Cando se escriba a historia das eleccións galegas do ano 2020, con independencia de cando se celebren e do seu resultado, poderase afirmar que a precampaña comezou o 20 de decembro de 2019. Xusto o día no que o PP divulgou un vídeo de Alberto Núñez Feijóo a chancear co actor Luís Zahera en varias estancias da Cidade da Cultura.
Cando se escriba a historia das eleccións galegas do ano 2020 poderase afirmar que a precampaña comezou o 20 de decembro de 2019, o día no que o PP divulgou o vídeo de Feijóo con Zahera
Nese vídeo resúmese practicamente todo. Sen logotipo ningún do PP e con estética institucional (Feijóo=Xunta), o gabinete do actual presidente apóiase nunha estendida brincadeira, a do seu parecido físico co actor, para colocar todos os marcos do debate: Feijóo é moderación, xusto medio entre os que o chaman "facha" e os que o cualifican de "nacionalista" -galego-, Feijóo non é exactamente un "político", dos que se fala en terceira persoa, e non está a pensar en facer carreira en Madrid. Non é o potencial candidato do partido de Pablo Casado, senón de "Galicia".
A montaxe aproveita ademais para pechar o círculo da que, posiblemente, foi a ocasión na que un importante continxente de electorado do PP puido observar por primeira vez a Feijóo nunha faceta pouco favorecedora, na televisión pública e en horario de máxima audiencia: a noite na que, catro días despois de lograr a súa terceira maioría absoluta, acudiu como convidado ao programa Land Rober. Alí o titular da Xunta deu mostras de descoñecer diversos espazos e personaxes referenciais da Galega, dende o Luar ao propio Zahera. O buraco de imaxe pódese dar por tapado.
O vídeo presidencial é un dos tantos movementos das últimas semanas que evidencia o feito de que o PPdeG ten lanzada a precampaña de 2020 e que contribúe, nos círculos políticos do país, a disparar os ruxerruxes a respecto da data da cita electoral. Maio? Xuño? Ou setembro, cando toca? Nas salas de máquinas da política galega coincídese en sinalar a evolución dos acontecementos no Madrid político, no Goberno de España, como elemento clave para despexar esa incógnita.
O panorama estatal é, precisamente, un dos elementos que máis está a esgrimir Feijóo nesta fase dun proceso preelectoral no que a súa cuarta candidatura á Xunta semella pouco menos que inevitable, o que tornaría unha retirada nunha sorpresa difícil de dixerir para o PP. Faino, concretamente, para xogar coa hipótese que conduciría a unhas terceiras eleccións xerais en España. Ou, o que é o mesmo, para precipitar uns comicios ante os que se presentaría como único sinónimo de estabilidade fronte ao caos xeral.
Para axitar esa hipótese, o líder dos conservadores galegos apoiouse na recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que recoñeceu a inmunidade parlamentaria ao líder de Esquerra Republicana de Catalunya, Oriol Junqueras. Alén de criticar ao TXUE -"ten un choque coa lexislación española", teorizou-, Feijóo viu neste ditame un motivo máis para non "entregar a chave da gobernabilidade de España ao partido do señor Junqueras". "Cantas cousas máis teñen que pasar para parar esta investidura?", cuestionou retoricamente dende o atril de San Caetano.
"Parar a coalición" -do PSOE con Unidas Podemos- para "parar a investidura". Dada a negativa reiterada de Casado de facilitar a reelección de Pedro Sánchez, xa sexa cunha abstención ou votando a prol, ese parón reclamado por Feijóo só derivaría nun escenario, o das terceiras eleccións xerais, as quintas en catro anos. Ou, o que é o mesmo, o marco propicio para se presentar ante o electorado galego como o xusto e calmo medio fronte a un aluvión de radicalidade inestable. O exposto no vídeo de Nadal.
A situación na esquerda
O aparello de precampaña do PP -e da Xunta- xa comezou a rodar segundo o previsto malia a algúns inconvenientes -entre os destacados, as persistentes mobilizacións contra o peche da sala de partos de Verín-. Mentres, na esquerda, a precampaña tamén está activa, aínda que dun xeito dispar. Estao en maior medida na formación que xa ten definida a súa candidatura á Xunta, o PSdeG, e a que está a piques de tela, o BNG.
Pola banda socialista o seu secretario xeral e candidato, Gonzalo Caballero, leva meses cunha intensa axenda de actos e encontros por toda Galicia. Poñen especialmente o foco nas cidades tras os bos resultados das municipais, pero tamén en certas cabeceiras de comarca onde a formación está a detectar cambios de tendencia con relación a anteriores convocatorias electorais galegas: o desgaste que en 2016 atinxía á marca PP agora esténdese á figura de Feijóo, con niveis de rexeitamento cidadán inéditos.
Gonzalo Caballero leva meses cunha intensa axenda co foco especialmente posto en cidades e cabeceiras de comarca; no PSdeG din detectar niveis de rexeitamento á figura de Feijóo inéditos ata o momento
Na contorna da Executiva Nacional do PSdeG concédese importancia aos acontecementos que arrodean á formación de Goberno en España e aos efectos que a xestión do eventual goberno de Sánchez con Unidas Podemos poida ter en Galicia. Pero tamén prestan atención aos movementos na dereita na medida na que, cren, Feijóo vai ter difícil seguir presentándose como sinónimo de "centralidade política", en verbas de Gonzalo Caballero, nun escenario no que necesariamente terá que compartir campaña con Casado e, ao tempo, non dar por completamente desbotada a posibilidade de ter que chegar a acordos con Vox para conservar a Xunta se o partido de extrema dereita logra representación no Parlamento.
No BNG, pola súa banda, a carreira cara ás eleccións galegas quedará lanzada a mediados de xaneiro, cando Ana Pontón quede formalmente reelixida como candidata. A dirección soberanista vese á alza e reforzada tras lograr regresar ao Congreso dos Deputados nas recentes eleccións xerais. Aspira a medrar con relación a hai catro anos e a facelo, cando menos en parte, con votos que daquela apoiaron a En Marea.
Alén das dinámicas e análises de cada casa da esquerda, en practicamente todas compártese unha diagnose: ao contrario que hai catro anos, desta volta a posibilidade dun cambio de Goberno existe
Ese espazo electoral das mareas é, precisamente, a principal incógnita cara a 2020. Admíteno os seus integrantes pero tamén dirixentes de PSdeG e BNG, en cuxa opinión a conformación dunha opción electoral viable nese ámbito é unha das claves do eventual cambio de Goberno en Galicia. Nomes como o do ex-alcalde de Santiago, Martiño Noriega, volven soar con forza nun ámbito no que a gran clave volve ser a fórmula de concorrencia e se organizacións como Podemos, Esquerda Unida e Anova darán ou non confluído nunha única opción. Resta saber, ao tempo, que sucederá con En Marea, a formación que lidera Luís Villares, quen nos últimos días asegurou apostar por unha alianza con outras forzas galegas partindo da "xenerosidade".
Alén das dinámicas e análises de cada casa da esquerda, en practicamente todas compártese unha diagnose. Os grandes números dos recentes procesos electorais indican que, ao contrario do que sucedía hai catro e oito anos, desta volta a posibilidade dun cambio de Goberno existe e que, de darse, a maioría será necesariamente plural. Compártese, así e todo, tamén unha certeza: a maquinaria partidaria e gobernamental do PPdeG nunca deu unha batalla electoral por perdida.