Feijóo deixa de publicar a previsión das leis que aprobará tras anular o Constitucional a obriga imposta por Rajoy

En 2018 Feijóo só remitiu ao Parlamento unha das doce leis que prometeu para ese ano CC-BY-SA Praza Pública

Malia que a sentenza permite facelo de xeito voluntario e o presidente presentouno como exemplo da previsibilidade do seu goberno, agora di que só informará se llo pide a oposición

A comezos de 2017 Feijóo anunciou que ese ano a Xunta tiña previsto remitir ao Parlamento para a súa aprobación 11 leis, pero o ano rematou con só 5 enviadas. En 2018 prometeu 12, pero só foi quen de aprobar unha. Este 2019 xa non fai públicas as súas previsións, transparencia que en anos anteriores salientara como unha mostra de que o seu é un goberno estable e previsible. 

Malia que durante os dous anos en que anunciou as súas previsións lexislativas para eses exercicios Feijóo presentouno como un exercicio de transparencia, fíxoo realmente obrigado por unha lei estatal impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy que entrou en vigor a finais de 2016 e que impuxo ao resto de administracións divulgar os seus plans normativos anuais. Porén, hai un ano o Tribunal Constitucional anulou esa obriga por considerar que estaba a invadir as competencias propias das comunidades autónomas de “organizarse e regular a elaboración das súas leis”.

A sentenza do Constitucional eliminou a obriga de que as comunidades fagan públicos eses plans normativos anuais, pero non impide que poidan seguir divulgándoos de xeito voluntario en aras da transparencia con que o publicitara Feijóo. Este xoves, na súa rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Feijóo foi preguntado polo plan normativo para este ano e a súa resposta foi que o seu Goberno deixou de facelo público como consecuencia da sentenza do Constitucional. Cando se lle repreguntou polo feito de que en anos anteriores el mesmo o presentase non como unha obriga senón como un afán de transparencia e previsibilidade do seu Goberno, Feijóo respondeu que “se no Parlamento desde os grupos se nos pide ese plan normativo, non temos ningún inconvinte en concretar ese plan normativo aínda que non teñamos ningunha obriga de facelo”.

Páxinas do Plan Normativo 2017 da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Nos dous anos en que o Goberno galego anunciou que normas pensaba aprobar, 2017 e 2018, incumpriu o 75% do prometido

Nos anos en que a Xunta si divulgou esas previsións, 2017 e 2018, foron amplamente incumpridas. Das 11 leis prometidas para 2017 a Xunta só foi quen de remitir ao Parlamento cinco, e das 12 que prometeu para 2018 só o fixo con unha, ademais de que ao rematar o ano aínda tiña pendentes de aprobar cinco xa anunciadas para o exercicio anterior. No que vai deste ano 2019 a Xunta remitiu ao Parlamento tres desas leis que prometera para 2017, pero aínda ten pendentes outras dúas de hai dous anos. O grao de incumprimento foi tan grande que o propio Feijóo tivo que admitilo a comezos deste ano: “É evidente que hai un incumprimento, e poden ter moitas explicacións, pero incumprimentos son”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.