Non houbo cambios radicais nestas eleccións en Galicia. Pasaran menos de sete meses dende os comicios de abril e no noso país VOX non irrompeu coa forza coa que o fixo noutros territorios. Así pois, o taboleiro político apenas se moveu no conxunto do país e tampouco o fixo analizando os datos concello a concello, agás excepcións puntuais.
Na dereita os trasvases foron algo máis importantes, sobre todo polo esborralle de Ciudadanos, que caeu 6,9 puntos, votos que foron recollidos por PP (+4,5) e en menor medida por VOX (+2,5%)
Na esquerda, os movementos de voto foron limitados. En toda Galicia o PSdeG-PSOE caeu oito décimas e En Común fíxoo 1,8 puntos, uns descensos nos que hai que ter en conta igualmente que En Marea (que obtivera 1,1 puntos en abril) non se presentou. Pola contra, o BNG ascendeu 2,4 puntos e Más País debutou con 1,5%.
Na dereita, en cambio, os trasvases foron algo máis importantes, sobre todo polo esborralle de Ciudadanos, que caeu 6,9 puntos, uns votos que foron recollidos por PP (+4,5) e en menor medida por VOX (+2,5%). Neste caso a distribución territorial si que amosa unha diferenza: os votos perdidos por Ciudadanos nas zonas urbanas dirixíronse sobre todo ao Partido Popular e, en cambio, os apoios que os laranxas perderon nas zonas rurais foron en maior medida á ultradereita de VOX.
Este esquema xeral reproduciuse na maior parte dos concellos do país, con subas importantes do PP nas sete cidades, grazas ao descenso de Ciudadanos, mentres que VOX experimentaba ascensos máis modestos. En cambio, en numerosas localidades da zona rural a extrema dereita medrou moito máis que os populares.
PP
O mapa de variación de voto do PP é maioritariamente verde, con alzas xerais e moi poucos concellos con descensos. Destaca o crecemento experimentado en lugares como Oleiros (+8,6 puntos) ou Barbadás (+7,6%), Baiona (+7) ou Sada (+7), ou a propia cidade de Lugo (+7,4), vilas e cidades nas que Ciudadanos perdeu unha cantidade equivalente de votos.
PSdeG-PSOE
Os socialistas rexistraron ascensos moderados en moitos concellos, sobre todo en zonas rurais de Ourense e Lugo. Porén, tamén foron numerosas as localidades nas que o PSdeG-PSOE perdeu forza. Destaca nomeadamente o seu comportamento nas Pontes de García Rodríguez (-10 puntos), pero tamén noutros concellos da súa contorna, posiblemente con traballadores de Endesa e transportistas entre a súa poboación: Monfero, A Capela, As Somozas, Xermade...
En Común
En Común perdeu apoios, sobre todo, nas provincias da Coruña e Pontevedra, en parte pola irrupción de Más País pero tamén pola competencia do BNG. Fíxoo nomeadamente nas cidades e grandes vilas, os lugares que ata agora foron a súa principal reserva de apoios. En cambio, a candidatura de esquerdas mellorou lixeramente o seu resultado en varios concellos do rural ourensán.
BNG
O Bloque creceu en toda Galicia, pero moi especialmente na provincia da Coruña, sobre todo nas localidades nas que máis caeu En Común. Na provincia de Pontevedra a mellora foi máis leve, pero os nacionalistas si medraron na Mariña lucense e nalgunhas zonas da provincia de Ourense.
VOX
A suba de VOX foi xeral en toda Galicia, aínda que destacou a que se produciu en Ribeira, en Meaño e en Barro, por riba dos seis puntos porcentuais. A Costa da Morte, o Barbanza, o Baixo Miño, a Limia ou a Terra Cha foron algunhas das comarcas nas que máis medrou a ultradereita.
Os votos de Ciudadanos
Nas sete cidades fronte aos descensos de Ciudadanos (entre 7 e 9 puntos) a ultradereita só creceu un ou dous puntos
O cruce de datos entre a evolución electoral en cada concello das tres forzas da dereita e a idade media de cada localidade permite constatar que nas áreas urbanas as caídas de Ciudadanos non supuxeron ascensos para VOX. É dicir, onde máis baixa Ciudadanos VOX crece moi pouco.
De feito, nas sete cidades fronte aos descensos de Ciudadanos (entre 7 e 9 puntos) a ultradereita só creceu un ou dous puntos. E vilas como Oleiros, Ames, Mos, Culleredo, Teo ou Vilagarcía amosaron comportamentos semellantes.
Nas zonas urbanas, onde máis baixa Ciudadanos é onde máis sobe o PP
En cambio, se analizamos os datos dos 100 concellos galegos con menor idade media, si que atopamos unha relación directa moi clara entre as caídas de Ciudadanos e importantes ascensos do PP: onde máis baixa Ciudadanos é onde máis sobe o PP.
Nos 213 concellos máis avellentados, en cambio, o comportamento de PP e VOX foi semellante, recibindo ambos os dous trasvases de votos de Ciudadanos.
Iso si, o voto a VOX en Galicia segue correspondendo principalmente a concellos con menor idade media, debido en parte á fortaleza que demostra o PP nas localidades máis envellecidas.