre investimentos na Costa da Morte CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.