Galicia leva meses en modo preelectoral e o propio Alberto Núñez Feijóo xa lanzou a súa precampaña tanto dende o PP como dende a Xunta, moi especialmente dende despois das eleccións xerais de novembro do pasado ano e coa confrontación co Goberno do PSOE e Unidas Podemos no centro da estratexia preelectoral. Este clima inclúe tamén, dende hai semanas, toda caste de ruxerruxes sobre anticipos electorais: mediados de abril ou finais de maio soan con forza como hipóteses nos círculos políticos e gobernamentais do país dende comezos do ano.
A mensaxe oficial do PPdeG é a da "estabilidade" ata unhas eleccións convocadas "cando toca" o cal cada vez está menos claro; moi especialmente dende que o lehendakari abre a porta a anticipar os comicios mesmo para abril
Diante deste ruído preelectoral, a mensaxe oficial do PPdeG vén sendo a da "estabilidade" que personifican en Feijóo e nun Goberno que segue "traballando" ata convocar as eleccións "cando toca". En sentido estrito, tocaría ir ás urnas nalgunha fin de semana de setembro. Pero cada vez está menos claro. Sobre todo dende que o presidente da Generalitat, Joaquim Torra, deu por finalizada a lexislatura catalá e, moi especialmente, dende que o Goberno vasco admitiu abertamente que baralla unha chamada anticipada ás urnas. O lehendakari, Íñigo Urkullu, afina maís para abrir a porta a que isto poida suceder mesmo no mes de abril. Mesmo o 5 de abril.
A reflexión vasca virou aínda máis os focos cara á decisión galega, que legalmente é exclusiva do presidente da Xunta. Entre outras cousas, porque Galicia e Euskadi votan xuntas dende 2009, cando o daquela lehendakari Ibarretxe secundou o adianto ao 1 de marzo que decidira o presidente galego, Emilio Pérez Touriño. En 2012 Feijóo sumouse á convocatoria vasca do 21 de outubro menos dunha semana despois de anunciala Patxi López e en 2016 apenas tardou tres días en unirse á chamada ás urnas para que o propio Urkullu viña de fixar para o 25 de setembro.
Agora en Euskadi xa non desbotan nin que os comicios sexan o 5 de abril, xusto antes do inicio da Semana Santa. Este xoves, non obstante, advertía de que non existe ningunha decisión "tomada", senón só unha "reflexión", recolle o xornal Deia. Na ecuación, como informa Iker Rioja Andueza para eldiarionorte, está moi presente a cuestión catalá, coa que o PNV non se quere mesturar. "Hai factores que non é que nos condicionen a nós directamente, pero poden condicionar a outros axentes que de rebote si nos condicionen a nós", reflexionou o mandatario jeltzale.
O PP foxe de Catalunya, a esquerda afirma estar preparada
A mestura con Catalunya, tentadora en determinados círculos do poder galego, tampouco é do agrado do PP galego, que aínda ten pendente o xa clásico acto de ratificación de Feijóo como candidato. A coincidencia incharía as mensaxes da dirección central do partido e de dirixentes incómodos para que o PPdeG poida marcar perfil de seu, dende Pablo Casado a Cayetana Álvarez de Toledo. Máis aínda nun escenario de confluencia do PP catalán con Ciudadanos -a dirección interina de C's reitera a petición de estender a fórmula a Galicia para "frear ao nacionalismo galego- e coa extrema dereita de Vox baixo os focos dos grandes medios de comunicación.
"Ten que aclarar o escenario electoral", pediu Gonzalo Caballero
Neste escenario, dende a que actualmente é primeira forza da oposición galega, o PSdeG, o seu líder e candidato afirma que a formación está preparada para ir ás urnas cando Feijóo decida. "Ten que aclarar o escenario electoral, cando vai convocar as eleccións para que falen os galegos e galegas", reclamou Gonzalo Caballero durante a sesión de control do pasado mércores, marcada pola inminente manifestación de SOS Sanidade Pública, na que o vindeiro domingo coincidirán todas as forzas a oposición galega. Caballero está a desenvolver unha intensa axenda preelectoral, con actos practicamente a diario.
O Bloque lanza o proxecto 'Pensar Galiza' para "enriquecer" contidos do seu programa
O BNG ten igualmente en marcha a maquinaria preelectoral. Durante a licenza de maternidade da súa portavoz nacional e candidata, Ana Pontón, dirixentes como a vicevoceira parlamentaria Olalla Rodil o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, asumen maior peso nunha precampaña á que este mesmo xoves sumaron un novo elemento, o proxecto Pensar Galiza, un laboratorio de ideas para "pensar colectivamente" e "liderar o cambio real que necesita este país para deixar atrás a Galiza do PP", explican. Este foro servirá para "enriquecer" contidos do seu programa, evidencia Rodil.
Noriega sinala como "formais" as negociacións na "esquerda rupturista" dende esta semana
Moito menos conformada está, polo momento, a alternativa (ou alternativas) electoral pola banda de formacións de Podemos e Esquerda Unida ou Anova. Tamén En Marea, cuxo voceiro, Luís Villares, reitera a súa aposta por estar na carreira electoral. No caso dos socios de Unidas Podemos e da organización que lidera Antón Sánchez, as chamadas á confluencia e os contactos multiplícanse dende hai semanas. Tamén dende as mareas municipais, eido no que os ex-alcaldes compostelán e coruñés, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, asumen a interlocución con outras forzas dende Compostela Aberta e a Marea Atlántica. As negociacións no eido da "esquerda rupturista" son "formais" dende esta semana e haberá unha representación con "garantías", afirmaba Noriega o pasado mércores.