Coalición "letal"

Comité de dirección do PPdeG sobre un gráfico coa evolución do voto en Galicia CC-BY-SA PPdeG | Gráfico e montaxe: Praza Pública

O pasado maio, a apenas dez días das eleccións municipais, Alberto Núñez Feijóo concedía unha entrevista ao xornal La Región na que situaba a batalla na capital ourensá como unha dicotomía: ou retiña a alcaldía o PP con Jesús Vázquez ou erguía o bastón de mando o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, co apoio do PSdeG -suxería-. "Como ourensán e como presidente de Galicia, creo que sería letal para Ourense ter un alcalde como Jácome", reflexionaba o líder do PPdeG. "Lamentablemente, fóra empézannos a coñecer por iso; preocúpanos, porque nos dá mala imaxe", agregaba.

Esta semana Feijóo recuperou o adxectivo que empregara para descualificar a Jácome, a quen acabou dando o goberno, para cargar contra o pacto do PSOE con Unidas Podemos, os "comunistas"

Un mes despois daquela entrevista, Gonzalo Pérez Jácome era investido alcalde de Ourense. Non cos votos do PSdeG, senón cos do votos do PP, que como segunda forza da corporación ourensá entregaba o bastón de mando ao líder da terceira, DO, a cambio de que os de Jácome mantivesen a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación, onde o PP viña de perder a maioría absoluta. Ambos gobernos bipartitos de coalición tiveron o visto e prace da dirección galega do PP, que avaliou como "moi positivo" o pacto con quen Feijóo definira como "letal".

Foi Feijóo quen, esta mesma semana, recuperou o adxectivo. O o que agora o presidente da Xunta do PPdeG ve "letal" non é un Jácome alcalde, senón o preacordo de PSOE e Unidas Podemos para gobernaren España en coalición. Se no contexto municipal Feijóo deixaba caer saudades polas perdidas maiorías absolutas do PP, no estatal faino polos dirixente do PSOE que xa non son tal. O líder conservador di botar en falta a Felipe González -a quen votou en 1982- ou ao finado Alfredo Pérez Rubalcaba -de quen se mofaba cando foi cabeza de cartel socialista alcumándoo como "Zapatero dos"-. Eles, teoriza, nunca pactarían "co Partido Comunista" como fai Pedro Sánchez, dixo en referencia a Podemos. 

Feijóo observa a Jácome tras manter o seu primeiro encontro institucional con el como alcalde de Ourense, o pasado verán CC-BY-SA Xunta

Non é novo o adxectivo "comunista" no argumentario do PPdeG para augurar a chegada de horas graves. Xa o fixeran ás portas da campaña electoral municipal de 2015 ou en vésperas das eleccións galegas de 2012. Tamén no seu curto paso pola oposición para censurar medidas como o Banco de Terras, que o Goberno popular defende como propio hai anos.

Dende o atril da Presidencia da Xunta Feijóo proclamou que se "alguén pode parar esta coalición" debería "facelo", sen aclarar quen é "alguén" e que "debería facer"; a súa defensa da gran coalición foi respondida con hilaridade dende o PSdeG

Esas apelacións aos socialistas de noutrora fíxoas Feijóo dende o atril da Presidencia da Xunta, o mesmo que estará en xogo nas urnas en menos dun ano. Dende San Caetano clamou pola súa ansiada gran coalición coa fórmula PSOE-PP para gobernar España. A mesma que pola vía dos feitos desbarataría as posibilidades coas que a esquerda puidese chegar a 2020 para gobernar Galicia.Para logralo, "se alguén pode parar esta coalición entre o Partido Socialista e Podemos debería facelo, cada un no ámbito das súas responsabilidades", clamou Feijóo sen aclarar quen é "alguén" e que "debería facer".

Dende a cúpula estatal do PP pechan a porta á vía Feijóo, que sitúan no terreo da irrealidade. O escaso eco que -cando menos de momento- tiveron as súas graves apelacións suscitaron a hilaridade no seo do PSdeG, cuxo secretario xeral, Gonzalo Caballero, lamentou que "utilice os Concellos da Xunta non para tomar medidas que permitan que a cidadanía de Galicia viva mellor", senón para "xogar á política nacional que non lle permitiron facer dentro do PP". Caballero retrucaba así durante unha visita a Ourense, onde sinalou a "complicidade de Feijóo con Baltar" e co "esperpento de Jácome". O alcalde "letal" que goberna co PP e ao que a Xunta do PP advertía esta semana do difícil encaixe urbanístico do rañaceos de 80 andares que disque lle gustaría construír.

Aperta entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias tras asinaren o preacordo para gobernaren en coalición © Inma Mesa / PSOE

Na esquerda galega esténdese o convencemento de que o futuro do pacto PSOE-UP será crucial para o escenario electoral galego de 2020, que o PPdeG xa prepara 

Alén das declaracións públicas que atribúen ao "nerviosismo" cara a 2020 as chamadas de Feijóo a "parar" a Pedro Sánchez -que "alguén" faga algo-, nas filas das diferentes formacións da esquerda galega esténdese o convencemento de que a consecución ou non do goberno de coalición de PSOE e UP no Estado e, de saír adiante, o xeito en que dea os seus primeiros pasos serán cruciais para o escenario electoral galego de 2020. Nese ano verase para quen, en realidade, foi politicamente "letal" tal pacto e a súa vaga expansiva, tanto na xestión do gabinete Sánchez-Iglesias no caso de saír adiante como nas súas repercusións nas filas rupturistas galegas e a súa relación co BNG no seu regreso ao Congreso.

Sexa como for, si existe xa unha certeza. O PPdeG xa se prepara para as eleccións galegas en todas as frontes, tamén a gobernamental e partidaria. O comité de dirección do partido reuniuse o pasado venres para avaliar o acontecido o 10N e activar motores para uns comicios de 2020 cuxa data exacta depende en exclusiva do propio Feijóo. Non sería a primeira vez que a convocatoria colle co pé cambiado á esquerda. Nin tampouco a primeira ocasión, visto o último ano, na que o PPdeG acaba avalando unha coalición "letal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.